Premio Nacional de Literatura Asturiana

O Premio Nacional de Literatura Asturiana (Premiu Nacional de Lliteratura Asturiana) é un galardón literario que concede cada tres anos a Academia de la Llingua Asturiana ao escritor ou escritora destacada pola súa traxectoria na literatura en lingua asturiana. O premio só pode ser concedido a unha persoa de cada vez, e non pode ser outorgado a título póstumo. A primeira edición foi en 2017.

O xurado que outorga os premios está formado polo Presidente ou Presidenta da Academia de la Llingua Asturiana, tres membros numerarios da institución, un representante da Consellería de Educación e Cultura do Goberno de Asturias, e dúas personalidades de recoñecido prestixio do mundo universitario especialistas en literatura asturiana.

O premio está dotado con 3000 euros, un medallón distintivo do escultor Adolfo Manzano, e a publicación dunha pequena antoloxía representativa da produción literaria da persoa agraciada.

Edicións celebradas editar

Tras a publicación das bases do premio o 15 de setembro de 2016[1] e a apertura do prazo para a presentación de candidaturas, resultaron finalistas Xuan Bello, Antón García, Roberto González-Quevedo, Berta Piñán e Xuan Xosé Sánchez Vicente.[2] O 13 de xaneiro de 2017 fíxose público o veredicto do xurado, que deu como gañador o autor de Tinéu Xuan Bello.

O xurado destacou que o mesmo «asitió l'asturianu nel mapa de la lliteratura estatal ya internacional» referíndose concretamente á súa obra Historia universal de Paniceiros. Nesta edición o xurado estivo composto por Ana María Cano (Presidenta da Academia), Xosé Antón González Riaño, Xosé Ramón Iglesias e Carmen Muñiz Chacón (académicos de número), Fernando Padilla Palicio (representante da Consellería) e os profesores da Universidade de Oviedo José Luis García Martín e Leopoldo Sánchez Torre.[3]

Notas editar