Ponte, Silleda

parroquia civil do concello de Silleda

San Miguel de Ponte é unha parroquia que se localiza no concello de Silleda. Segundo o IGE, no ano 2017 tiña 155 habitantes (79 homes e 76 mulleres), distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 32 habitantes en relación ao ano 2000 cando tiña 187 habitantes. O seu nome provén da antiga ponte que servía de paso entre as terras de Trasdeza e as de Deza.

Ponte
Igrexa de Ponte
ConcelloSilleda[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°42′58″N 8°13′32″O / 42.716083333333, -8.2255277777778Coordenadas: 42°42′58″N 8°13′32″O / 42.716083333333, -8.2255277777778
Área4,1 km²
Poboación155 hab. (2017)
Densidade37,8 hab./km²
Entidades de poboación8[1]
editar datos en Wikidata ]

Xeografía editar

Lindes e división editar

Os linde desta parroquia son: San Pedro de Losón (co río Deza no medio) e Saídres polo norte, Silleda polo sur, Saídres e O Castro polo oeste e Vilar, Anzo e San Pedro de Losón (estas últimas separadas polo Deza) polo leste. Ten 10 núcleos de poboación (de norte a sur): O Sino, A Aldea de Arriba, A Aldea de Abaixo, A Regueira, Trasfontao e Casderrei, que forman a parte da parroquia coñecida como "San Miguel"; O Espiño, Trasdosisto, onde se atopa o campo da festa; Rosende e Meixomence, sendo este último o máis afastado do resto.[2]

Hidrografía editar

O río Deza, de sueste a noroeste, separa esta parroquia de San Pedro de Losón e de Anzo. O Deza, fundamental na historia de Ponte, deixa ao seu paso grandes pozos, os máis deles moi profundos. Famosos son o Pozo do Pego ou de Avogado ou o "Puzo Negro", os cales son protagonistas de multitude de historias e anécdotas.

Outra gran corrente de auga é o chamado regueiro de Rosende, coñecido noutros puntos da xeografía silledense como "río da Gouxa" ou "río da Mera, que discorre de sur a nordeste, desembocando no Deza. Este regueiro, que discorre polo lugar do mesmo nome e recibe a auga doutro regueiro que procede do lugar de Meixomence, era o que movía varios muíños que agora se atopan en ruínas. Próximas a estas construcións, atópanse as "Fervenzas dos Muíños"[3], nun contorno de gran beleza, pero na actualidade practicamente inaccesible. Augas abaixo, ademais doutros saltos de auga, atópase a "central de Pereiro", a antiga central hidroeléctrica que levaba a corrente producida a Silleda. Foi construída por Perfecto Pereiro Castro e posta en funcionamento en 1920, sendo atendida por varias persoas que viviron na vivenda anexa. Finalmente o regueiro de Rosende desemboca no Deza, dividindo antes o monte da Devesa: a Devesa de San Miguel, na marxe esquerda; e a Devesa de Rosende, na marxe dereita. Un afluente deste é o antes citado regueiro de Meixomence, que nace no lugar das Casas do Monte, atravesa entubado as instalacións da Feira Internacional de Galicia, sae de novo á superficie no lugar do que recibe o nome e continúa ata Rosende onde desemboca no regueiro antes citado.

Por último, destaca o rego da Regueira ou do Regueiro, que nace na Fonte de Outeiro, no lugar de Casderrei, e que na súa viaxe cara ao Deza, serviu para regar cultivos e prados ao longo dos últimos séculos. Dá nome a dous lugares: o núcleo de poboación da Regueira e os prados coñecidos como "do Regueiro".

Orografía editar

Ponte caracterízase polo seu relevo irregular. Dende as pendentes que caen dende Silleda, báixase cara a unha pequena chaira no centro da parroquia, que logo vai desaparecendo para dar lugar a pequenos vales que van converténdose en angostas pendentes canto máis preto está o Deza. As principais elevacións da parroquia son o Picoto, en Rosende; a Lomba, en Trasdosisto; o Coto de Laxes, preto da Regueira; e o Coto do Outeiro, próximo ao Sino.

Demografía editar

Censo total (2012) 166 habitantes

Evolución da poboación:

Historia editar

Idade Media editar

A denominación de Ponte deriva das sucesivas pontes que foron construídas para cruzar o río Deza como a Ponte da Insua ou a Ponte do Preguntoiro. Da primeira, considerada a máis antiga, conservábanse as fundacións onde nunha pedra das mesmas se podía ler a seguinte inscrición en castelán: "Este puente se hizo con vino de Cantalarrama". Esta ponte dá nome a terreos na veciña San Pedro como a Zarra da Ponte. Na actualidade só queda unha, construída a principios do século XX e máis tarde modificada, a Ponte do Pozo Negro.

 
Ponte do Puzo Negro, sobre o río Deza

Os primeiros datos rexistrados sobre a parroquia de Ponte datan dun documento de 1463, onde aparece o aforamento de tres casales: o Casal de Rey (do que deriva do nome de Casderrei), o de Trasfontao e o de Numelle (ou Nonelle)[4]. Estes casais volven ser protagonistas doutro documento de aforamento datado de 1521.

Idade Moderna editar

Ponte pertencía no século XVIII á provincia de Santiago dentro da xurisdición de Trasdeza. Estaba constituída polos núcleos de poboación de Aldea de Abaixo, Casderrei, A Regueira e Trasfontao[5]. Ademais, a ela estaba agregado parte do chamado couto de Rosende, formado polos núcleos de Meixomence, As Casas do Monte e Rosende. Este último lugar atopábase dividido entre Ponte e Vilar[6]. Esta demarcación estaba rexida pola Encomenda de Beade, orde pertencente á Orde de San Xoán de Xerusalén. A igrexa de San Miguel estaba situada no lugar do Agriño, nunha posición idónea xa que consta que había outros núcleos de poboación en lugares como Nonelle, xa citado, ou Raras, situados ao norte e a menor altitude da mesma, quedando esta no centro da parroquia. Estes lugares foron quedando deshabitados, sendo utilizados polos veciños os restos das vivendas para construír valos na chousas e leiras próximas a estes lugares.

Idade Contemporánea editar

 
Restos do cemiterio e da igrexa vella

Debido á súa mala situación e as constantes inundacións, en 1863, a liturxia foi trasladada á capela da Virxe dos Remedios situada ás aforas de Rosende, que foi construído no ano 1800, e coas pedras da igrexa vella púxose en marcha a ampliación do pequeno santuario. A día de hoxe, aínda se poden ver restos (soamente o valo do adro e pedras espalladas polo mesmo) da antiga igrexa ocultos pola maleza. Así, o patrón deixaría o lugar ao que daba nome e trasladaríase ao santuario, que foi progresivamente ampliado e sometido a reformas dando lugar á actual igrexa parroquial[7].

En novembro de 1891, o lugar de Rosende quedou totalmente integrado en Ponte. Ademais, produciuse outro cambio: o lugar das Casas do Monte, onde estivo situado o cuartel das tropas da xurisdición de Trasdeza en 1809 durante a guerra da independencia española[8], pasou a pertencer á parroquia de Silleda. Disgregábase e desaparecía entón o couto de Rosende. Deste modo, a parroquia quedábase con 8 lugares, cifra que aumentaría co paso do tempo.

No século XX, Ponte destacaría polo sindicato de traballadores da vía do ferrocarril, a Unión Obrera de Ponte, de certo carácter socialista. Esta organización sería perseguida e algúns dos seus membros serían represaliados ao iniciarse a guerra civil española en 1936[9]. Tamén se comezaría a explotar unha canteira no monte do Picoto, por onde transcorre o límite entre Ponte e Vilar. Nas proximidades da mesma atópase a fábrica da luz (no regueiro de Rosende), así como a estación depuradora de augas residuais de Silleda. Coa Concentración Parcelaria e a PO-205, melloraríanse as comunicacións na parroquia. Nas décadas finais deste século, empézase a construción do recinto da Feira Internacional de Galicia, parte del no monte do lugar de Meixomence e outra parte en terreos da parroquia de Silleda, onde se celebra a Semana Verde.

Cultura editar

Patrimonio arquitectónico editar

Igrexas editar

A antiga igrexa de Ponte estaba situada no "Agriño", no centro da primixenia parroquia. Tiña unhas dimensións bastantes reducidas, xa que non pasaría dos 20 metros cadrados de oco interior. Arredor dela, situábase o adro, no que eran soterrados os defuntos. Este recinto estaba pechado por un pequeno valado de pedra, que na actualidade é practicamente o único que se conserva. Debido as malas condicións de situación do templo, os veciños e o párroco trasladan en 1863 o patrón á pequena capela dos Remedios, en Rosende, que irían aumentando coas pedras de vella igrexa. Hai que destacar que a igrexa deu nome a varios lugares próximos: O Sino e Tras da igrexa (ou da igrexa vella).

O santuario ou capela da Virxe dos Remedios foi dotado e construído polos veciños de Rosende en 1799 debido aos malos acontecementos ocorridos por aquel entón (malas colleitas, inundacións...) e a longa distancia ás respectivas igrexas de Ponte e Vilar. Coas pedras da vella igrexa, foise ampliando para acoller a liturxia parroquial e maila imaxe do patrón. A primeira gran reforma produciuse entre finais do devandito século e comezos do século XX, debido ao derrube da fachada, que foi levantada uns metros desprazada do lugar anterior, do que dá boa conta a inscrición en castelán que se pode ler na fachada: "Esta obra se hizo en 1903 siendo cura D. José García". Sufriría dúas reformas máis ao longo deste século ata acadar o estado actual, converténdose na nova igrexa de Ponte. Destas, destaca a realizada a finais da década de 1930, sendo párroco Manuel Sánchez Noya, que consistiu na construción do presbiterio e dos arcos da nave central, así como o cambio de localización da sancristía, que pasou dun lateral á parte posterior da igrexa.

 
Oliveira

A moderna igrexa parroquial conta no seu interior con 11 imaxes de distintos santos. Destaca pola súa antigüidade a do Arcanxo Miguel, patrón desta freguesía. Ademais, destacan tres retablos: o altar maior, en cuxo centro se atopa o patrón e no que se aparecen as letras Q C e D, iniciais da tradución ao castelán do nome hebreo de San Miguel (Quién como Dios); o altar da "Purísima" e o dos "Remedios". No campanario, atópanse dúas campás de distinto tamaño. A máis pequena delas, cun pequeno baño de prata, está datada do ano 1879 e formaba parella con outra algo maior das mesmas características, que en 1948 tivo que ser substituída por mor dunha fractura por outra de bronce dun tamaño algo maior. Como dato anecdótico, nesta campá aparece o nome do parroco daquela época: o antes citado Manuel Sánchez Noya, que exerceu en Ponte en dous períodos distintos.

Arredor da igrexa, atopamos o cemiterio parroquial pechado cun valado de pedra, que no 2000 foi ampliado cara a un terreo situado nun plano inferior. Ao pé dese valado atópase a oliveira centenaria, que serve de acubillo para os fregueses nos días de sol. A existencia desta árbore deu pé á expresión "ir para debaixo da oliveira", dado que baixo ela se atopan varios nichos e sepulturas, que se usa para falar do feito de soterrar a unha persoa da parroquia. Na fondo norte do adro atópase a casa reitoral, vivenda dos párrocos ata mediada a segunda metade do século XX. Acompañábaa unha pequena horta, regada pola auga que se saca dun pozo artesán situado á beira do adro, a carón das escaleiras que daban acceso dese a casa ao recinto da igrexa.

Por último, hai un cruceiro de ferro, sobre un pé e unha base de pedra (cunha pequena inscrición en castelán: El redentor de la vida) situado no lugar de Trasdosisto, que procede da antiga igrexa e que, tras pasar pola nova, foi colocado onde historicamente se considerou o límite entre o couto de Rosende e o resto da parroquia de Ponte.

Pontes editar

As principais iconas desta parroquia son as pontes, xa que esta palabra do nome á parroquia. A Ponte do Puzo Negro, situada nunha paraxe de gran beleza, é a última obra de cantería, testemuña do empeño por tentar cruzar o río Deza. Coa construción da PO-205, ergueuse un viaduto de 155 metros de longo e uns 70 de alto, pero durante moito tempo as pontes que se foron construíndo, e por suposto a do Puzo Negro, serviron de paso desde Ponte cara terras do Corpiño. Cóntanse por miles as anécdotas que fan referencia a elas e ás xentes que a cruzaron. A súa localización, no val encaixado do Deza, entre o Monte de San Miguel (en Ponte) e o Oucido (en San Pedro de Losón), foi un dos aspectos que deu pé a máis historias[10].

Muíños editar

Ao pé do río Deza, en Ponte, non se construíron muíños (aínda que si na parte de San Pedro, como o muíño do Avogado, próximo ao Pozo do mesmo nome), pero si foron construídas algúns no regueiro de Rosende e tamén hai constancia dunha destas edificacións no regueiro de Meixomence[6].

Tamén se construeu unha fábrica de luz, a chamada "central de Pereiro", no citado regueiro de Rosende, que se aproveitaba da auga para producir corrente eléctrica. Actualmente non está en funcionamento e atópase semiderruída.

A escola editar

 
Antiga escola de Ponte.

Convén destacar, por último, a antiga escola parroquial, unha construción ao estilo das vivendas tradicionais galegas. Situada nunha propiedade privada, estaba dividida en dous andares: a planta baixa era utilizada polos propietarios do inmoble para os labores do campo, mentres que na planta superior se impartía clase.

Festas e celebracións editar

No mes de setembro, celébranse en Ponte as festas patronais na honra a San Miguel e á Virxe do Carme o derradeiro fin de semana, trasladadas a estas datas por motivos laborais, xa que en realidade se festexarían o 29 e o 30 de dito mes. Tamén se celebra o segundo domingo de setembro a festividade da Virxe dos Remedios e a de san Breixo ou Verísimo[11] o domingo anterior ás patronais. Este último era festexado o domingo anterior ao día 29, pero polo cambio antes citado, celébrase o domingo anterior ás patronais.

A festa de San Verísimo era moi soada nos arredores de Ponte e a ela acudían moitas persoas da contorna, que traían canda elas mesas e comida para pasar o día, acompañado polo son dos músicos que animaban a antiga carballeira do Arrieiro, situado onde está o actual campo da festa. Convertérase deste xeito dunha gran romaría campestre. Pero pouco a pouco perdeu forza e a comezos da década dos 70, deixou de festexarse dese xeito e viuse reducida a unha sinxela misa en honra ao santo. Por outra banda, as festas patronais colleron forza e pasaron a ser as festas principais.

No pasado, tamén se festexara o San Antón, romaría organizada por algúns veciños con ese nome, e tamén o Santo André, pero ambas festas se esmoreceron na memoria da parroquia. Recentemente, en decembro do 2007, celebrouse a festividade de Inmaculada Concepción coincidindo co 50º aniversario do actual párroco, Luis Galego García, a cargo desta parroquia.[12]. Ademais, coincidindo coas festas patronais, desde 2010 celébrase a Festa do chourizo ao viño, que congrega a centos de persoas no campo da festa ao que aínda moitos chaman "campo do san Verísimo".

Vías de comunicación editar

Ponte foi, desde a Idade Media, paso de persoas e mercadorías entre Trasdeza e Deza, ben fose a través dunha das tantas pontes que se contruíron ou nas barcazas de Juanito (nome polo que coñecían a Juan Soto, veciño de San Pedro de Losón) ou a do Pozo do Pego ou de Avogado. Destacable foi o paso de feirantes con gando camiño da feira de Silleda os días que esta se celebraba, así como o seu retorno cara ás súas terras de orixe.

 
Ponte de Laxes

Na década de 1930 iniciouse a construción da vía férrea Zamora-A Coruña. Esta obra foi interrompida por mor da guerra civil, retomándose na década de 1950 e inaugurándose o 8 de setembro de 1958. O camiño de ferro deixou nesta parroquia tres túneles (de oeste a leste): o túnel da Estivada ou do Outeiro (próximo á estación do Castro), o túnel da Xaldiña e o túnel da Canteira, este último cunha boca en Vilar, todos eles dunha lonxitude similar. Durante o devandito parón das obras, as trincheiras, principalmente a chamada "de Laxes", foron utilizadas polos veciños para desprazarse co gando ás leiras que quedaran separadas por causa do ferrocarril. Esta costume provocou que os animais se afixesen a circular por onde mais tarde se colocarían as travesas e os raíles, o que resultou fatídico e do que dan fe moitos atropelos de vacas ou ovellas producidos polas locomotoras unha vez estas circulaban. Para cruzala, contruíronse dous pasos elevados (Laxes e a Xaldiña) e outros tantos inferiores (o Pontón de Suseixos e o das Regas, por onde pasa o regueiro de Rosende e ao lado un camiño).

Sería trinta anos despois, a finais da década de 1980, cando a Concentración Parcelaria mellorase as comunicacións na parroquia abrindo novos camiños. Este proxecto levouse acabo en practicamente todas as terras de cultivo e monte situadas ao sur da vía férrea, o que fixo que se botasen a cultivo moitos terreos a monte e deixando en moitos casos as terras da outra beira da vía á mercé da maleza. Varios anos máis tarde, iniciouse a construción da PO-205, que uniría Silleda con Vila de Cruces, achegando Ponte a San Pedro de Losón dun xeito mais cómodo e permitindo un acceso tamén máis cómodo ás zonas non concentradas. Coa chegada do século XXI, comeza a andar a AP-53, que une Santiago de Compostela e Ourense, deixando na parroquia unha saída, permitindo deste xeito aos veciños ir a Santiago en 30 minutos. No seu paso por Ponte, cruza a PO-205 por enriba e foron construídas dúas pontes para cruzala: a do Monte de Arriba e a de Guncín, esta última na pista que une Rosende con Outeiro, en Silleda.

Lugares e parroquias editar

Lugares de Ponte editar

Lugares da parroquia de Ponte no concello de Silleda (Pontevedra)

Aldea de Abaixo | Carderrei | O Espiño | Meixomence | Rosende | Sino | Trasdosisto | Trasfontao


Parroquias de Silleda editar

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Silleda

Abades (Santa María) | Ansemil (San Pedro) | Breixa (Santiago) | Carboeiro (Santa María) | O Castro (San Mamede) | Cervaña (San Salvador) | Chapa (San Cibrao) | Cira (Santa Baia) | Cortegada (Santa María) | Dornelas (San Martiño) | Escuadro (San Salvador) | Fiestras (San Martiño) | Graba (Santa María) | Lamela (San Miguel) | Laro (San Salvador) | Manduas (San Tirso) | Margaride (San Fiz) | Martixe (San Cristovo) | Moalde (San Mamede) | Negreiros (San Martiño) | Oleiros (San Miguel) | Parada (San Tomé) | Pazos (San Martiño) | Piñeiro (San Xiao) | Ponte (San Miguel) | Refoxos (San Paio) | Rellas (San Martiño) | Saídres (San Xoán) | Siador (San Miguel) | Silleda (Santa Baia) | Taboada (Santiago) | Vilar (San Martiño) | Xestoso (Santa María)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. Os lugares da Regueira e da Aldea de Arriba non aparecen recollidos no nomenclátor da Xunta
  3. Ruta elaborada por Adela Leiro
  4. García Tato, Isidro. Las encomiendas gallegas...,páxina 443.
  5. Véxase Real de Legos de San Miguel de Ponte, AHP de Pontevedra
  6. 6,0 6,1 Interrogatorio do Catastro de Ensenada sobre o couto de Rosende en http://pares.mcu.es
  7. Cando San Miguel deixou o seu lugar en Faro de Vigo (29/09/2013) (Consultado o 22/04/2016).)
  8. A batalla da Ponte Ledesma en Faro de Vigo (13/09/09) (Consultado o 22/4/2016).
  9. O movemento obreiro na comarca do Deza ata 1936 Arquivado 12 de marzo de 2016 en Wayback Machine. no blog Historias de Deza Arquivado 11 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
  10. Un camiño caído no esquecemento en Faro de Vigo (28/09/2014) (Consultado o 22/4/2016).
  11. En Ponte coñécese o santo polo seu nome castelán: San Verísimo
  12. Celebrouse en decembro do 2007, aínda que el cumpría os 50 anos de párroco no mes de setembro seguinte

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Anónimo, Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo-Americana (Enciclopedia Espasa-Calpe). Ed. Espasa-Calpe, 1926, 70 vol.
  • Ferreira Priegue, E. (1988). Los caminos medievales de Galicia. Ourense: Museo Arqueolóxico Provincial, Boletín Auriense, Anexo 9. 
  • García Tato, I. (2004). Las encomiendas gallegas de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén. Santiago de Compostela: Publicacións da Universidade de Santiago. 
  • Madoz Ibáñez, Pacual (1849): Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. Madrid, 16 vol.
  • Miñano Bedoya, S. (1829): Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal. Madrid, 8 vol.
  • Rodríguez Ferreiro, H. (1973). La tierra de Trasdeza:Una economía rural antiga. Santiago de Compostela: Monografías da Universidade de Santiago. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar