Pistola (moeda escocesa)

antiga moeda escocesa de ouro
Para outras moedas denominadas "pistola", véxase Pistola (moeda).
Para a arma de fogo, véxase Pistola.

A pistola (en inglés: pistole) foi unha moeda escocesa de ouro cuñada en 1701 durante o reinado de Guillerme III (1694-1702), co valor de 12 libras escocesas.[1][2]

As pistolas europeas editar

Artigo principal: Pistola (moeda).

"Pistola" foi orixinariamente unha denominación dada en Francia (pistole) e en Italia (pistola) á moeda española de ouro con valor de dous escudos cuñada a partir do século XVI, que posteriormente se estendeu a outras moitas moedas europeas de métrica e valor semellantes, como o luís de ouro (louis d'or francés), diversas moedas suízas e dos reinos da Península Itálica, a moeda de cinco táleros xermánicos etc.[3][4]

Para algúns autores o seu nome deriva do diminutivo da denominación piastra, propia de diversas moedas europeas e coloniais.[5] Para outros, o termo faría referencia ao menor tamaño da moeda española con respecto ás súas correspondentes francesas, do mesmo xeito que a pistola é de menor tamaño que o arcabuz, co que mesmo se lle atribuiría unha intención despectiva.[4]

A pistola escocesa editar

As pistolas escocesas foron cuñadas na Casa da Moeda de Edimburgo especificamente co ouro levado ata Escocia desde as minas da súa colonia de Darien, no Istmo de Panamá.[1]

Xunto coa media pistola (half pistole)[6], foi a derradeira moeda de ouro emitida dentro do sistema monetario escocés. O seu peso era de 106 grans (6,9 gramos ou 0,22 onzas troy), o seu diámetro de ca. 24 mm e o seu valor equivalente a 12 libras escocesas.[1][2][7]

O motivo principal do seu anverso era o busto espido de Guillerme III ollando á esquerda e, por baixo del, no exergo, un sol nacente, o símbolo da Compañía Escocesa de Comercio a África e as Indias (Company of Scotland Trading to Africa and the Indies)[2], todo rodeado pola lenda GVLIELMVS DEI . GRATIA . ("Guillerme, pola graza de Deus").[1][7][8]

No reverso represéntase o escudo real coroado, coas armas escocesas nos cuarteis I e IV, flanqueado polas iniciais W - R (William Rex), coa lenda MAG BRIT · FRA · ET · HIB · REX · 1701 · ("Rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda").[1][7][9]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Lindsay, J. (1845). Páxinas 155-156.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Pistole2". Frey, A. R. (1916). Páxina 183.
  3. "Pistole1". Frey, A. R. (1916). Páxina 183.
  4. 4,0 4,1 "Pistola". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 147
  5. "Pistola" En Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxina 393.
  6. "½ Pistole - William II". Numista.
  7. 7,0 7,1 7,2 "1 Pistole - William II". Numista.
  8. "Coin (obverse), pistole or twelve pound piece, from reign of William II". National Museums Scotland.
  9. "Coin (Reverse), pistole or twelve pound piece, from reign of William II". National Museums Scotland.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar