Praza Maior de Lugo

praza en Lugo

Coordenadas: 43°00′35″N 7°33′24″O / 43.009722, -7.556649

A Praza Maior de Lugo é o centro vital da cidade de Lugo, e o principal lugar de encontro dos lucenses, é ademais a praza máis grande do centro histórico da cidade. Luís Pimentel chamouna "sala de visitas da miña vila".[1] Nela pódese atopar a Casa do Concello, as estatuas adicadas aos fundadores da cidade, un pequeno paseo con placas e bustos adicados aos principais escritores do país, o "quiosco da música" e o edificio do Círculo das Artes.

Convento dos Franciscanos de 1598.

Historia editar

 
Edificio do Círculo de Belas Artes.

A Praza Maior é a máis grande das prazas que se atopan dentro do recinto amurallado. O lugar no que está situado, crese que nos tempos do Lucus Augusti albergaba ao anfiteatro.[2] Aínda que a Casa do Concello que coroa a praza é do século XVIII, a Praza Maior tal como se coñece hoxe en día non se conformou como tal até o século XIX, na gran reforma urbana que se levou a cabo despois da desamortización.

A praza, daquela chamada Cortiñas de San Román, había un convento de monxas, derrubado en 1840, para permitir a formación do novo espazo. Nel celebrábase o mercado maior da cidade, e estaba presidido por unha fonte con leóns de ferro, fundidos na fábrica de Sargadelos, hoxe no Parque de Rosalía de Castro. No 2 de abril de 1846 pronunciouse na praza o 2º batallón do rexemento de Zamora, comandando por Miguel Solís, dando inicio á revolución galega de 1846. A principios do século XX a praza sufriu outra reforma para dotala dun xardín central, suprimindo a fonte (1914). A finais do século XX e comezos do XXI a praza sufriu a súa última gran renovación.

Descrición editar

 
Algúns dos soportais da praza.
 
Placa adicada a Rosalía.

A Praza Maior de Lugo ten forma rectangular, e está presidida pola Pazo do Concello, un dos máximos expoñentes do barroco civil galego. Polo lado norte hai casas con soportais, que albergan locais de hostalería e diversos comercios. Dende esa beira tamén se accede á rúa Doutor Castro, popularmente coñecida como Rúa das Docerías. Na outra beira da praza atópase o Convento dos Franciscanos, hoxe colexio, que data de 1598 e o edificio do Círculo de Belas Artes, coroado cunha cúpula, de 1855. Outros edificios destacables son o que fai esquina coa rúa Conde de Pallares, unha casa palaciana de feituras barrocas, que ten na fachada un escudo sen labrar.

No centro da praza, atópase un xardín en cuxo centro está o quiosco da música, obra de ferro sobre base de cantería, construído en 1888. Cando se inaugurou o quisco era director da Banda Municipal Xoán Montes. Na beira sur da praza atópase unha estatua adicada aos fundadores da cidade, e preto da mesma áchase o monumento de bronce adicado a Luís Pimentel, poeta que naceu na casa número 15 da propia praza, e morreu na número 16. A casa de Pimentel hoxe está integrada no grande edificio que preside a outra cabeceira da praza, a Fundación Caixa Galicia.[1] Ao redor da parte central da Praza atópanse diferentes monumentos adicados aos principais escritores galegos, como Castelao, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Manuel María.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Praza Maior en Lugo Turismo". Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2012. Consultado o 18 de setembro de 2010. 
  2. Praza Maior

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar