Paul Pierce

baloncestista estadounidense

Paul Anthony Pierce, nado o 13 de outubro de 1977 en Oakland (California), é un ex xogador profesional de baloncesto estadounidense que xogou principalmente para os Boston Celtics da National Basketball Association (NBA), equipo co cal conseguiu o anel de campión en 2008. Alén de en Boston, xogou para os Brooklyn Nets, Washington Wizards e Los Angeles Clippers. Foi elixido no número dez do Draft da NBA de 1998 por Boston Celtics. Foi dez veces All Star e o seu maior éxito foi o anel de campión que logrou en 2008 fronte a Los Angeles Lakers, sendo nomeado MVP das Finais. Previamente, en 2002, alcanzara as Finais de Conferencia. É alcumado "The Truth" (do inglés: A verdade).

Paul Pierce
Posición Ala
Dorsal 34
Altura 2,01 m (6 ft 7 in)
Peso oficial 107 kg (235 lb)
Nacemento 13 de outubro de 1977 (46 anos)
Oakland, California
Carreira
Instituto Inglewood, en Inglewood (California)
Universidade Kansas (1995–1998)
NBA Draft 1998 / Rolda: 1 / Elección: 10
Por Boston Celtics
Tempadas 19982017
Equipo(s)
Estatísticas (NBA)
Puntos     26 397 (19,7 ppg)
Rebotes     7 527 (5,6 pp)
Asistencias     4 708 (3,5 pp)
Stats @ Basketball-Reference.com
Premios

Carreira editar

Universidade editar

Pierce foi unha estrela no Inglewood High School de Inglewood (California) onde botou 4 anos e participou no concurso de mates ESPN Field All-American xunto con Vince Carter en 1995. Tras isto, iniciou a súa etapa universitaria na Universidade de Kansas, onde pasou tres tempadas. Debutou na tempada 1995-96 na que fixo 11,9 puntos e 5,3 rebotes por partido, aquel ano chegaron á final rexional onde caeron ante Syracuse 60-57, quedándose a un paso da Final Four.

Un ano despois estiveron a piques de repetir posto pero quedaron na Sweet Sixteen (semifinais rexionais) tras perder fronte a Arizona. Era o ano sophomore de Pierce e asinou 16,3 puntos, 6,8 rebotes e 2,1 asistencias en 28,1 minutos de media. Na súa última campaña cos Jayhawks, a 1997-98 fixo 20,4 puntos, 6,7 rebotes e 2,6 asistencias en 30,4 minutos. A pesar diso, esta vez só puideron avanzar até a segunda rolda do torneo NCAA, onde foron derrotados por Rhode Island. Anotou o seu máximo con 34 fronte a Vanderbilt. Foi incluído no Mellor Quinteto All-America, e tanto en 1997 como en 1998 foi MVP do Torneo da Big 12 Conference. Tivo unha media no seu periplo universitario de 16,4 puntos e 6,3 rebotes.

NBA editar

Paul Pierce foi elixido por Boston Celtics no posto dez de primeira rolda do draft de 1998. Debutou contra Toronto Raptors asinando 19 puntos, 9 rebotes, 5 roubos e 4 tapóns. Aquela foi a campaña do lockout e acabou cunhas esperanzadoras medias de 16,5 puntos, 6,4 rebotes e 2,6 asistencias. Foi nomeado rookie do mes de febreiro tras facer 20,4 puntos, 7,1 rebotes, 2,4 asistencias e 2,73 roubos, líder da NBA neste apartado estatístico. Ademais, a finais da tempada foi incluído no Mellor Quinteto de Rookies. Tamén liderou aos Celtics en triplos anotados (84, 10º na liga), tentados (204), en porcentaxes de triplos (41.2, 10º tamén a a liga) e en roubos (1,71). Callou o seu mellor partido en puntos o 29 de abril de 1999 ante Miami Heat con 31, pero talvez o seu partido máis completo como novato foi ante Indiana Pacers o 19 de abril con 30 puntos, 12 rebotes (a 1 rebote do seu récord esa tempada) e 6 asistencias (o seu mellor rexistro como novato). Os Celtics, da man de Rick Pitino, acabaron cun balance de 19-31.

Na tempada 1999-00 mellorou sensiblemente os seus números con 19,5 puntos, 5,4 rebotes e 3 asistencias. O equipo volveuse a quedar fóra de playoffs pero a parella que formaba con Antoine Walker empezaba a coller forma. Superou o seu récord en puntos con 38 ante Detroit Pistons o 13 de marzo de 2000. Participou no Rookie Challenge co equipo sophomore. Un ano despois consagrouse como un xogador de elite, un dos grandes da liga tras facer 25,3 puntos, 6,4 rebotes e 3,1 asistencias por partido. Boston quedou de novo ás portas de playoffs, pero o equipo experimentou un cambio positivo coa chegada de Jim O'Brien que substituíu a Pitino. Foi nomeado Xogador do Mes de marzo en 2001 tras facer 30,3 puntos, 7,2 rebotes, 3,4 asistencias e 1,6 roubos. Na semana do 19 de marzo tamén foi elixido xogador da semana. Anotou o seu tope en puntos con 44 ante New Jersey Nets o 22 de marzo de 2001. Mais o seu partido máis popular foi no que Pierce se gañou o alcume de "The Truth", sobrenome que debe a Shaquille O'Neal, despois de que o escolta céltico asinase 42 puntos fronte a Los Angeles Lakers o 13 de marzo de 2001.

Aquela tempada foi o único xogador do cadro de Boston en disputar os 82 partidos e converteuse no primeiro "celtic" dende Larry Bird en alcanzar a cifra dos 2.000 puntos. Tamén logrou o récord de tiros libres tentados nunha soa campaña con 738, mentres que acabou terceiro na clasificación histórica de tiros libres anotados nunha tempada (550) tras Cedric Maxwell (574) en 1979 e John Havlicek (554) en 1971. Acabou o ano oitavo en puntos por partido, cuarto en puntos totais e segundo en tiros libres anotados e tentados. Asinou 12 dobres-dobres e liderou ao equipo en anotación 43 veces, en rebotes 19 e en asistencias 13. Superou a barreira dos 40 puntos en 8 ocasións e a dos 30 en 23.

Durante o verán de 2001 asinou un contrato de renovación multianual con Boston. Naquela tempada 2001-02 Pierce logrou clasificar a Boston ás Finais da Conferencia Leste, onde foron derrotados 4-2 por New Jersey Nets. Previamente eliminaran a Philadelphia 76ers e Detroit Pistons. Fronte aos Sixers fixo 30,2 puntos, 8,6 rebotes e 4,2 asistencias, anotando 46 no decisivo quinto partido. Fronte aos Pistons capturou 17 rebotes no 4º partido da serie, e nas finais de conferencia foi decisivo na maior remontada no último cuarto da historia de playoffs. Esta remontada ocorreu no terceiro partido ante os Nets no que anotou 21 dos seus 28 puntos na segunda parte, con 19 no último cuarto.

Pierce asinou a súa mellor tempada, fixo 26,1 puntos, 6,9 rebotes e 3,2 asistencias nos 82 partidos que xogou, chegando até as finais de conferencia e disputando o seu primeiro All-Star Game en Filadelfia, onde anotou 19 puntos e capturou 7 rebotes en 23 minutos. Dende 2002 até 2006 estaría presente en tódolos All-Star. Tanto en decembro como en abril compartiu con Antoine Walker o galardón de xogador do mes. O equipo acabou, ademais, co mellor récords​ en liga regular (49-33) dende a 1991. Con 2.144 puntos converteuse no primeiro xogador de Boston Celtics en liderar a clasificación de puntos totais nunha tempada. Ante Seattle SuperSonics igualou o seu récord de 8 triplos, e fronte a Cleveland Cavaliers instaurou un novo de 5 tapóns. Debutou coa selección do seu país no mundial de Indianápolis en 2002, onde só puideron ser 6º ante o seu público.

A tempada 2002-03 semellaba a ideal para dar o salto ás finais, pero topáronse en semifinais de conferencia ante uns New Jersey Nets que dominaban a conferencia naquela tempada encabezados por Jason Kidd. Caeron 4-0 e nunca deron sensación de mostrar oposición. Pierce volveuse a marcar unha tempada maiúscula con 25,9 puntos, 7,3 rebotes e 4,4 asistencias. Tanto nesta, como na anterior campaña, foi incluído no terceiro mellor quinteto da NBA. Para a tempada 2003-04 a parella Pierce & Walker desfíxose pola marcha deste a Dallas Mavericks. O balance de 36-46 en liga regular serviu para alcanzar os playoffs, onde caeron ante Indiana Pacers por 4-0. Pierce marcouse unha gran tempada pero estivo máis xeneroso, como din as súas 5,1 asistencias de media, o máximo de media nunha tempada, ademais dos seus 23 puntos e 6,5 rebotes.

 
Pierce nun partido ante Washington Wizards.

Na 2004-05 volvía disputar todos os partidos de liga regular, algo que non sucedía dende a 2001. Indiana Pacers volveu cruzarse no seu camiño, para eliminarlles de novo, non sen sufrimento, por 4-3. Da man de Doc Rivers, que se estreaba no banco de Boston, asinaron unha moi boa tempada regular con 45 vitorias. Con todo, Pierce asinou a peor tempada en puntos desde o seu ano sophomore, a pesar de callar unha gran tempada con 21,6 puntos, 6,6 rebotes e 4,2 asistencias de media. Na 2005-06 Boston quedaría sen playoffs despois de catro anos consecutivos. Pierce callou, estatisticamente, a súa mellor campaña no que a puntos se refire con 26,8 por partido, volvendo superar a barreira dos 2.000 puntos. Ademais engadiu 6,7 rebotes e 4,7 asistencias. O 15 de febreiro de 2006 anotou o seu tope en puntos con 50 ante Cleveland Cavaliers.

Por primeira vez na súa carreira, Pierce ía sufrir unha lesión importante que lle obrigase a perderse 35 partidos, cando o máis que perdera até o momento foran nove partidos na 1999-00. Con esa tempada tamén houbo outra coincidencia, dende aquela campaña Pierce non xogaba un partido sen saír de titular. Fixo 25,8 puntos, 5,9 rebotes e 4,1 asistencias. O 1 de novembro de 2006 asinou 19 rebotes ante New Orleans/Oklahoma City Hornets

2008, O primeiro anel editar

Na tempada 2007-08, Pierce en Boston formou parte do mellor equipo da NBA, sendo o líder en puntos (19,6) diante de xogadores do talle de Kevin Garnett ou Ray Allen. Nesa mesma tempada, gañaría o anel da NBA co seu equipo, os Boston Celtics, derrotando na final por 4-2 a Los Angeles Lakers, e sendo elixido como o MVP da final.

Durante os seus 9 anos de carreira na NBA, Pierce fixo unha media de 23,8 puntos, 6,8 rebotes, 5,2 asistencias e 1,7 roubos, e xa acumula 17.375 puntos, situándose cuarto na clasificación histórica de máximos anotadores de Boston, sendo por dereito propio toda unha lenda en Boston Celtics. Para moitos esta considerado como un do tres mellores aleiros da liga e un dos cinco xogadores máis completos da NBA.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar