Pioneer 13, tamén coñecida como Pioneer Venus 2 e Pioneer Venus Multiprobe, foi unha misión espacial lanzada o 8 de agosto de 1978 mediante un foguete Atlas-Centaur desde a base espacial de Cabo Cañaveral para enviar varias sondas á atmosfera de Venus e estudala in situ.[2][5][6]

Pioneer Venus 2 / Pioneer Venus Multiprobe / PVM
Representación artística de Pioneer 13 en ruta a Venus.
TipoCientífico
FabricanteHughes Aircraft Company
OrganizaciónNASA
Destino actualReentrado na atmosfera venusina.[1]
Data de lanzamento8 de agosto de 1978, 7:33 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorAtlas-Centaur[2][5]
Sitio de lanzamentoBase espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-36A[2][6]
Obxectivo da misiónEstudo da atmosfera de Venus.[2][6]
Decaemento9 de decembro de 1978[1]
NSSDC ID1978-078A
Masa875 kg[5]
Potencia214 vatios (bus)[6]

Características editar

Pioneer 13 formou parte dun proxecto maior xunto coa Pioneer 12, que consistiu nun orbitador lanzado previamente e que xa se atopaba en órbita de Venus cando as sondas da misión Pioneer 13 chegaron ao planeta. Pioneer 13 estaba formado por catro sondas atmosféricas e a nave (o chamado bus) encargada de levalas ata Venus. As catro sondas atmosféricas, tres idénticas e unha distinta de maior tamaño, entraron na atmosfera o 9 de decembro de 1978 protexidas por escudos térmicos e recompilaron datos científicos mentres descendían ata a superficie, mentres que o bus tamén fixo medicións ata a súa destrución na atmosfera superior ao non levar escudo térmico, tal como estaba previsto.[2][5][6]

Naves editar

A masa total do conxunto do bus e as sondas atmosféricas era de 875 kg, dos cales 585 kg correspondían ás sondas, 290 kg ó bus e 32 kg á hidracina usada para as manobras e as correccións orbitais antes da chegada a Venus. O bus estaba formado por un corpo principal cilíndrico de 250 cm de diámetro baseado na mesma estrutura que o da Pioneer 12 para aforrar custos. Estabilizábase mediante xiro a 48 r.p.m. e na parte de superior do bus ían montadas as catro sondas atmosféricas, a maior no centro e as tres restantes, máis pequenas e iguais, ao seu arredor separadas 120 graos, dándolle unha altura ao conxunto de 2,9 metros. A enerxía era producida por células solares rodeando o corpo do bus proporcionando ata 214 vatios de potencia, mentres que as sondas funcionarían mediante baterías unha vez se separaran do bus. O control de actitude realizábase mediante sensores solares e estelares conxuntamente con propulsores alimentados por hidracina. As comunicacións tiñan lugar mediante dúas antenas omnidirecionais (unha na parte frontal e outra na parte posterior do bus) e unha antena de media ganancia. A sonda grande estaba deseñada para separarse do bus mediante un sistema consistente nun parafuso pirotécnico e as pequenas para usar un mecanismo de separación baseado en grampas cun mecanismo explosivo en caso necesario e que faría que as sondas saísen disparadas tanxencialmente debido ao xiro do bus sobre si mesmo.[2][5][6]

A sonda grande pesaba 315 kg e tiña tres partes: o escudo térmico frontal, un cobertor traseiro e unha esfera de titanio de 73 cm de diámetro onde se aloxaban os instrumentos e os sistemas. O diámetro total da sonda era de 1,5 m e tras a reentrada na atmosfera o escudo e o protector se separaron para expoñer a esfera, que descendeu colgada dun paracaídas desde os 47 km de altura ata a superficie nun traxecto que durou hora e media. A esfera dispoñía de nove ventás para a observación da atmosfera, oito de zafiro e unha de diamante.[2][5][6]

Cada unha das tres sondas atmosféricas pequenas pesaba 75 kg e medía 80 cm de diámetro e tamén constabta de tres partes: o escudo térmico, o protector traseiro e unha esfera de titanio aloxando sistemas e instrumentos. A diferenza da sonda grande, tanto o escudo térmico como o protector traseiro permanecían unidos á esfera en lugar de separarse desta e non usaron paracaídas para frear o descenso pola atmosfera. As baterías tiñan unha duración de 75 minutos. Tódalas sondas recolleron datos durante o descenso pola atmosfera, pero só unha das sondas chegou a seguir transmitindo desde a superficie.[2][5][6]

Instrumentos editar

 
A sonda atmosférica maior de Venus 13 durante o descenso pola atmosfera de Venus.

O bus levaba a bordo dous espectrómetro de masas, un para masas neutras e outro para ións, co fin de medir a composición da atmosfera superior.[2][5][6]

A sonda grande tiña sete instrumentos a bordo:[2][5][6]

  • Un espectrómetro de masas neutras.
  • Un cromatógrafo de gases para medir a composición atmosférica.
  • Un radiómetro de fluxo solar para medir a penetración da luz solar na atmosfera.
  • Un radiómetro infravermello para medir a distribución de radiación infravermella.
  • Un espectrómetro de tamaño de partículas das nubes para medir a forma e tamaño das partículas.
  • Un nefelómetro para a busca de partículas nas nubes.
  • Sensores de temperatura, presión e aceleración.

Por outra banda, cada unha das tres sondas pequenas levaba o seguinte equipamento:[2][5][6]

  • Un nefelómetro.
  • Sensores de temperatura, presión e aceleración.
  • Un radiómetro de fluxo para cartografar a distribución das fontes e sumidoiros de enerxía radiativa na atmosfera.

Perfil da misión editar

Pioneer 13 foi lanzada o 8 de agosto de 1978 desde Cabo Cañaveral. A nave fixo unha corrección de curso o 16 de agosto e tras varios meses de viaxe, o 16 de novembro, a sonda máis grande se separou do bus iniciando a súa viaxe por separado. O 20 de novembro separáronse as sondas pequenas, despois do cal o bus disparou os seus motores para frearse lixeiramente e ir por detrás das sondas. Tanto as sondas como as naves chegaron a Venus o 9 de decembro de 1978 e entraron na atmosfera do planeta a 41.600 km/h. Dúas das sondas pequenas entraron no lado nocturno do planeta, mentres que a outra e a sonda grande entraron no lado diúrno. Ás sondas pequenas levoulles uns 75 minutos chegar á superficie despois da reentrada, mentres que o descenso da grande durou hora e media. O bus quedou destruído aos 110 km de altura, tal como estaba previsto. A sonda pequena do lado diúrno foi a única que sobreviviu á súa chegada á superficie, desde onde estivo enviando datos durante 67 minutos.[2][5][6]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "PIONEER VENUS PROBE BUS" (en inglés). Consultado o 10 de abril de 2016. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 NASA (12 de febreiro de 2016). "Pioneer Venus Probe Bus" (en inglés). Consultado o 10 de abril de 2016. 
  3. "Note verbale dated 15 January 1979 from the Permanent Representative of the United States of America to the United Nations addressed to the Secretary-General" (PDF) (79-02342). 23 de xaneiro de 1979: 5. Consultado o 10 de abril de 2016. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Pioneer Venus 2" (en inglés). Consultado o 10 de abril de 2016. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Pioneer 13 (Pioneer Venus Multiprobe, PVM)" (en inglés). Consultado o 10 de abril de 2016. 
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 Mark Wade (2011). "Pioneer 13" (en inglés). Consultado o 10 de abril de 2016. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar