Peso salvadoreño

antiga moeda do Salvador
Para outras moedas coa denominación de "peso", véxase a páxina de homónimos Peso.
Peso salvadoreño †
Moeda dun peso salvadoreño (1894)

Billete dun peso salvadoreño (1910)

Ámbito: O Salvador
Fracción:- 8 reais (ata 1889)
- 100 centavos (de 1889 a 1919).
Moedas:- 1, 3, 5, 10, 25, 50 centavos.
- 1, 2½, 5, 10 e 20 pesos.
Billetes:1, 2, 5, 10, 25, 50, 100, 500 pesos.
Emisor:Bancos privados e Ministerio de Facenda.

O peso foi a unidade monetaria do Salvador entre 1877 e 1919. Inicialmente subdividíase en oito reais de prata, a moeda que substituíu, e a partir de 1889 pasou a dividirse en 100 centavos, ao acoller O Salvador o sistema decimal para a súa moeda. O peso salvadoreño foi substituído polo colón, con idéntico valor, en 1919.[1]

Historia editar

O peso substituíu o real salvadoreño e o real da República Federal de Centroamérica, que circulaban simultaneamente no seu territorio, cunha paridade de 8 reais por cada peso. En 1877 emitíronse os primeiros billetes e en 1889, cando O Salvador decimalizou o seu sistema monetario, comezaron a cuñarse as primeiras moedas, cun peso dividido en 100 centavos.[2]

Nos seus inicios o peso salvadoreño vinculou o seu valor co franco francés, cun cambio de 5 francos por un peso.

Emisións editar

Moedas editar

 
Moeda de 20 pesos salvadoreños de 1892

As primeiras moedas salvadoreñas do sistema decimal levan data de 1889 e foron cuñadas en cuproníquel cos valores de 1 e de 3 centavos. Á súa cuñaxe encomendóuselle á ceca privada Heaton Mint, en Birmingham. [3][4]

O 28 de agosto de 1892 fundouse a Casa da Moeda do Salvador (de vida efémera, xa que pechou en 1896) e nela comezou a produción regular de moedas ata completar a serie de valores composta por un centavo de cobre; 5, 10 e 20 centavos de prata, e 1 peso tamén en prata; e 2½, 5, 10 e 20 pesos de ouro, aínda que a cantidade de moedas de ouro foi só testemuñal (597, 558, 321 e 300 pezas, respectivamente).[5][6]

En datas posteriores leváronse a cabo novas emisións, para as que cumpriu contratar casas de moeda externas, dado que a do Salvador xa non se atopaba operativa. En 1911 e 1914 introduciuse unha nova moeda de 25 centavos de prata, de cuxa cuñaxe se ocupou a ceca privada Heaton Mint, para a emisión de 1911, e a Casa da Moeda de Filadelfia, para a de 1914.[7] Para a produción do resto dos valores, á parte destas dúas, recorreuse tamén á Casa da Moeda de San Francisco e á Casa Real da Moeda de Bélxica.[8]

 
Timbre do Estado con valor dun peso salvadoreño

En 1909 introduciuse extraordinariamente no sistema unha moeda de bronce con valor de ¼ de real, equivalente a 3,125 centavos de peso. O motivo desta sorprendente emisión foi dar resposta ao continuado uso de moedas do anterior sistema monetario que se estaba a dar en determinadas zonas rurais do país.[9]

A produción de moeda de prata viuse suspendida en 1914, antes da substitución do peso polo colón como unidade monetaria do Salvador en 1919.[10]

Billetes editar

En 1877 houbo unha emisión gobernamental de papel moeda con denominacións en pesos. Estes billetes, impresos pola compañía National Bank Note Company of New York, amosaban os valores de 1, 2, 5, 10, 25, 50, 100 e 500 pesos.[11][12]

Posteriormente foron varios bancos privados os que recibiron a autorización para a emisión de papel moeda ata a substitución do peso polo colón, que emitiron os mesmos valores. Estes bancos emisores foron: Banco Agrícola Comercial, Banco de Ahuachapam, Banco de Centro America y Londres, Banco Industrial del Salvador, Banco Internacional del Salvador, Banco Nacional del Salvador, Banco Occidental e Banco Salvadoreño.[11][12]

Predecesor:
Real salvadoreño
 
Peso salvadoreño

1877 - 1892
Sucesor:
Colón salvadoreño

Notas editar

  1. Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte I: Un Poco de Historia". Billetes y Monedas de El Salvador.
  2. Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte I: Un Poco de Historia". Billetes y Monedas de El Salvador.
  3. Moedas: "1 centavo" e "3 centavos". En Numista.
  4. Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte I: Un Poco de Historia". Billetes y Monedas de El Salvador.
  5. Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte II: El Nacimiento del Colón". Billetes y Monedas de El Salvador.
  6. Moedas: "1 centavo", "5 centavos", "10 centavos", "20 centavos", "50 centavos", "[Ligazón morta e/pieces45030.html 1 peso]", "2½ pesos", "5 pesos", "10 pesos" e "20 pesos". En Numista.
  7. Moedas: "25 centavos 1911" e "25 centavos 1914". En Numista.
  8. Exemplo: "1 peso 1904-1914". En Numista.
  9. "1/4 Real 1909". En Numista.
  10. Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte II: El Nacimiento del Colón". Billetes y Monedas de El Salvador.
  11. 11,0 11,1 Pick, A. (1990).
  12. 12,0 12,1 Pick, A. (1994).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar