O picoteiro [2] ou tagarela[Cómpre referencia] (Bombycilla garrulus) é unha ave paseriforme da familia Bombycillidae que vive nos bosques de coníferas do norte da biozona holártica

Picoteiro

Exemplar rosa e gris


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Bombycillidae
Xénero: Bombycilla
Especie: B. garrulus
Nome binomial
'Bombycilla garrulus'
(Linnaeus, 1758)

A especie divídese en tres subespecies pouco diferenciadas entre si: a nominativa Bombycilla garrulus garrulus, a B. g. pallidiceps e a variedade de rango taxonómico pouco claro B. g. centralasiae.

Descrición editar

Miden ata 18 cm de lonxitude e entre 50 e 60 gramos de peso. O aspecto externo dos dous sexos é semellante. De lonxe teñen un aspecto castaño agrisado, pero vistos de preto son paxaros rechamantes e de cores variadas. A súa característica máis destacada é unha crista de plumas na cabeza, parcialmente eréctil e inclinada cara a atrás. Teñen unha lista negra que, partindo da base do bico, que é negro e forte, chega ata á caluga. Esta lista amosa, nos individuos que teñen xa a plumaxe definitiva, unha beira fina branca. Debaixo do bico teñen un babeiro negro. A cola acaba cunha banda negra e as puntas das plumas amarelas, e ten a parte inferior de cor ferruxe intenso. Ó longo das plumas das ás teñen unha faixa amarela ou branca. Algunhas das plumas rémixes das ás teñen manchas avermelladas que recordan un selo de cera, o que lles valeu o nome inglés de "waxwing" (ala de cera). As rémixes primarias negras teñen un fino listado branco. A parte inferior do corpo é abrancazada e gris acastañada. As patas son escuras e os ollos castaños. Os exemplares novos teñen a gorxa branca con listas negras.

Os picoteiros poden chegar ós 13 anos de idade.

Distribución e hábitat editar

Viven en toda a zona da taiga dende o norte de Escandinavia ata á baía de Hudson no Canadá. O límite norte da especie está marcado pola zona de transición entre a taiga e a tundra. A súa fronteira sur é irregular. En xeral viven sobre todo nas partes máis setentrionais do bosque boreal, pero hai áreas, coma a Siberia central e oriental onde hai poboacións importantes na beira sur da taiga.

Crían en bosques mixtos pechados dominados polos abetos do xénero Picea, a miúdo preto de correntes de auga. No leste de Asia prefiren bosques pechados de alerces. Viven tamén en bosques relativamente secos de bidueiros coma os que se atopan no Fjäll escandinavo. Os exemplares que se desprazan ocasionalmente a zonas máis meridionais levan unha vida nómade, aparecendo a miúdo en zonas antropóxenas coma parques, cemiterios ou praias, onde aproveitan os alimentos que poden atopar.

Alimentación editar

 
Tagarela

No outono e no inverno comen basicamente bagas e froitas. Durante a época de cría os insectos son unha parte importante da súa dieta. Póusanse á espreita e cando localizan algún captúrano en voo. Poden comer nun día unha cantidade de alimento que dobra o peso do seu propio corpo. O fígado grande das tagarelas axúdalles a asimila-lo posible contido alcohólico dos froitos maduros de máis.

Reprodución editar

 
Bombycilla garrulus

A madureza sexual chégalles cando teñen un ano. A época principal de cría espállase dende maio a xullo. Durante o cortexo o macho tenta atrae-la femia ofrecéndolle bagas. Fan un niño con xeito de prato con herbas, pelos, musgo e poliñas de conífera que colocan na parte superior das árbores. As árbores escollidas adoitan estar nos lindes do bosque, preto da auga e dos niños doutros conxéneres. As femias poñen entre catro e seis ovos grises azulados con puntos negros. Incuban, entre 13 e 15 días, só as femias, ocupándose os machos de buscar alimento. Os polos poden voar cando cumpren entre 15 e 17 días.

Desprazamentos editar

 
Bando de tagarelas {Willingen (Upland) 2007}

Son aves sedentarias ou parcialmente migradoras. Só as poboacións máis setentrionais deixan regularmente os seus territorios de cría para pasaren o inverno algo máis ó sur. En anos nos que as bagas de que se alimentan escasean, poboacións que non adoitan ser migratorias se moven tamén cara ó sur. As invasións ocasionais destas aves coma a que tivo lugar no inverno de 2004/2005 son consecuencia, ademais de da falta de alimento da sucesión de invernos temperados e épocas de cría abundante, que provocan unha grande aumento das poboacións. Durante estas invasións algúns bandos chegan mesmo ás costas mediterráneas. O destino final destes enxames de paxaros non está totalmente aclarado, pero polo menos unha gran parte das aves morren antes de regresar ós territorios de cría.

As irrupcións esporádicas destes paxaros en territorios fóra da súa área de distribución habitual foron consideradas, sobre todo na Idade Media, un mal agoiro, situación que recorda no seu nomee en neerlandés Pestvogel (o paxaro da peste) e o nome que lle dan na Suíza de fala alemá Sterbevöggeli (paxaro da morte).

Galería de fotos editar

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Bombycilla garrulus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 7 de novemro de 2016.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar