Os pneumocitos[1] ou células alveolares son células que se encontran no epitelio dos alvéolos e nos septos entre os alvéolos. Os pneumocitos facilitan o intercambio respiratorio de gases entre o aire alveolar e o sangue dos capilares sanguíneos que rodean o alvéolo, contribúen ao mantemento e autorrexeneración do alvéolo e á secreción do surfactante pulmonar. Hai dous tipos de pneumocitos, chamados tipo I e tipo II.

Pneumocito tipo I editar

Os pneumocitos tipo I ou células alveolares tipo I son células planas, que cobren unha área extensa, e teñen pouco grosor (0,2 μm; máis grosas na zona do núcleo). A súa superficie libre é xeralmente lisa e están unidas unhas a outras por medio de unións herméticas. Son as responsables do intercambio respiratorio de gases nos alvéolos e cobren a maior parte da superficie alveolar (>95%). Son a metade de numerosos cós pneumocitos tipo II, pero como estes últimos son moito máis pequenos e cobren 50 veces menos superficie da luz alveolar, os de tipo I cobren a maior parte da superficie do alvéolo.

Os pneumocitos tipo I non se poden dividir mitoticamente. Poden ser danados por substancias tóxicas do aire. En caso de danos pulmonares, poden orixinarse pneumocitos tipo I a partir da diferenciación de pneumocitos tipo II.

Pneumocito tipo II editar

Os pneumocitos tipo II, tamén chamados células alveolares tipo II, células alveolares grandes ou pneumocitos granulares son células cuboidais ou arredondadas, pequenas e granulares. A súa superficie libre ten un pequeno número de microvilli. A súa superficie basal arredondada sobresae no tecido conxuntivo dos tabiques alveolares. Atópanse tipicamente nos puntos onde se unen os tabiques alveolares. Aínda que en número de células supoñen o 60 % das células que revisten o alvéolo, só cobren o 5 % da superficie do alvéolo, debido ao seu tamaño e forma.[2] Os pneumocitos tipo II son células secretoras, polo que presentan uns gránulos secretores que conteñen os precursores do surfactante cun contido en fosfolípidos entre 3 e 6 veces maior ca en proteína. Os gránulos mostran unha subestrutura laminar moi característica, polo que se chaman corpos lamelares. Descargan o seu contido por exocitose e o surfactante liberado esténdese formando unha capa monomolecular sobre a superficie do alvéolo [3].

Desenvolvemento editar

Os pneumocitos tipo II empezan a formarse na 24ª semana de xestación, e empezan a segregar unha pequena cantidade de surfactante. Porén, as cantidades de surfactante segregadas non son as suficientes para unha adecuada función pulmonar ata a 35ª semana de xestación, e esta é a razón principal pola que aumentan moito os casos de síndrome de distrés respiratorio en nenos nacidos antes da 35ª semana de xestación.

Funcións editar

Os pneumocitos de tipo II son responsables da produción e secreción de surfactante pulmonar, unha substancia tensoactiva, que facilita a difusión dos gases ao reducir a tensión superficial alveolar (a maioría do cal é o fosfolípido dipalmitoilfosfatidilcolina). Os fosfolípidos surfactantes almacénanse nos pneumocitos tipo II nos gránulos chamados corpos lamelares, que son vesículas especializadas. A liberación do surfactante dos corpos lamelares ocorre desde as primeiras respiracións do recentemente nado en adiante.

Os pneumocitos tipo II poden dividirse por mitose nos alvéolos e substituír os pneumocitos tipo I danados.

O xene humano MUC1, asociado cos pneumocitos tipo II, foi identificado como un marcador do cáncer de pulmón.[4]

Notas editar

  1. "Vocabulario de medicina" (PDF). Universidade de Santiago. Consultado o 13 de setembro de 2016. 
  2. "Histology, A Text and Atlas, Sixth Edition," 2011, by Ross, Michael H, and Pawlina, Wojciech
  3. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 746-751. ISBN 84-7605-361-4
  4. Jarrard JA, Linnoila RI, Lee H, Steinberg SM, Witschi H, Szabo E (1998). "MUC1 is a novel marker for the type II pneumocyte lineage during lung carcinogenesis". Cancer Res. 58 (23): 5582–9. PMID 9850098. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar