Porfirión (do grego antigo Πορφυρίων Porphyriôn, 'puxar', erguerse', 'brotar') foi un personaxe mitolóxico, un dos Xigantes que se rebelaron contra Zeus e os outros deuses olímpicos. Como o resto da súa raza, foi enxendrado por Xea (a Terra) a partir das pingas de sangue que caeron ó chan ó castrar Cronos a Urano (esposo de Xea e pai de Cronos). Para Hixino, era fillo de Éter e Nix (a Noite).

Zeus acaba con Porfirión (Altar de Pérgamo, Berlín)
Reprodución hipotética

Con Alcioneo foi un dos principais protagonistas do enfrontamento coñecido como Xigantomaquia. Algún mitógrafo engade que a súa nai, Xea, prometéralle a man de Hebe, se loitaba contra os deuses, para destronar a Zeus.

Cando Porfirión atacou a Zeus, lanzando sobre el a illa de Delos, o deus inspiroulle un desexo lascivo por Hera e, cando o xigante estaba distraído intentando espir á deusa arrincándolle o peplo [1] para violala, Zeus lanzoulle o seu raio divino, á vez que Heracles o aseteaba, dándolle morte.

"Superaban a todos Porfirio e Alcioneo... En canto a Porfirio, enfrontouse na batalla a Heracles e Hera. Pero Zeus fixolle concibir desexo por Hera, e ela, ó desgarrarlle Porfirio o peplo coa intención de violala, gritou pedindo axuda e, ó mesmo tempo que Zeus fulminábao co raio, Heracles deulle morte coas súas frechas".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 6, 1-2)

Outras narracións do mito fano vítima das frechas de Apolo, xunto a Tifón.

Notas editar

  1. "Vestidura sen mangas empregada polas mulleres gregas, formada por unha tea que se abrochaba nos ombros cunha fibela e se cinguía ao corpo cun cinto, e facía caídas en punta por diante", (Dicionario en liña da Real Academia Galega [consultado o 17.12.2010]).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ªed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].