Pobos indíxenas de Honduras

En Honduras hai cinco pobos indíxenas:

Os lencas editar

O pobo lenca é de orixe maia e constituía a etnia dominante do actual territorio hondureño antes da chegada dos conquistadores casteláns. Na actualidade continúa a ser o máis numeroso dos grupos aborixes, se ben a maior parte perdeu a súa lingua e tende a ser asimilado pola cultura mestiza.

Distribuídos nun centenar de comunidades polos departamentos de Ocotepeque, Copán, Santa Bárbara, Lempira, Intibucá, La Paz, Comayagua e Francisco Morazán, os lencas manteñen algúns dos seus trazos propios grazas a certos rituais e crenzas relixiosas vinculados ós ciclos da vida e a natureza e formas de organización socioeconómicas.

Distínguense polo uso de traxe de manta branca os homes e vestidos de vivas cores as mulleres, pola propiedade comunal, pola práctica tradicional da agricultura, dedicada fundamentalmente ó cultivo do millo, do que obteñen a chicha, e bailes propios, como o "guancasco".

Os paias editar

Tamén chamados payitas ou pech, os paias pertencen ao parecer á familia chibcha e habitan na serra de Agalta e nos vales dos ríos Sico, Plátano e Patuca, nos departamentos de Olancho, Colón e Gracias a Dios. Orixinariamente vivían na rexión central da Mosquitia hondureña e no litoral da rexión de Caratasca ata o cabo de Gracias a Dios, de onde foron desaloxados polos misquitos e as accións dos piratas a partir do século XVIII. Algúns grupos paias mesturáronse progresivamente cos misquitos e garífunas, como sucede coa comunidade das Marías, onde só os máis vellos conservan aínda algúns trazos da súa ancestral cultura, como os seus hábitos domésticos, a súa afección polas narracións orais, as festas cerimoniais, os métodos medicinais e a súa relación coa natureza. A destrución do ecosistema e o avance da civilización branca aparecen como serias ameazas para o seu modo de vida.

Os sumos editar

Tamén xamados Twahkas ou toacas, este pobo habita na parte interior da Mosquitia, e nas ribeiras do río Patuca, os territorios correspondentes aos departamentos de Gracias a Dios, Olancho. A maioría reside nos poboados de Kausirte e Krautara, situada nas proximidades da confluencia do wampu co Patuca, río que é súa única vía de comunicación. Os sumos, que falan a lingua twahka, pertencen á familia chibcha e nos tempos da colonia española, foron uns dos grupos máis extensos de Centro América. Están emparentados cos mestizos e misquitos en maior medida que cos paias e ladinos. A súa estrutura social ten como base a familia estendida, de xeito que é habitual en cada poboado estar conformado por membros dun mesmo grupo familiar. Os lazos familiares, así como a pobreza dos seus recursos económicos (os sumos son un pobo basicamente agricultor), determinan os seus métodos produtivos comunitarios. Exemplo do anterior é a práctica da man volta, que consiste en prestarse axuda mutua durante a sementeira e a colleita ou durante o proceso de construción dunha vivenda.

Os misquitos editar

Os misquitos habitan no Departamento de Gracias a Dios, na rexión da Mosquitia, entre os cabos Camarón e Gracias a Dios, e nos vales dos ríos Coco, Morocon, Patuca e Platino. Ao igual que os sumos, son de orixe chibcha. A súa constitución como grupo realizouse no século XVII, como consecuencia da mestizaxe biolóxica e cultural cos sumos, con individuos de ascendencia africana e tamén con europeos. A súa unión cos negros cimarróns procedentes das Antillas xerou no seu seo aos sambos. Á marxe das diferentes mestizaxes, os misquitos conformaron unha identidade cultural de fondas raíces precolombianas, sobre todo no seu folclore. Aínda así, pertencen á igrexa morava e veneran os espíritos a través dos zukias, que é como chaman ó seus bruxos ou bruxas. Dedicados en gran parte á agricultura, á pesca e ó comercio, dominan a navegación polos intricados mangleiros. A súa estrutura social é xerarquizada e descentralizada e manteñen un uso comunitario na propiedade. A familia é un punto de referencia fundamental na sociedade misquita.

Os chortís editar

Etnicamente os chortís pertencen á familia maiaqueche e son descendentes deles, quen fundaron as cidades maias de Copán, Quirigua e outras poboacións do extremo meridional do imperio. A pesar da súa orixe maia, algúns sosteñen que se tería definido como etnia tras a fusión con lencas primeiro e pipís máis tarde. A súa lingua, a chortí, está emparentada coa chol e a chontal, que se falan nos estados mexicanos de Chiapas e Tabasco. O seu hábitat en territorio hondureño localízase nos departamentos de Copan e Ocotepeque e como pobo teñen experimentado unha forte aculturización. Aínda que pertencen na súa maioría á relixión católica, practican o sincretismo nas súas cerimonias e rituais. Dende o punto de vista social, os chortís están fortemente ligados á terra, á familia e á veciñanza. Os xeitos comunitarios de cooperación son vitais para a súa subsistencia.