Peñón de Alhucemas

Coordenadas: 35°12′48″N 3°53′22″O / 35.21333, -3.88944

O Peñón de Alhucemas[1] é un illote do Mediterráneo occidental, pertencente a España e situado na baía homónima, a 600 m da costa de Marrocos, fronte á Cabila de Beni Urriaguel.

Peñón de Alhucemas
Tagzírt en Nékor
Peñón de Alhucemas, vista da costa marroquina.
Plano da Praza de Alhucemas en 1813 (Ministerio de Defensa de España)
Situación
PaísEspaña España
ProvinciaPrazas de soberanía de España
ArquipélagoIllas Alhucemas
MarMediterráneo
Coordenadas35°12′54″N 3°53′46″O / 35.21500, -3.89611
Xeografía
Superficie0,012 km²
Longura máxima170 m (L-O)
Largura máxima86 m (N-S)
Perímetro480 m
Punto máis alto27 msnm (ao N da illa)
Distancia a terra600 m
Demografía
PoboaciónGornición da RAMIX-32 (Rexemento de Artillaría Mixto 32)

Integra, xunto con dous illotes deshabitados, Tierra e o de Mar, o arquipélago das illas Alhucemas. Ambos illotes fóronlle cedidos por Marrocos en 1957, tras acceder este último país á independencia.

O penedo mide uns 170 metros de longo por 86 de largo, conta cunha extensión superficial aproximada de 0,012 km² e ten unha altitude máxima de 27 metros no seu lado norte. Conta ao leste da illa cun penedo rochoso chamado La Pulpera ou La Isleta, que é o cemiterio da illa, á que está unida por unha ponte.

Historia editar

A illa de Alhucemas, chamada en tempos antigos Pedra de Nékor (Tagzírt en Nékor), era coñecida polos navegantes da antigüidade. Fronte á illa alzouse a capital do antigo Emirato de Nékor (710-1019), que foi destruído polos almorávidas no 1080. Durante o dominio almohade o porto da antiga cidade de Nékor, chamado de Meses-ma, tivo unha certa importancia.

Durante moito tempo a baía e a illa foi refuxio dos piratas que atacaban ás costas e naves españolas. Semella que en 1560 o rei de Fez, Mulei Mohammed o Xerife Negro, fixo oferta da illa aos españois. Máis tarde, Lois XIV de Francia pretendeu establecer en 1665 unha factoría. Tres anos despois un mouro poderoso dos arredores mandou fortificar a illa a un enxeñeiro francés, coa intención de defenderse de Mulei Ismaíl. Debido á existencia desta primitiva fortaleza e a antiga actividade berberisca na zona, o 28 de agosto de 1673 unha escuadra comandada por Andrés Dávalos, conde de Monte Sacro, ocupouna e cambioulle o nome polo de Illa de Santo Agostiño e San Carlos das Alhucemas, lembrando a festa do día (Santo Agostiño) e o nome do rei (Carlos II de España)[2]. O capitán Francisco López Moreno foi o seu primeiro alcaide, e a poboación chegou a contar con trescentos habitantes que comerciaban cos rifeños.

O comercio entre insulares e rifeños consistía no intercambio de tecidos, buxías, arroz, bacallau, aceite, té e azucre por pasas, améndoas, ovos, peles e cera virxe do norte africano, principalmente.

Posteriormente, parte da illa transformouse nun penal, destino tanto para presos comúns como políticos, sendo tamén lugar de desterro, manténdose esta situación particular ata principios do século XX. En 1838 os confinados políticos e parte da guarnición subleváronse, probablemente no eido da primeira guerra carlista.

A principios da década de 1890 moitos rapaces rifeños da tribo dos Beni Urriaguel recibían as súas primeiras letras na escola da illa. Un deses rapaces foi o fillo do cadi (xuíz islámico) dos clans dos Aït Khattab e os Aït Boudchar, chamado Muhammad Ibn 'Abd El-Karim El-Khattabi, máis coñecido como Abd el-Krim, líder guerrilleiro que proclamou a República do Rif. Con seguridade, este primeiro contacto coa illa serviulle anos despois para calibrar a capacidade militar dos españois nas dispersas prazas de soberanía.

Dispón dunha igrexa, un faro, varias casas, un porto, un heliporto e un forte con almacéns. É o punto de amarre de varios cabos submarinos unidos a Melilla, Ceuta e á Península Ibérica.

Custódiano de forma permanente forzas militares pertencentes ao Corpo de Regulares de Melilla.

Notas editar

  1. Diccionario enciclopédico galego universal (2003): Alhucemas, peñón de: Illote de soberanía española na badía de Alhucemas (ou de Al-Hoceimas) a 2 km da costa marroquí (1,2 km²). Foi ocupado polos españois en 1673. O seu único poboamento son os 61 membros do destacamento da lexión.
  2. (Gabriel de Morales 1992, p. 59)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Morales Mendigutia, Gabriel de (1992) [1909]. Datos para la Historia de Melilla (1497-1907). Biblioteca Gabriel de Morales (en castelán) (Vicente Moga Romero ed.) (Melilla: Servicio de Publicaciones del Centro UNED de Melilla). p. 631. ISBN 84-87291-24-4.  Consta de dous volumes, contendo o primeiro o corpo principal da obra, cun estudo crítico introdutorio escrito por Francisco Saro Gandarillas, Antonio Bravo Nieto e Vicente Moga Romero, e o segundo os "Apéndices a Datos para la historia de Melilla de Gabriel Morales y Mendigutia".
  • Morales Mendigutia, Gabriel de (1995). Efemérides de la Historia de Melilla (1497-1907). Biblioteca Gabriel de Morales (en castelán) (Vicente Moga Romero e Antonio Bravo Nieto ed.) (Melilla: Servicio de Publicaciones del Centro UNED de Melilla). p. 460. ISBN 84-87291-24-4. .