O pinot noir (pronunciado en galego coma pinó nuagh) é unha caste de uva tinta (Vitis vinifera), considerada unha das máis internacionais e elegantes. O nome tamén pode facer referencia ao viño creado a partir da cepa de uva Pinot Noir. O nome desta uva deriva das verbas francesas para "piñeiro" e "negro" respectivamente, dado que o acio que medra desta cepa ten a forma dun cono de piñeiro e o seu ton negro violáceo que lle dá a cor característica. As uvas pinot noir medran en todo o mundo, especialmente nas rexións frías, mais é común asocialas coa rexión de Borgoña en Francia, por ser o berce dos mellores viños que utilizan este tipo de uvas.

Acio ou cacho de pinot noir.

Orixe e expansión editar

É orixinaria de Borgoña. É unha das cepas que integran a mestura da maioría das champañas (espumantes da rexión gala de Champaña), así como de moitos espumosos do mundo. Tamén se considera unha das variedades máis selectas a nivel mundial para a elaboración de viños varietal, en Borgoña dá algúns dos viños máis exclusivos e caros do mundo, pola súa escasa produción, tales como Romanée Conti.

Seica é a cepa nai do araúxo[1] español (coñecido en castelán coma tempranillo).

É unha variedade que non se adapta facilmente a calquera rexión, require dun clima frío para lograr bos resultados. As principais rexións e países produtores desta variedade son: Francia, Alemaña, a rexión do Val de Willamette en Oregón, o condado de Sonoma en California, Australia, Arxentina, vales fríos de Chile e Suráfrica.

En España, e segundo a Orde APA/1819/2007, pola que se actualiza o anexo V, clasificación das variedades de vide, do Real Decreto 1472/2000, de 4 de agosto, que regula o potencial de produción vitícola, a pinot noir é variedade recomendada para as comunidades autónomas de Aragón, Cataluña, Estremadura, A Rioxa e País Valenciano; ademais, está autorizada en Andalucía, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Navarra e País Vasco. Cultívase en viñedos do Penedés Superior.

Na Arxentina, varias adegas lograron moi boas expoñentes, dando viños redondos e moi perfumados, no val de Uco en Mendoza e no val do río Neuquén na Patagonia.

Cepas editar

As súas bagas son pequenas, dun negro violáceo, enceradas por pruína abundante. O follo (tona) é mesto, e a polpa lene.

Viños pinot noir editar

Faise con esta vide un viño moi fino. Caracterízase pola súa estrutura taninosa baixa, de corpo medio espertando sensacións refinadas e sutís en boca. Pinot Noir produce un viño extremadamente lene, fresco e afroitado, dun moi bo buqué (recendo), cunha acidez que o fai bastante vivo e persistente ao padal, sen ser agresivo.

No nariz, os tintos de Pinot Noir poden acadar a excelencia aromática (cereixa, grosella negra, amorodo, framboesa, violeta, coiro, regalicia que evolucionan a un delicado aroma co envellecemento) e admiten unha boa crianza. Os aromas característicos deste viño son a froitas vermellas e negras como cereixas, amoras, framboesas, ameixas, entre os máis destacados. Os aromas primarios están determinados polas grosellas negras, as trufas. Tamén se destacan notas flories como por exemplo rosas murchas.

Á vista, é un viño que ten unha luminosidade especial, lembra un roto tella máis opaco que brillante, ao contrario dos viños franceses de Pinot Noir que se caracterizan por teren un brillo bastante máis luminoso. A súa cor varía segundo a idade: dun vermello, rubí ou violeta cando é novo, a un alaranxado ocre, despois de 8 a 10 anos de garda, mantendo unha capa media.

Na boca adoita ser viño lixeiro, mais estruturado, se se vinifica ao vello estilo borgoñés, pode necesitar de anos de anellamento, para suavizar os taninos achegados polos cangallos (cada unha das ramificacións que forman o acio).

Recomendación de servido e acompañamento editar

Axeitados para acompañar variedades de queixos semimaduros, magret de pato ou ganso, é famosa a maridaxe co coq au vin (polo ao viño), sendo un dos poucos tintos que harmonizan con algúns peixes coma atún fresco e salmón. A temperatura ideal de servizo varía entre os 14 e 15 °C.

Notas editar

  1. Nome galego da variedade vinífera en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega

Véxase tamén editar