Pilro de Temminck

O pilro de Temminck ou pilriño patiamarelo (Calidris temminckii) é unha pequena ave limícola. O seu nome específico púxoselle en honor do naturalista holandés Coenraad Jacob Temminck.[3][4]

Pilro de Temminck

En plumaxe reprodutor


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: Calidris
Especie: Calidris temminckii
(Leisler, 1812)
Distribución de C. temminckii
Distribución de C. temminckii

Distribución de C. temminckii
Sinonimia[2]

Erolia temminckii

Descrición editar

Son limícolas moi pequenos de 13,5 a 15 cm de lonxitude. Son similares en tamaño aos pilros pequenos (Calidris minuta), pero de patas máis curtas e ás máis longas. As patas son amarelas e as plumas exteriores da cola son brancas, a diferenza das patas escuras e plumas externas da cola grises do pilro pequeno.

É unha ave bastante parda, con partes superiores e cabeza principalmente marróns lisas e partes inferiores brancas excepto o peito máis escuro. O adulto reprodutor ten algunhas plumas avermelladas algo máis vistosas, dentro dunha aparencia bastante pouco distintiva. En plumaxe de inverno, a aparencia xeral lembra unha versión reducida do bilurico bailón.

A súa chamada é un trilo forte.

Reprodución editar

O seu hábitat de reprodución son as lameiras e marismas da taiga ártica do norte de Europa e Asia. Reprodúcese no sur de Escandinavia e ocasionalmente en Escocia. Ten unha distintiva forma de voar peneirando. Aniña nunha depresión que escava no chan, onde pon 3 ou 4 ovos. É unha ave moi migratoria, e pasa o inverno en zonas de auga doce de África tropical, o subcontinente indio e partes do sueste asiático. É unha das especies ás que se aplica o Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias africano-euroasiáticas (AEWA).

O pilro de Temminck ten un intrigante modo de reproducirse e coidar as crías no cal o pai e a nai incuban distintas postas de ovos, normalmente situadas en lugares diferentes. Os machos establecen pequenos territorios e aparéanse cunha femia que pon unha primeira posta de ovos. Despois ela vaise a un segundo territorio e aparéase, e pon alí unha segunda posta de ovos que incuba ela mesma. Ao mesmo tempo, o seu primeiro macho pode aparearse cunha segunda femia, que pon á súa vez unha segunda posta de ovos no seu territorio. O macho choca el só a primeira posta de ovos da súa primeira parella.

Informouse dun aparente híbrido entre esta especie e o pilro pequeno nos Países Baixos.[5]

Alimentación editar

Estas aves aliméntanse en zonas de lama branda con algo de vexetación, apañando co peteiro o alimento que estea visible. Teñen un comportamento alimenticio distintivo similar ao dun rato, trepando continuamente ao longo das beiras das lagoas. Comen principalmente insectos e outros pequenos invertebrados. Non son tan gregarios coma outros limícolas do xénero Calidris e raramente forman grandes bandadas.

Galería editar

 
Ovos desta especie na colección do Museo de Wiesbaden

Notas editar

  1. "Calidris temminckii". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Calidris temminckii en Avibase
  3. Beolens, Bo; Watkins, Michael (2003). Whose Bird? Men and Women Commemorated in the Common Names of Birds. London: Christopher Helm. pp. 335–336. 
  4. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 84. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  5. Jonsson, Lars (1996). "Mystery stint at Groote Keeten: First known hybrid between Little and Temminck's Stint?". Dutch Birding 18: 24–28. 

Véxase tamén = editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar