Penalti

máximo castigo en varios deportes de balón

O penalti é o máximo castigo que se pode aplicar en diversos deportes de balón, consistente nun lanzamento sen barreira, dende unha distancia prefixada, coa clara oportunidade de obter un gol e coa única oposición do porteiro de equipo rival.

Execución dun penalti nun encontro de fútbol

En tódolos deportes nos que existe o penalti, a pena indicarase no momento en que un xogador aborte unha ocasión de gol cunha acción non regulamentaria, como por exemplo tocar o balón coa man dentro da área propia en fútbol, interromper unha acción dentro da liña de 7 metros en balonmán ou, na maioría de deportes, cometer unha falta a un rival nas proximidades da liña de gol ou portería. Para a execución, tanto o lanzador da pena, como o porteiro, como o resto de xogadores de ámbolos dous equipos, teñen que situarse nunhas distancias prefixadas no terreo de xogo.

Nalgúns deportes, se ó final do tempo regulamentario os dous equipos están empatados, resólvese o encontro cunha quenda de penaltis.

Penaltis en diferentes deportes editar

  • Fútbol: Asubiarase penalti cando o balón este en xogo e un xogador cometa unha falta dentro da área propia.

Para o lanzamento o balón debe permanecer estático no punto penal, situado a 11 metros perpendicular á liña de gol. O porteiro rival debe permanecer na liña de gol e o resto de xogadores tanto rivais coma compañeiros tralo balón a 9,15 metros de distancia como mínimo.

  • Fútbol sala: Concederase penalti cando un xogador reciba unha falta dentro da área rival.

Consiste nun lanzamento libre directo e realizarase dende un punto situado a 6 metros da liña de gol, tendo que ficar o resto de xogadores 5 metros por detrás de dito punto.

Dobre penalti: Castígase con dobre penalti calquera falta técnica, a partir da quinta, cometida a máis de 12 metros da liña de meta.
O lanzamento realizarase dende un punto situado a 12 metros da portería. Non pode haber ningún xogador entre o balón e a portería, agás o porteiro, que debe estar a lo menos a 5 metros de distancia do balón.
  • Fútbol praia: Concederase o lanzamento dun penal cando se cometa unha falta dentro da área de penalti, delimitada pola primeira liña imaxinaria máis próxima á portería.
     
    Execución dun penalti en Fútbol Sala

Para o lanzamento, o balón colocarase sobre dita liña imaxinaria, nun punto perpendicular ó centro da portería. Os xogadores que non interveñan no lanzamento deberán situarse por detrás do balón, a unha distancia mínima de 5 metros.

  • Vaterpolo: Castigarase con penalti calquera falta cometida dentro da área de 5 metros para evitar un gol probábel, así como a intervención no xogo dun xogador expulsado ou a acción técnica dun membro do banquiño para evitar un gol probábel.

O lanzamento realizarase dende calquera punto da liña de 5 metros, por un xogador distinto ao porteiro. O resto de xogadores deben ficar detrás, a uns 1 metros de distancia mínima con respecto ó xogador que vai a realizar o lanzamento.

  • Balonmán: Efectuarase un lanzamento dende a liña de 7 metros cando un xogador do outro equipo evite unha situación clara de gol mediante unha infracción, ou entre deliberadamente na súa propia área de portería para intervir no xogo.
     
    Execución dun penalti en Balonmán

O xogador que realice o tiro debe ficar detrás da liña de 7 metros, sen tocala, até que o balón saia da súa man, entrementres o porteiro non poderá superar a liña situada a 4 metros da súa meta. O resto de xogadores deben ficar fóra da liña de golpe franco a 3 metros como mínimo do lanzador.

  • Penalti-stroke: Asubíase cando un defensor comete unha falta dentro da área evitando a posíbel consecución dun gol, ou cando, o longo dun lanzamento de penalti-corner, algún defensor supera a liña de fondo denantes do permitido.
Tódolos xogadores agás o porteiro e o executante do penal situaranse trala liña de 23 metros. O executante ten que tirar sen realizar ningunha finta.
  • Penalti-corner: Concedese penalti-corner cando un defensor comete unha falta dentro da área sen impedir a consecución dun gol, a un xogador sen posesión da bola cando comete unha falta fóra da área pero dentro da zona de 23 metros que está a defender e cando a bola queda aloxada nos ropaxes ou equipamento dentro da área.
Para a súa execución, sitúase a bola sobre a liña de fondo, a 10 metros de distancia da portería. Do equipo infractor, só 5 xogadores poderán situarse trala liña de fondo, baixo a portería, entrementres o resto do equipo debe permanecer máis alá da liña de centro. O xogador atacante debe pasar a bola a outro xogador que se encontre fóra da área para que este poida tirar á porta.
  • Hóckey a patíns: Castíganse con penalti as faltas cometidas dentro da área da portería propia.
     
    Execución dun penalti en Rugby

Durante a execución, o porteiro non pode superar a liña de 50 centímetros, entrementres o resto de xogadores permanecerán trala liña de metade da pista. O xogador que efectúa o lanzamento, situado na liña de área, pode lanzar directamente a portería, xogar a pelota até outro xogador ou buscando un rebote ou patinar coa pelota en dirección á portería co gallo de driblar ó porteiro e acadar gol.

  • Hóckey sobre xeo: Márcase penalti cando un xogador, en posesión do disco, recibe unha falta polas costas, sen existir máis opoñentes entre el e o porteiro. O equipo ó que se lle pita o penalti en contra, non recibe máis sanción, é dicir, non acarrea inferioridade numérica.

O lanzamento realizarao o mesmo xogador que recibiu a falta. Este acércase patinando co disco dende o centro da pista e só ante o porteiro tentará marcar gol.

  • Rugby: É unha sanción que concede o árbitro cando un try é inminente e o equipo defensor comete unha infracción coa evidente intención de impedilo.

O equipo favorecido ten dereito a tentar a conversión, que se executa dende unha posición equidistante dos paus da liña de gol.