Perdiz grega
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Perdicinae
Xénero: Alectoris
Especie: A. graeca
Nome binomial
'Alectoris graeca'
(Meisner, 1804)
Subespecies

see text

Sinonimia

Perdix graeca Meisner, 1804

A perdiz grega (Alectoris graeca), é unha ave da familia dos faisáns (Phasianidae). É unha perdiz presente principalmente no suroeste de Asia e sueste de Europa.

Descrición editar

Miden ata 35 cm. de lonxitude e teñen unha envergadura de ás de entre 50 e 55 cm. Teñen a parte superior do corpo e o peito gris azulados, a gorxa branca e bandas negras nesta e na fronte. Os flancos son castaños vermellos amarelados con bandas negras, e a parte inferior do corpo é amarela ferruxenta. Os ollos son castaños ferruxentos, o bico vermello e as patas vermellas pálidas. Son máis grises polo lombo cá perdiz chucar, e teñen a testa branca e non amarelada coma esta. O colar negro ben definido permite diferencialas da perdiz.

Distribución e hábitat editar

Contra o século XVI as perdices gregas vivían en Europa ata o Rin, pero hoxe están presentes de xeito natural no continente nos Alpes, Italia, Turquía, Grecia e os Balcáns. A estas poboacións hai que xuntar as asiáticas. A perda de hábitats e a caza están a facer reducir os seus número nalgunhas rexións. A situación máis precaria sería a da poboación da illa de Sicilia, que merecería unha atención especial (Randi 2006).

Prefiren para vivir zonas soleadas e con algo de herba en ladeiras de montañas, entre as zonas de bosque e ó límite das neves. Na parte sur da súa distribución frecuentan tamén chairas de chans pedregosos.

Sistemática editar

A perdiz grega forma unha superespecie xunta coa perdiz chucar, a perdiz de Przevalski, e a perdiz de Philby. A perdiz e a perdiz moura son parentes algo máis distantes. Aínda que a súa área de distribución non se solapaba orixinalmente coa de ningunha destas especies, a introdución das perdices como aves de caza en moitas rexións coma Norteamérica, o Reino Unido, Nova Zelandia, e Rusia fíxoas compartir territorios coa perdiz e a chucar, coas que hibridan facilmente.(McGowan 1994, e Randi 2006)

Identifícanse en xeral tres subespecies de perdiz grega (McGowan 1994), que se diferencian algo pola coloración e segundo os estudos moleculares realizados. (Randi 2006;):

Os exemplares dos Apeninos foron propostos como pertencentes a unha subespecie separada A. g. orlandoi (Priolo, 1984), de validez dubidosa. Malia seren en xeral incluídos dentro da raza saxatilis, parecen derivar de exemplares albaneses de A. g. graeca, que terían cruzado o mar Adriático durante a derradeira glaciación, para ficaren illadas hai entre 12.000 e 10.000 anos, cando o nivel das augas marítimas subiu a principios do Holoceno. As poboacións alpínas terían contribuído menos a formación das poboacións apeninas. (Randi 2006). As perdices gregas dos Apeninos non se diferencian apenas nin externa nin xeneticamente doutras razas, malia que as características das poboacións fan sospeitar unha tendencia a separarse doutras subespecie e poderían aconsellar un seguimento das súas poboacións.(Randi 2006)

Existiu unha paleosubespecie, A. g. martelensis, só coñecida polos seus fósiles.

Costumes e bioloxía editar

Son aves listas e amigas de loitar, que corren e agatuñan con habilidade e teñen un voo rápido e lixeiro. Cando son molestadas prefiren correr que non voar. A súa dieta inclúe alimento vexetal de diversos tipos e animais pequenos, un espectro alimenticio cuspido ó da perdiz chucar.

No inverno forman bandos grandes, pero na primavera as parellas viven illadas. Poñen, nun niño feito debaixo da maleza ou nun sitio xeitoso nos acantilados, entre 12 e 15 ovos amarelados con manchas marróns, que chocan uns 26 días. Na zona dos Alpes crían entre xuño e xullo.

A perdiz grega e o home editar

A carne da perdiz grega fíxoa un obxectivo de caza habitual. Poden ser domesticadas con facilidade, malia non perderen nunca o seu carácter combativo, polo que en ocasións se organizaron loitas de machos, sobre todo en Asia. En Grecia creuse que protexían contra o mal de ollo, polo que se mantiñan presas en gaiolas esféricas moi pequenas.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • McGowan, Philip J. K. (1994): 11. Rock Partridge. In: del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew & Sargatal, Jordi (editors): Handbook of Birds of the World, Volume 2: New World Vultures to Guineafowl: 485, plate 43. Lynx Edicions, Barcelona. ISBN 84-87334-15-6
  • Randi, Ettore (2006): Evolutionary and conservation genetics of the rock partridge, Alectoris graeca. Acta Zoologica Sinica 52(Supplement): 370–374. PDF fulltext Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  • Heinz-Sigurd Raethel; Wachteln, Rebühner, Steinhühner, Frankoline und Verwandte, Verlagshaus Reutlingen, Reutlingen 1996, ISBN 3-88627-155-2

Ligazóns externas editar