Pavel Haas

compositor checo

Pavel Haas, nado o 21 de xuño de 1899 en Brno (daquela no Imperio Austrohúngaro e hoxe na República Checa) e finado o 17 de outubro de 1944 nunha cámara de gas en Auschwitz, foi un compositor musical, dos máximos expoñentes da escola de composición de Leoš Janáček. Cunha obra escasa pero salientable, destacan os seus ciclos de cancións e os cuartetos de corda.[1][2]

Pavel Haas
O compositor checo Pavel Haas
Nacemento21 de xuño de 1899
  Brno
República Checa República Checa
Falecemento17 de outubro de 1944 (45 anos)
 Auschwitz-Birkenau
Polonia Polonia
SoterradoJewish cemetery in Brno
NacionalidadeImperio Austrohúngaro
Educado enBrno Conservatory
Composicións destacadasÓpera Šarlatán ("O lerchán").
Parella/sSoňa Jakobson
FillosOlga Haasová
IrmánsHugo Haas
PremiosPremio da Fundación Smetana para a ópera
Na rede
IMDB: nm0351989 Spotify: 6hBijlytywRoRQ87dGuNRq Musicbrainz: 6a3450e3-ae10-4604-b774-256b81d32c13 Discogs: 848340 IMSLP: Category:Haas,_Pavel Allmusic: mn0002298654 WikiTree: Haas-3716 Find a Grave: 15017843 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Antes da guerra editar

Haas naceu nunha familia xudía acomodada e cunha boa situación social. O seu pai, Zikmund Haas, fabricante de comerciante de zapatos, proviña da rexión de Moravia, e a súa nai, Olga Epstein, era orixinaria de Odesa.[3]

Logo de estudar piano pola súa conta, Haas comezou a súa formación musical regrada aos 14 anos estudando composición no conservatorio de Brno entre 1919 e 1921, antes de se converter en alumno do compositor checo Leoš Janáček durante dous anos, quen deixou nel unha clara influencia. En 1935 casou con Soňa Jakobson, que fora a muller do lingüista ruso Roman Jakobson.[4]

Das máis de 50 obras que Haas compuxo durante as dúas décadas seguintes, só 18 recibiron número de opus pola súa parte, o que amosa a súa actitude autocrítica. Mentres traballaba no negocio do seu pai, compuxo obras de todos os tipos: sinfónicas e corais, lieder, música de cámara e partiturass para o cine e o teatro. A súa ópera Šarlatán ("O lerchán") estreouse en Brno con moito éxito en abril de 1938.[5]

Haas recibiu o premio da Fundación Smetanapara a ópera, compartido con Vítězslava Kaprálová.

Deportación e morte en Auschwitz editar

 
Placa na honra de Pavel Haas.

En 1941, Haas foi deportado ao campo de concentración de Theresienstadt, xunto con outros compositores xudeus, como Viktor Ullmann ou Hans Krása. Con anterioridade á súa detención divorciárase da súa muller para evitar que esta e a súa filla seguisen o mesmo destino.[6]

Haas compuxo polo menos oito obras durante o seu cativerio, das que non todas se conservan. Entre elas está a serie de catro cancións sobre poesía chinesa para barítono e piano (Vier Lieder nach Worten chinesischer Poesie), así como unha obra para coro masculino titulada Al s'fod (a súa única obra en hebreo) e o seu Estudo para Orquestra de Corda, estreado no propio campo de concentración e unha das súas obras máis coñecidas.[7]

En 1944 os nazis remodelaron Theresienstadt xusto antes dunha visita prevista pola Cruz Vermella que foi recollida nunha película de propaganda titulada Der Führer schenkt den Juden eine Stadt ("O Führer dálles unha cidade aos xudeus"). Neste documental, coñecido como Theresienstadt, vense os nenos cantando a ópera Brundibár, de Hans Krása, e Pavel Haas aparece facendo unha reverencia logo dunha interpretación do seu Estudo para Orquestra de Corda.[8]

Pouco despois deste acto de propaganda, os nazis trasladaron 18.000 prisioneiros, entre os que se atopaba Haas, ao campo de Auschwitz-Birkenau, onde morreron nas cámaras de gas. Consonte o testemuño de Karel Ančerl, Hass estivo preto del desde a súa chegada a Auschwitz. Cando o Doutor Mengele se dispuña a enviar a Ančerl á cámara de gas, Hass, moi debilitado, comezou a tusir, o que motivou que Mengele o escollese a el para executalo. Rematada a guerra, Ančerl, que conseguira sobrevivir, contoulle este episodio ao seu irmán, o director de cine Hugo Haas.[9][10]

Obra editar

Leóš Janáček tivo unha influencia decisiva no estilo de Haas, sobre todo no uso das melodías moravas.[7] A obra de Haas integra tamén outras músicas tradicionais, como a hebrea, así como elementos da linguaxe do jazz. Segundo o seu biógrafo, o musicólogo Lubomír Peluzzi, Hass é máis un sucesor que un discípulo de Janáček, xa que vai máis aló e conecta a tradición da música checa coa música europea occidental moderna.[11]

O "Cuarteto de corda número 1" (1920) é unha sonata dun só movemento, densamente contrapuntística e cun amplo alcance harmónico.[12]

O "Cuarteto de corda número 2" (1925) Op. 7, titulado "Z opičích hor ("Desde as montañas dos monos"), composto tres anos despois de finalizar os seus estudos de composición conJanáček, inspírase nunha viaxe ás montañas homónimas de Moravia. Estreada o ano seguinte, a obra non tivo boa aceptación, xa que integraba elementos pouco habituais, o que levou o autor a cambiar o final e eliminar a percusión, aínda que moitas interpretacións actuais a incorporen novamente.

Haas escribiu tamén varias bandas sonoras para o cine, como é o caso da de Zivot je pes ("A vida é un can"), de 1933, que protagonizou o seu irmán, Hugo Haas.[13]

Šarlatán ("O lerchán") (1934-1937), é unha ópera traxicómica en tres actos que se estreou en 1938 no Teatro Nacional de Brno, dirixida por Guido Arnoldi.[14]

O "Cuarteto de corda número 3" (1938) compúxoo cando estaba no momento máis doce da súa carreira. A composición inclúe elementos da música folclórica de Moravia cunha linguaxe propia cargada de carisma no movemento central.[12]

A "Suite para óboe e piano" (1939) Op.17 amosa a angustia das vivencias de Haas intentando fuxir do horror nazi.[15]

Haas deixou inacabada unha grande simfonía para orquestra (1940-1941), que en 1994 completou o compositor Zdeněk Zouhar, respectando o seu estilo.[16]

En "Catro cancións chinesas", composta para barítono e piano en 1944, cando estaba no campo de concentración, as cancións ilustran o seu estado anímico. Baseadas en poemas de diversos poetas chineses, as cancións son moi cromáticas sen chegaren a ser atonais. A relación entre o texto e a música é expresiva; é dicir, cada poema ten un carácter propio: a primeira e a terceira triste, a segunda máis animosa e a cuarta novamente triste, pero conclúe cunha coda alegre, que invoca un novo día.[17]

Haas como personaxe literario editar

Pavel Hass é un personaxe protagonista da triloxía First Republic trilogy, de David Herter. Trátase dunha reflexión sobre a relación entre a arte e o contexto histórico na Checoslovaquia do período entre as dúas guerras, que abrangue as novelas On the Overgrown Path (2006), The Luminous Depths (2008) e One Who Disappeared (2012).

Notas editar

  1. "Pavel Haas". En The OREL Foundation.
  2. Vysloužil, Jiří. Hudební slovník pro každého II. Lípa. 2001. Páxina 168. ISBN 80-86093-23-9 (en checo)
  3. "Pavel HAAS - Czech Composer". Czech Music Information Centre.
  4. Matějková, Jolana. (2005). Páxina 129.
  5. "Pavel Haas". Boosey & Hawkes.
  6. "Pavel Haas". Music and the Holocaust.
  7. 7,0 7,1 "Pavel Haas". Neue Jüdische Kammerphilarmonie Dresden.
  8. "Theresienstadt: música i holocaust en el 1944". Diari La Veu. 16 de outubro de 2014.
  9. Matějková, Jolana. (2005). Páxina 137.
  10. Langman, Larry. Destination Hollywood: The Influence of Europeans on American Filmmaking. McFarland & Company, Inc. Páxina 23. ISBN 0-7864-0681-X
  11. "Celebrating Homage to Pavel Haas Arquivado 01 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". Czech Centre. 26 de maio de 2015.
  12. 12,0 12,1 Clements, Andrew. "Haas: String Quartets Nos 1 & 3; Janáček: String Quartet No 1; Pavel Haas Quartet". En The Guardian. 7 de decembro de 2007.
  13. "Zivot je pes (1933). Full Cast & Crew". IMDb.
  14. "Haas, Pavel. Sarlatán (1934-37)". En Boosey & Hawkes.
  15. "Pavel Haas". En Classical Net.
  16. "Haas, Pavel. Symphony (1940/41)". En Boosey & Hawkes.
  17. "Rediscovering Pavel Haas (1899-1944) and his Four Songs on Chinese Poetry (1944) Kimberly Burton, Texas State University Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". American Musicological Society Southwest Chapter.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Matějková, Jolana. Hugo Haas : Život je pes. Petr Tychtl-Nakladatelství XYZ. 2005. ISBN 80-86864-18-9 (en checo).

Ligazóns externas editar