Porta

estrutura móbil para abrir ou pechar unha entrada

Unha porta é unha abertura nunha parede que serve para permitir ou impedir a pasaxe dun ambiente a outro ou do interior ao exterior. Tamén chámase porta ao elemento móbil que serve para pechar dita abertura.

Porta en Frigiliana, Málaga.
Porta en Flariz, Monterrei.
Porta do Alcázar, Ávila.
Porta de Toledo, Madrid.
Porta de Palos, catedral de Sevilla.

Funcións editar

A porta satisfai a necesidade de evitar a entrada de intrusos, controlando o mesmo aos animais que aos humanos e os vehículos. Esta é a razón de ser dos postigos. Esta é tamén a función das portas das vilas e das cidades.

A porta satisfai a necesidade de illar das correntes de ar. Manter a temperatura do interior dun edificio é unha función primitiva ligada ao control da ventilación e da calor. Nalgúns edificios disponse unha segunda porta, o cortaventos, que coarta a circulación de ar entre exterior e interior. A porta ocúpase tamén de manter o silencio no interior dos edificios e de illar os cheiros. Nas vivendas modernas considérase que para manter un nivel de confort aceptable cómpre ter locais especializados para a hixiene persoal, para a limpeza do edificio e para o almacenamento de lixos.

A porta, como a fiestra, satisfai a necesidade de marcar unha fronteira entre o dominio público e o privado, entre exterior e interior, non só visualmente, senón tamén xuridicamente. Tamén encárgase de organizar os espazos e regular o paso dunha peza a outra no interior dun edificio dun xeito cómodo e funcional. Na disposición e na configuración das portas a linguaxe formal empregada é unha convención que fala da súa función dentro dun edificio (non é o mesmo a porta dun armario que a dunha habitación).

A porta satisfai a necesidade de interromper o libre avance do lume en caso de incendio nun edificio. Convértese nun elemento protector para as vidas e os bens. Actualmente empréganse portas fabricadas especialmente para este propósito, cunha resistencia ao lume calculada e capacidade para actuar como devasa interior no edificio. As portas dos locais sensibles, como as dos arquivos ou as dos quirófanos, refórzanse para que poidan resistir máis tempo ao lume e impedir o paso de fumes e gases.

A porta satisfai a necesidade de separación e de reunión simbólicas, dende un punto de vista relixioso, filosófico ou político[1]. A porta é o límite entre o mundo natural e o sobrenatural no panteón do cemiterio, o límite entre o sacro e o profano na igrexa, o límite entre o civilizado e o rústico na cidade[2]. Historicamente a porta non pode ser franqueada polos que perseguen a alguén que busca asilo en sagrado ou nun edificio diplomático.

A porta satisfai a necesidade estética e de representación social alén da súa función como elemento regulador do acceso. Edificios correspondentes a diversas tipoloxías os principios de composición da porta permanecen inalterables e obedecen a unha simboloxía idéntica. Esta fórmula ten dado o arco de triunfo, o arco conmemorativo, en ocasións como elemento efémero. A porta anuncia o rango dos habitantes dunha vivenda, a dignidade da función dun edificio público, o talle moral dunha función relixiosa.[3]. Nun edificio común, ademais, as placas profesionais, as caixas postais, as aldrabas e os timbres forman parte da linguaxe pública da porta. Nas casas de veciñanza a porta principal ten indicado o número de policía, mentres que as portas de servizo carecen del.

No caso das murallas dunha cidade, as portas servían para de exercer un control sobre o tráfico de persoas e mercadorías que entran e saen da cidade. A porta convértese así nun elemento de control sanitario e de recadación fiscal a través dos portazgos e das alcabalas. Esta barreira atópase máis tarde na peaxe das estradas, no torno do metro e nas entradas do cinema, do museo, do circo, e mesmo no reloxo de fichar no traballo.

Configuración editar

As portas poden ser construídas de materiais diversos, aínda que a madeira (especialmente a compensada) sexa o material máis popular. Outros materiais posibles son o aluminio, o aceiro, o ferro ou o PVC.

A porta, na súa forma máis tradicional, está formada polos seguintes elementos:

  • Folla: normalmente unha chapa (de madeira ou metal) responsable da vedación da parede cando a porta está "pechada".
  • Batentes: son os perfís rectangulares (de madeira, metal ou outro material) que están presos na abertura da parede e permiten a fixación da folla.
  • Guarnición: é o elemento responsable por esconder a xunta entre a parede e a madeira do batente.

O vao aberto na parede e que resulta pechado pola porta consta de tres elementos:

  • Soleira: na base, que en portas que dan ao exterior está normalmente levantada respecto ó chan de fóra para evitar a entrada de auga. Tamén se chama limiar ou soarego.
  • Xambas: os dous lados da porta, nos que se suxeitan os batentes. Nas casas tradicionais, de pedra, adoitan estar formadas por varias pezas de distinta forma e tamaño, aliñadas verticalmente cara ao interior da porta. As pedras máis grandes, que avanzan no espesor da parede, denomínanse tranqueiros; as máis pequenas, agullas. Sinónimos de xamba son: agulla, macheta, pé dereito, tranqueiro ou ucheira.
  • Lumieira: pedra situada horizontalmente sobre a porta. Chámase tamén capialzo ou lintel.

Tipos de portas editar

De acordo co seu deseño, as portas poden clasificarse como segue:

  • Porta dunha folla ou de dobre folla.
    • Cando a dobre folla é por división horizontal, a parte inferior chámase propiamente porta e a superior, postigo.
  • Porta de correr.
  • Portón
  • Portela
  • Porta carral: máis ancha, para o acceso do carro ó interior.

As portas nunha fortificación editar

Elemento crítico na defensa dunha fortificación, demandaba coidados especiais dos seus arquitectos en tódalas épocas. De maneira xenérica, un castelo, forte ou fortaleza presentaba dúas portas nos seus muros: o portón principal, de maiores dimensións, e a chamada Porta da Traizón, menor e, na medida do posible, disimulada, en posición oposta e afastada, para calquera eventualidade da guerra.

Notas editar

  1. Umberto Eco. La estructura ausente. Lumen, Barcelona, 1999. ISBN 84-264-1272-6
  2. Deuteronomio 6:6-9: 6 Grábate en el corazón estas palabras que hoy te mando.7 Incúlcaselas continuamente a tus hijos. Háblales de ellas cuando estés en tu casa y cuando vayas por el camino, cuando te acuestes y cuando te levantes.8 Átalas a tus manos como un signo; llévalas en tu frente como una marca;9 escríbelas en los postes de tu casa y en los portones de tus ciudades.
  3. "Arbeit macht frei" líase sobre as portas dos campos de concentración.