Ponte de Alcántara

Coordenadas: 39°43′20″N 6°53′31″O / 39.72222, -6.89194

A ponte de Alcántara é unha ponte romana de arcos de medio punto,construída entre 104 e 106, que cruza o río Texo na localidade de Alcántara (Cáceres). É unha obra de enxeñaría única no mundo polas súas dimensións, estado de conservación e o seu uso continuado durante case 2000 anos.

Descrición editar

 
Arco de Traxano na ponte de Alcántara.

Ao contrario que a maioría das pontes romanas, non ten un perfil curvado, máis alto no centro e máis baixo nas beiras, senón horizontal cunha lonxitude de 194 m. A altura dende o fondo do río até o pavimento é de 47 m[1]. Consta de seis arcos de alturas variables, tendo os dous centrais -o terceiro e o cuarto- que son os máis maiores, unha altura de 27,35 m e 28,6 m[1]. Descansan sobre cinco piares, igualmente, de diferentes alturas sobre un terreo con predominio de lousa. Os piares teñen unha base con estrutura pentagonal e presentan na fronte unha cuña para cortar a forza da auga. A ponte está composta por perpiaños en almofada de rocha granítica de entre 45 e 55 cm, sen argamasa e opus quadratum.

Na parte central da ponte, existe un fornelo conmemorativo cun arco de triunfo superior de máis de 10 m de altura, denominado de Traxano. En ámbolos dous lados aparecen placas de mármore: nunha amósase a data de construción e a outra contén unha inscrición que indica que foi construída en honra do emperador romano Traxano, nado en Hispania. Esta última, di[1]:

Imp(eratori)· Caesari· Divi. Nervae·f(ilio)·Nervae·/

Traiano·Aug(usto)·Germanico Dacico, Pont(ifici)·Max(imo) /

trib(unicia)·potest(ate) VIII,· imp(eratori) V· co(n)s(ule) V · p(atri)·p(atriae)

(Ao emperador César, fillo do divino Nerva, Nerva Traxano Augusto, Xermánico, Dácico, Pontífice Máximo, coa VIII potestade tribunicia, emperador por V vez, Cónsul por V vez, padre da patria).

Ademais, nun dos extremos da ponte, érguese un pequeno templete romano, cunha única nave ou cella que está dividida en dúas estancias. No lintel, hai outra pequena inscrición cunha advocación aos deuses e ao César e onde se indica o nome do enxeñeiro Caio Xulio Lacer[2]. Na Idade Media foi cristianizado e consagrado a san Xulián, e engadíuselle unha espadana e unha cruz apoiada sobre catro caveiras de granito.

Historia editar

A ponte de Alcántara foi construída grazas aos impostos de sete vilas lusitanas e pretendía unir a calzada de Norba Caesarina (Cáceres, España) a Conimbriga (Condeixa-a-Velha, Portugal) como estación da Vía da Prata. O nome provén de época andalusí na Idade Media, xa que al-qantara ( القنطرة) significa a ponte en árabe.

 
A Ponte de Alcántara nunha fotografía tomada cara a 1870 por J. Laurent.

Durante as guerras, pola situación fronteiriza, algúns dos seus arcos eran destruídos e despois reconstruídos. A primeira vez, en 1213, foi parcialmente destruído polos musulmáns para evitar que Afonso IX, rei de León e Galicia, recuperase a vila de Alcántara; eliminaron 60 pedras do arco máis pequeno[3]. En 1475, nas loitas entre Castela e Portugal, cando se pensaba na súa destrución para evitar que Afonso V o cruzase, salvouno a gallardía do que mandou unha mensaxe ao seu inimigo o duque de Villahermosa indicando que daría un rodeo, pois «non quería o reino de Castela con aquel edificio menos».

Máis tarde foi recomposto por Carlos I en 1543, desfigurando o perfil do arco central e coroándoo de ameas e refacendo o primeiro arco de poñente que fora destruído en 1213 cando cercou a vila Afonso IX para arrebatarlla aos árabes. Para deixar memoria da restauración labrouse o escudo imperial que coroa o arco do triunfo e escribiuse:

Carlos V Emperador, Cesar Augusto Rei das Españas, mandou reparar esta ponte que deteriorada polas guerras e a súa antigüidade ameazaba ruína, o ano do señor 1543, no 24 do seu imperio e 26 do seu reinado.

En 1707 durante a Guerra de Sucesión destruíuse o arco de entrada de poñente e non foi até 1778 candoCarlos III ordenou a súa restauración. O segundo arco da ponte foi destruído en 1809 durante a Guerra da Independencia contra as tropas napoleónicas e até 1818 non se substituíu este arco por unha estrutura de madeira para o paso de carruaxes; porén foi novamente incendiado en 1836 polas tropas isabelinas para impedir o paso dos carlistas, que mandados por Miguel Gómez Damas, invadiran a provincia.

Foi novamente reconstruída en 1860 durante o reinado de Isabel II. Nesta última restauración do século XIX tapáronse as xuntas das pedras e engadiuse unha placa cunha inscrición que di:

Elisabeth Borbonia Hispaniarium regina, norbensem potem antiquae provinciae lusitaniae, opus iterum bello interruptum, temporis vetustate pene prolapsum restituit aditum utrimque amplificavit, viam latam ad vaccaeos fieri iussit anno domine MDCCCLIX.

En setembro de 1969, para construír o encoro de Alcántara, cuxa presa se atopa 600 metros augas arriba da ponte e cuxa capacidade é de 3137 hectómetros cúbicos, desviouse o caudal do río a través duns túneles e o leito do río, augas abaixo, quedou completamente seco en varios quilómetros. Observouse entón que unha das pilas estaba descalzándose, polo que se procedeu á súa reparación. A ponte romana quedou por primeira vez na súa historia sen río.

A ponte de Alcántara hoxe editar

 
A ponte de Alcántara desde a marxe esquerda do Texo, augas abaixo da ponte.

Desde a restauración realizada en tempos de Isabel II non se realizou ningunha obra importante de conservación, salvo a xa mencionada de 1969, mais existen algunhas partes que necesitan urxente atención. Os romanos expresaron claramente a súa mentalidade na realización de obras públicas; no lintel do templo situado na marxe esquerda da ponte, está gravada a frase PONTEM PERPETVI MANSVRVM IN SECVLA MVNDI: «esta ponte durará mentres dure o mundo».[4]

 
Ilustración da ponte de 1835 aparecida na publicación británica The Penny Magazine.[5]

Existen actualmente moitas asociacións que solicitan unha intervención urxente, así como a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.[6] Foi declarado Monumento Nacional o 13 de agosto de 1924, e conmemorouse o 90 aniversario deste nomeamento cunha cadea humana.[7]

Participou nun concurso organizado pola Guía Repsol para ser elixido «Mellor Recuncho de España» de 2014, superando en todas as fases os seus competidores. Con todo, o 17 de setembro foi proclamado gañador ex aequo xunto co outro finalista, a ermida de San Felices na Rioxa. Os apoios populares a ambos os monumentos saturaron nalgúns momentos a páxina web dos organizadores do concurso[8].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Blanco Freijeiro,, Antonio; Angulo Íñiguez, Diego (1977). El puente de Alcántara en su contexto histórico: discurso de ingreso. Real Academia de la Historia. ISBN 84-600-0724-3. 
  2. Triadó Tur, J.R.; Pendás García, M.; Triadó Subirana, X. (2016). Historia da Arte (1ª ed.). Vicens Vives. pp. 80–81. ISBN 978-84-682-3638-4. 
  3. Madoz, Pascual (1843). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar. Tomo I (2ª ed.). p. 408. 
  4. Herrero Uceda, Miguel y Elisa: Mi Extremadura. Elam editores. 2012. ISBN 9788493658540, páx. 32.
  5. The Penny Magazine.
  6. A Ponte de Alcántara Kántara As-Saif
  7. «Conmemorarán a declaración da Ponte de Alcántara como monumento nacional.» 12 de agosto de 2014.
  8. "El Puente de Alcántara compartirá el título de Mejor Rincón con la ermita riojana". Hoy.es (en castelán). Consultado o 2016-10-18. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Brown, David J. (1993), Bridges, Nova York: Macmillan Publishing Company, p. 25, ISBN 002517455X 
  • Galeazzo, Vittorio (1994), I ponti romani. Catalogo generale, Vol. 2, Treviso: Edizioni Canova, p. 215 (No. 443), ISBN 88-85066-66-6
  • Graf, Bernhard (2002), Bridges that Changed the World, Múnic: Prestel, pp. 20-21, ISBN 3791327011 
  • O’Connor, Colin (1993), Roman Bridges, Cambridge University Press, pp. 109–111 (SP21), ISBN 0-521-39326-4 
  • Terribas, Beatriz (xullo de 2004). «Ponte de Alcántara». Revista do Ministerio de Fomento (531). 

Ligazóns externas editar