Pioneer 3 foi unha misión espacial lanzada o 6 de decembro de 1958 mediante un foguete Juno II desde a base espacial de Cabo Cañaveral para estudar o espazo entre a Terra e a Lúa e achegarse a esta última antes de entrar nunha órbita heliocéntrica.[2][4][5]

Pioneer 3
Pioneer 3
TipoCientífico
FabricanteJet Propulsion Laboratory
OrganizaciónNASA
Destino actualReentrado na atmosfera terrestre.[1]
Data de lanzamento6 de decembro de 1958, 5:44 GMT[1][2][3]
Foguete portadorJuno II[2][4]
Sitio de lanzamentoBase espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-5[2][5]
Obxectivo da misiónEstudo do espazo entre a Terra e a Lúa.[2][5]
Decaemento7 de decembro de 1958[1]
NSSDC ID1958-008A
Masa5,87 kg[4]

Características editar

Pioneer 3 tivo a súa orixe nas previamente fracasadas misións Pioneer 0, Pioneer 1 e Pioneer 2. En calquera caso tamén fallou en completar a súa misión, consistente en estudar o espazo Terra-Lúa e logo o espazo interplanetario, debido a un problema co foguete lanzador.[2][4][5]

Nave editar

Pioneer 3 tiña forma de cono, con 58 cm de altura e 25 cm de diámetro, composto dunha cuberta de fibra de vidro recuberta dun baño de ouro para facelo electricamente condutor e pintado con bandas brancas e negras para manter a temperatura da nave a entre 10 e 50 °C. Na parte superior do cono sobresaía unha pequena antena. Na base situábanse varias baterías de mercurio para proporcionar enerxía durante a misión, xa que a nave non usaba paneis solares. Do centro da base sobresaía un sensor fotoeléctrico que debía ser disparado pola luz da Lúa cando Pioneer 3 pasase a menos de 30.000 da súa superficie. No interior do cono aloxábanse un tubo xerador de voltaxe e dous contadores Geiger-Mueller para detectar radiación, os únicos instrumentos que Pioneer 3 levaba a bordo. As comunicacións terían lugar grazas a un transmisor de 0,5 kg que proporcionaba un sinal de 0,1 vatios de potencia a unha frecuencia de 960,05 MHz. Un mecanismo de freada consistente en dous pesos de 7 gramos que saían da nave colgados de sendos cables de 150 cm de lonxitude baixou a rotación de Pioneer 3 das 30 r.p.m. orixinais a 6 r.p.m. dez horas despois do lanzamento.[2][4][5]

Perfil da misión editar

Pioneer 3 foi lanzada o 6 de decembro de 1958 desde Cabo Cañaveral e debería ter chegado ás proximidades da Lúa 33,75 horas máis tarde para logo quedar orbitando arredor do Sol, pero debido a un problema no foguete lanzador que produciu o seu apagado 3,7 segundos antes do previsto a nave non conseguiu chegar á velocidade de escape nin foi inxectada nunha traxectoria co ángulo previsto. Pioneer 3 alcanzou unha altura de 102.360 km antes de volver a caer e destruirse na atmosfera terrestre nun lugar sobre África o 7 de decembro ás 19:51 GMT, a uns 16,4 graos de latitude norte e 18,6 graos de lonxitude leste. Pioneer 3 enviou datos durante 25 horas ao longo da súa traxectoria suborbital, mostrando que a temperatura interna mantívose a cerca de 43 °C durante a maior parte da viaxe e que existían polo menos dous cintos de radiación arredor da Terra.[2][4][5]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "PIONEER 3" (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 NASA (12 de febreiro de 2016). "Pioneer 3" (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2016. 
  3. Claude Lafleur (2010). "Pioneer 3" (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2016. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Pioneer 3, 4" (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Mark Wade (2011). "Pioneer 3-4" (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2016. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar