Platanista gangetica

Platanista gangetica
Golfiño do Ganxes

Rango fósil: oligoceno - actualidade

Comparación co tamaño dun humano
Comparación co tamaño dun humano

Estado de conservación
En perigo
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Platanistoidea
Familia: Platanistidae
Xénero: Platanista
Especie: P. gangetica
Nome binomial
Platanista gangetica
(Roxburgh, 1801) [1]
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Delphinus gangetica Roxburgh, 1801
  • Plantanista gangetica (Roxburgh, 1801)
  • Platanista gangetica gangetica (Roxburgh, 1801)

Platanista gangetica é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos platanístidos.

É un golfiño de río que habita nas concas dos ríos Ganxes e Brahmaputra e os seus tributarios, na India, o Nepal, Bután e Bangladesh, e que se coñece na bibliografía internacional, por iso, como golfiño do Ganxes.

Véxase tamén: Golfiños de auga doce.

Taxonomía editar

Véxase tamén: Platanístidos.

A especie foi descrita en 1801 por Roxburgh, quen a denominou inicialmente como Delphinus gangetica, en Asiat. Res. Trans. Soc. (Calcutta ed.), 7: 170,[2] sendo máis tarde reclasificada dentro do xénero Platanista, creado por Wagler en 1830.

Durante moitos anos Platanista gangetica e a súa especie irmá, Platanista minor, foron consideradas como subespecies de P. gangetica. Logo, na década de 1970, descubríronse diferenzas na estrutura dos seus cranios e, máis tarde, investigacións moleculares demostraron tamén diferenzas nas proteínas do sangue.[3]

Porén, en 1972 Kasuya reduciu os dous taxa a subespecies dunha soa especie, Platanista gangetica, (P. g. gangetica e P. g. minor, respectiovamente).[4][5][6]

Así mesmo, Shreshta cuestionou a realidade das supostas diferenzas entre as dúas poboacións.[7]

Até o plioceno tardío, os actuais ríos Indo, Ganxes e Brahmaputra (excepto nos treitos superiores) constituían un único río que fluía cara ao oeste (denominado río Indobrahm. Incluso até tempos históricos houbo probabelmente esporádicos intercambios faunísticos entre os Indo e Ganxes mediante capturas fluviais nas chairas baixas indoganxéticas. Por iso a IUCN considera só unha especie, P. gangetica, coas subespecies mencionadas.[8]

Pero na actualidade a maioría dos autores consideran as dúas poboacións como dúas especies diferentes.[1][2] Con todo, cómpre sinalar que, aínda que separadas xeograficamente (Platanista minor vive na conca do río Indo), ambas as especies son morfoloxicamente idéticas, e os seus hábitos son tamén similares.[3]

Características editar

As principais características físicas do golfiño do Ganxes son as seguintes:[3][9]

  • Corpo robusto, co ventre arredondado, de 2,1 a 2,5 m de lonxitude e un peso de entre os 70 e os 90 kg (uns 7,5 kg ao nacer).
  • Cabeza pequena, coa fronte en lixeiro declive, espiráculo lonxitudinal situado no lado esquerdo, ollos pequenos e sen cristalino (polo que son practicamente cegos), e boca rematada nun longo e estreito biclo ou fociño (que pode alcanzar o 20 % da lonxitude total do corpo) e que está lixeiramente engrosado no extremo anterior, está armado con numerosos dentes, longos e acabados en punta, que son visíbeis incluso coa boca pechada.
  • Aletas pectorais anchas, en forma de paleta, cos bordos posteriores ondulados. Carece de aleta dorsal, que está substituída por unha pequena corcova de forma triangular, situada moi atrás e da que parte unha quilla que se estende até a aleta caudal, que presenta unha marcada fenda que separa os dous lobos, que teñen os bordos posteriores cóncavos.
 
Distribución do golfiño do Ganxes e do golfiño do Indo.
  • Coloración parda agrisada uniforme, ás veces coa rexión ventral rosada.

Distribución editar

Máis amplamente distribuído que o golfiño do Indo (ver mapa adxunto), o golfiño do Ganxes vive nos ríos Ganxes e Brahmaputra na India occidental, Nepal, Bután e Bangladesh, así como nos ríos Meghna (que forma parte do delta do Ganxes), Karnaphuli e Sangu, en Bangladesh, e tamén pode verse no curso superior do Brahmaputra chinés, nunha distribución descontinua desde a base do Himalaia até a costa, no límite da zona de mareas. O límte superior parece ser Sunamganj (no río Meghna), e os ríos Lohit e Manas (afluentes do Brahmaputra). A presa do encoro de Frakka, no Ganxes, dividiu a poboación en dúas.[3]

Bioloxía editar

Comportamento editar

Os espécimes de Platanista gangetica poden vivir sos ou en parellas, pero tamén se observaron en pequenos grupos de até 10 individuos. Nadan e realizan vocalizacións durante todo o día, sen que se aprecien períodos claros de descanso. Saen máis á superficie que outros golfiños de auga doce e, ás veces, nadan cos seus bicos fóra da auga. Poden saltar cando se ven en apuros, saíndo case por completo da auga e volvendo a ela coa cabeza en primeiro lugar e, polo xeral, facendo un grande estrépito ao golpear coa cola na auga. As femias poden subir ás súas crías cara á superficie montadas no seu dorso. Polo xeral son de movementos lentos, pero son capaces de nadar a gran velocidade durante tempos curtos. Poden vivir en augas superficiais (de até 1 m de profundidade) pero parecen prefirir augas profundas.[3]

Poden nadar de lado, sobre todo en augas pouco profundas; os animais adoitan inclinarse cara á dereita e desprazarse cerca do fondo do río, coa aleta pectoral dese lado fozando na lama do fondo en busca de alimento. Segundo algúns informes esta natación lateral adoita ter lugar preferentemente ao anoitecer, e alcanza un máximo pola noite. A pesar de seren case cegos, é posíbel que poidan detectar a dirección da luz, e talvez os cambios na súa intensidade, pero nadan e localizan os alimentos mediante un sofisticado sistema de sonar (ecolocalización).[3]

Alimentación editar

Aliméntanse dunha gran variedade de crustáceos e pequenos peixes.[3]

Reprodución editar

Alcanzan a madurez sexual sobre os 10 anos de idade. A xestación crese que dura aproximadamente 9 ou 10 meses. Os nacementos poden ter lugar durante todo o ano, pero parecen concentrarse sobre todo en dúas épocas, decembro-xaneiro e marzo-maio.[10][11]

Ameazas e estado actual editar

Ameazas editar

Encoros

A construción de polo menos 50 presas dentro da área de distribución histórica coñecida ou sospeitada da especie afectou profundamente ao seu hábitat, abundancia e estrutura da poboación.[12] A especie comprende numerosos subpoblacións illadas en diversos graos por barreiras na súa maioría artificiais, pero tamén naturais. Ademais da fragmentación das poblacións, as presas e os encoros degradan o hábitat augas abaixo, con alta sedimentación e alterado a as poboación de peixes e invertebrados. Por exemplo, o crecemento exuberante de macrófitos e a sedimentación excesiva eliminaron un hábitat adecuado augas arriba do encoro Farakka.[13] Por outra parte, a escaseza de auga liberada augas abaixo deste encoro elimina na temporada seca un hábitat de máis de 300 km, ou até a confluencia do Ganxes co Brahmaputra.[14]

Contaminantes tóxicos

As concentracións de contaminantes organoclorados en mostras dos tecidos dos golfiños do Ganxes son o suficientemente altas como para causaren preocupación acerca dos seus efectos na especie. Pode esperarse que as cargas de contaminantes aumenten co incremento da industrialización e a difusión de prácticas agrícolas intensivas. Os golfiños de río son particularmente vulnerábeis á contaminación industrial porque o seu hábitat está en augas abaixo de confluencias e meandros a miúdo situados na proximidade de grandes áreas urbanas (por exemplo, Allahabad, Varanasi, Patna, Calcuta e Dacca). Ademais, a capacidade dos ríos para diluír os contaminantes (arsénico, DDT etc.) e sales reduciuse drasticamente en moitas zonas debido á retención das augas nos encoros.[15][16][17][18]

Caza

A deliberada matanza de golfiños do Ganxes parece que declinou na maioría das zonas, pero aínda se produce polo menos de vez en cando no Ganxes medio, cerca de Patna, India,[12][13] no río Kalni-Kushiyara de Bangladesh,[19] e no curso superior do río Brahmaputra en Assam, India.[20] Estes golfiños son capturados polos pobos do Brahmaputra superior para aproveitar a súa carne, e por pescadores no curso medio do Ganxes polo seu aceite, que se utiliza como engado para o peixe.

Mortandade

A mortandade de golfiños do Ganxes debida a quedar atrapados en artes de pesca, especialmente en redes de deriva, é un grave problema na maior parte da súa área de distribución.[12][21] Son particularmente vulnerábeis porque o seu hábitat preferido é a miúdo coincidente coa situación dos caladoiros. No Ganxes medio, aínda que actualmente sexa raro que se cacen con arpóns, a mortandade nas redes de pesca continúa sedo xeneralizada.[13]

Medidas de protección editar

O golfiño do Ganxes está na actualidade protexido legalmente en todos os estados onde vive, polo menos teoricamente. O Santuario dos golfiños de Vikramshila, Bihar, India, entre Sultanganj e Kahalgaon no leito principal do río Ganxes estebleceuse como área protexida para os golfiños en agosto de 1991, pero houbo pouco apoio do goberno para facer cumprir as medidas de protección. A protección xurídica na India foi descrita como "totalmente ineficaz" por Sinha.[13] Porén, un pequeno progreso foi a celebración do Seminario Rexional sobre as leis ambientais no Santuario de Vikramshila en novembro de 2003. Ademais, recentes actuacións dos gobernos estatais e federal aseguran fondos para apoiar os esforzos para a conservación destes golfiños. Por outra parte, nalgúns pequenos afluentes, os golfiños reciben unha protección nominal en virtude do feito de que pequenas porcións do seu hábitat están dentro de Parques Nacionais e Santuarios (por exemplo, o Parque Nacional de Kaziranga en Assam, India, o Santuario Nacional Chambal en Madhya Pradesh, India e o Parque Nacional Royal Bardia e Katerniya Ghat Gavial Santuario, respectivamente ao norte e o sur da fronteira entre Nepal e a India.

Status actual editar

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) determinar o estado desta especie é especialmente problemático debido á carencia de datos cuantitativos rigorosos (actuais ou históricos) en número, mortandade, grao de ocorrencia e área de distribución. Porén, a diversidade e a escala das ameazas —recentes, actuais e proxectadas— son tales que xustifican que no ano 2012 a UICN cualificase o estado desta especie como "EN" (risco baixo).[8]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Platanista gangetica (Roxburgh, 1801) no SIIT.
  2. 2,0 2,1 Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Platanista gangetica.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Carwardine, M. (1995), pp. 230-233.
  4. Brownell Jr., R. L. (1984): "Review of reproduction in platanistid dolphins". Reports of the International Whaling Commission. Número especial 6: 149-158.
  5. Reeves, R. R. (1998): "Conservation status of the Indus Rver Dolphin in Pakistan". BI Reports (International Marine Biological Research Institute, Kamogawa, Japan) 8: 1–9.
  6. Reeves, R. R. and Chaudhry, A. A. (1998): "Status of the Indus River Dolphin Platanista minor". Oryx 32: 35–44.
  7. Shrestha, T. K.( 1989): "Biology, status and conservation of the Ganges River dolphin, Platanista gangetica, in Nepal. En: W. F. Perrin, R. L. Brownell Jr., K. Zhou and J. Liu (eds.), Biology and Conservation of River Dolphins, pp. 70-76. IUCN Species Survival Commission Occasional Paper 3, Gland, Switzerland and Cambridge, UK.
  8. 8,0 8,1 Smith, B.D., Braulik, G.T. & Sinha, R. (2012): Platanista gangetica na Lista Vermella da IUCN.
  9. Kiefner, Ralf (2002): Baleines et dauphins du monde. Paris: Editions Ulmer. ISBN 2-84138-192-7.
  10. Culik, Boris (2010):Odontoceti. Platanista gangetica Arquivado 11 de xuño de 2011 en Wayback Machine. en CMS (en inglés)
  11. Swinton, J., W. Gomez e P. Myer (2009): Platanista gangetica en ADW (en inglés).
  12. 12,0 12,1 12,2 Smith, B. D. and Reeves, R. R. (eds.) (2000): "Report of the second meeting of the Asian river dolphin committee, 22–24 February 1997, Rajendrapur, Bangladesh. En: R. R. Reeves, B. D. Smith and T. Kasuya (eds.) Biology and Conservation of Freshwater Cetaceans in Asia, pp. 1–14. IUCN/SSC Occasional Paper No. 23, Gland, Switzerland and Cambridge, UK.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Sinha, R. K. (2000): "Status of the Ganges River dolphin (Platanista gangetica) in the vicinity of Farakka Barrage, India". En: R. R. Reeves, B. D. Smith, and T. Kasuya (eds.) Biology and Conservation of Freshwater Cetaceans in Asia, pp. 42-48. IUCN Species Survival Commission Occasional Paper 23, Gland, Switzerland and Cambridge, UK.
  14. Smith, B. D., Ahmed, B., Edrise, M. and Braulik, G. (2001): "Status of the Ganges River Dolphin or Shushuk Platanista gangetica in Kaptai Lake and the southern rivers of Bangladesh". Oryx 35: 61–72.
  15. Kannan, K., Senthilkumar, K. and Sinha, R. K. (1997): "Sources and accumulation of butyltin compounds in Ganges River Dolphin, Platanista gangetica". Applied Organometallic Chemistry 11: 223–230.
  16. Kannan, K., Sinha, R. K., Tanabe, S., Ichihashi, H. and Tatsukawa, R. (1993): "Heavy metals and organochlorine residues in Ganges River Dolphins from India". Marine Pollution Bulletin 26: 159–162.
  17. Kannan, K., Tanabe, S., Tatsukawa, R. and Sinha, R. K. (1994): "Biodegradation capacity and residue pattern of organochlorines in the Ganges River Dolphins from India". Toxicological and Environmental Chemistry 42: 249–261.
  18. Senthilkumar, K., Kannan, K., Sinha, R. K., Tanabe, S. and Giesy, J. P. (1999): "Bioaccumulation profiles of polychlorinated biphenyle congeners and organochlorine pesticides in Ganges River Dolphins". Environmental Toxicology and Chemistry 18 (7): 1511-1520.
  19. Smith, B. D., Aminul Haque, A. K. M., Hossain, M. S. and Khan, A. (1998): "River dolphins in Bangladesh: conservation and the effects of water development". Environmental Management 22: 323–335.
  20. Mohan, R. S. L., Dey, S. C., Bairagi, S. P. and Roy, S. (1997): "On a survey of Ganges River Dolphin Platanista gangetica of Brahmaputra River, Assam". Journal of the Bombay Natural History Society 94: 483–495.
  21. Mohan, R. S. (1995): "Mortality of Ganges River dolphin, Platanista gangetica, in gillnets of Ganges and Brahmaputra in India". Tiger Paper 22 (1): 11-13.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar