Pistola (moeda)

antiga moeda europea de ouro

Pistola foi orixinariamente unha denominación dada en Francia (pistole) e en Italia (pistola) á moeda española de ouro con valor de dous escudos e peso de ca. 6,77 gramos cuñada a partir do século XVI. Posteriormente, esta denominación estendeuse a outras moitas moedas europeas de ouro de métrica e valor semellantes, como o luís de ouro (louis d'or) francés, diversas moedas suízas, e dos reinos da Península Itálica, dos estados xermánicos, etc.[1][2][3][4][5][6][7]

Moeda española de 2 escudos, orixe da denominación pistola

Para algúns autores o seu nome deriva do diminutivo da denominación italiana de piastra (piastola).[8][9][10] Para outros, o termo faría referencia ao menor tamaño da moeda española con respecto ás súas correspondentes francesas, do mesmo xeito que a pistola é de menor tamaño que o arcabuz, co que mesmo se lle atribuiría unha intención despectiva.[2]

Algunhas pistolas europeas editar

 
Ponderal monetario francés de cobre co peso da pistola (época de Lois XIV).[11]
 
Pistola prusiana ou friedrich d'or de 1774

Unha das moedas europeas máis salientables á que se lle aplicou esta denominación foi o louis d'or francés, introducido por Lois XIII en 1640.[12][13][14]

Tamén en Irlanda se cuñou en 1646 unha pequena cantidade de pistolas (de 13 xilins) e dobres pistolas (de 26 xilins), no marco das guerras confederadas irlandesas, durante o reinado de Carlos I (1625-1649).[5][15] James Butler, primeiro duque de Ormond, autorizou esta emisión en previsión de que se producisen desercións entre as tropas.[16][17]

Do mesmo xeito, no Reino de Escocia, a pistola escocesa foi unha moeda de ouro cuñada en 1701 durante o reinado de Guillerme III (1694-1702), co valor de 12 libras escocesas.[5][18][19]

No Reino de Prusia cuñouse no século XVIII unha moeda de ouro denominada friedrich d'or ("frederico de ouro"), con valor de 5? táleros prusianos a nome de Frederico II (1746-1786), que tomou como referencia o dobre escudo español e o luís de ouro francés, motivo polo que tamén se coñeceu como pistola.[20] Tamén no Reino de Baviera cuñou a pistola o príncipe Carlos Alberte (1726-1745), como imitación do luís de ouro francés; valía 10 floríns e tamén se emitiu no Palatinado baixo o príncipe elector Carlos Filipe (1716-1742).[9] Noutros estados alemáns emitíronse diversas pistolas co valor de cinco táleros.[5][21]

En Italia, a denominación de pistola atribuíuselle, entre outras, a unha moeda de ouro xenovesa con valor de 50 liras.[22] Cuñáronse tamén moedas con este nome en Parma e en Roma.[23]

En Suíza, a partir de 1562 cuñáronse en Xenebra moedas co valor dun ducado dobre, que se coñeceron, así mesmo, como pistolas.[24][25] Outros estados helvéticos que cuñaron esta moeda foron Uri, Schwyz e Unterwalden.[5]

En Dinamarca denominouse pistola a moeda cuñada entre 1771 e 1870 como imitación do luís de ouro francés.[9]

En Malta, a pistola foi cuñada baixo o gran mestre Manuel Pinto de Fonseca (1741-1773), co valor de 10 escudos, caracterizada pola representación de San Xoán Bautista no anverso e a cruz de Malta no reverso.[9]

Notas editar

  1. "Pistole1". Frey, A. R. (1916). Páxina 183.
  2. 2,0 2,1 "Pistola". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 147
  3. "Pistole". Centre National de Ressources Textuelles et Lexicales.
  4. "[ [wikisource:1911_Encyclopædia_Britannica/Pistole|Pistole]]". En Encyclopædia Britannica. 1911.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Pistole". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  6. Bodet, P. E. (2014).
  7. Shaw, W. A. (1895). Páxinas 87, 131, 167, 203-204, 227, 381-382, 388.
  8. "Pistola". En Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxina 393.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Klütz, K. (2004).
  10. "Pistole". Online Etymology Dictionary.
  11. "Coin weight. Unique ID: CAM-D32390". Portable Antiquities Scheme.
  12. Shaw, W. A. (1895). Páxina 167.
  13. Burton Hobson (1971). Páxina 61.
  14. Pond, S. (1940). "The Louis d'Or". En Bulletin of the Business Historical Society. Vol. 14. Nº 5. ^Páxinas 77-80.
  15. "Gold pistole of Charles I of Ireland (Charles I of England)". American Numismatic Society.
  16. "1 Pistole Ormond money". Numista.
  17. "O’Brien Rare Coin Review: The Ormonde Gold ‘Pistole’ of 1646". OldCurrencyExchange.com
  18. Lindsay, J. (1845).Lindsay, J. (1845). A view of the coinage of Scotland. Cork. Páxinas 155-156.
  19. "Pistole2". Frey, A. R. (1916). Páxina 183.
  20. Shaw, W. A. (1895). Páxinas 382 e 388.
  21. "1 Pistole - Adolf Friedrich IV". Numista.
  22. "Pistola di Genova". En Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxina 393.
  23. "Pistola di Lucca", "Pistola di Modena", "Pistola di Parma", "Pistola di Roma o papale". En Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxina 394.
  24. "1 pistole. City of Geneva". Numista.
  25. "Pistola di Ginevra o svizzera". En Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxina 393.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar