Patacón (moeda holandesa)

Para outras moedas denominadas patacón, ver a páxina de homónimos: Patacón.

O patacón ou patagón (en neerlandés: patacon; en castelán: patacón; en portugués: patacão; en italiano: pataccone; en alemán: albertusthaler; en francés: écu à la croix de Bourgogne) é un tipo de tálero, unha moeda de prata aparecida inicialmente a principios do século XVII nos Países Baixos españois e que chegou a ser moi popular na economía dos países da contorna do mar Báltico, onde se converteu na principal moeda de cambio nese século.[1][2][3][4]

Anverso dun patacón a nome de Filipe IV cuñado en Bruxelas en 1631, coa Cruz de Borgoña

Características editar

O peso do patacón era substancialmente menor que o do tálero estándar, que era o padrón monetario do Sacro Imperio romano. Producíase unha cuñaxe de nove pezas e media por marco de prata no canto de nove, polo que estas pezas contiñan 24,65 gramos de prata pura na súa aliaxe.[5]

Ademais da unidade emitíronse moedas fraccionarias con valores de medio, un cuarto, un oitavo (ou escalin) e un dezaseisavo de patagón.[6]

Etimoloxía editar

 
Patacón a nome de Filipe IV cuñado en Bruxelas en 1621

Na tradición alemá, o nome albertusthaler ("tálero de Alberte") asóciase co nome do gobernador dos Países Baixos e duque de Borgoña Alberte VII de Austria, cuxo busto aparece representado nas primeiras series destas moedas.

Na tradición francesa coñécese como écu à la croix de Bourgogne, porque o tálero era unha moeda equivalente ao escudo francés (écu) e este en concreto, o patacón, caracterizábase por amosar nos seus reversos a Cruz de Borgoña, símbolo da soberanía española.

O termo "patacón" ou "patagón", que foi o que se impuxo en case todos os países (coas súas adaptacións idiomáticas), ten a súa orixe na palabra árabe bataqa, forma apocopada da expresión abu taca, que literalmente significa "o pai da fiestra". Con esta orixe, a palabra española pataca comezou a estenderse por Europa (en provenzal: patac; en francés: pataque, en italiano: patacca), xunto co seu aumentativo patacón, como denominación da moeda española de oito reais cuñada nas colonias de América, de ampla circiulación internacional desde o século XVI, que nos seus inicios amosaba a imaxe do Vello e o Novo Mundo enmarcados entre as columnas de Hércules, que ás veces se entendían como o marco dunha fiestra. Esta moeda española foi a base de moedas de prata de gran módulo, como o tálero centroeuropeo ou o dólar estadounidense.[7][8][9]

O patacón orixinal (albertusthaler) editar

 
Retrato de Alberte e Isabel de Austria nunha moeda de prata de 1618

Os primeiros patacóns amosaben nos seus anversos as armas borgoñoas rodeadas pola lenda latina ALBERTUS ET ELISABETH D. G. ARCHIDUC. AUSTR. DUCES BURG. BRA. Z. ("Alberte e Isabel, pola graza de Deus, arquiduques de Austria, Borgoña, Brabante e Zelandia). Nos reversos, a cruz de Borgoña (derivada, nesta ocasión da de Santo André) formada por dúas polas cortadas e con abrochos, frondosas nos seus extremos, entrecruzadas nos seus centros, de onde pendura o colar da Orde do Vélaro de Ouro coa inscrición PACE ET IUSTITIA ("paz e xustiza").

A cuñaxe deste patacón orixinal ou albertustaler continuou nos Países Baixos ata o final da dominación española, cara ao ano 1700, e foi substituído nesta rexión polo tálero coñecido como kronentaler en 1755, a nova moeda de cambio establecida no territorio do Sacro Imperio Romano por María Tareixa I de Austria.[10]

Propagación e imitacións editar

 
Ducado de prata cuñado en Frisia Occidental en 1794

Nas Provincias Unidas cuñáronse táleros de 1659 a 1802 coas mesmas características metrolóxicas aós orixinais patacóns, aínda que a súa denominación formal era a de "ducados de prata". Nos seus anversos tiñan o escudo de armas do león de holanda e nos reversos un home de pé con armadura. A maioría destas moedas foron cuñadas en Antuerpen e en Bruxelas.

Para o comercio na Europa Oriental a partir do Báltico (fundamentalmente Polonia, Rusia e Imperio Otomán) o patacón era un importante medio de pagamento internacionalmente recoñecido no século XVIII. En Rusia  facíanse contramarcas nas moedas orixinais dos Países Baixos para garantir o seu recoñecemento oficial e circularon amplamente antes da aparición do rublo.

No entanto, nas rexións de Livonia, Curlandia e Semigalia cumpriu esperar ata 1810 para ver este tipo de táleros aparecer entre as transaccións comerciais.[11]

Notas editar

  1. Definición de patacón no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. "Patagones". En Moneda Hispánica (en castelán)
  3. "Patacón". En Rubio Santos, Enrique. Glosario numismático Numisma. Barcelona, 2011 (en castelán)
  4. "Le Patagon Arquivado 22 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Museo do Banco Nacional de Bélxica (en francés)
  5. Descrición do patagón. "Dictionnaire numismatique". En Migne, Jean-Paul. Encyclopédie théologique : ou, Série de dictionnaires sur toutes les parties de la science religieuse. Tomo 32. 1832 (en francés)
  6. "Patagon". En Pierer's Universal-Lexikon. Altemburg. 1857-1865 (en alemán)
  7. "Patacca". En Vocabulario Etimologico di Pianigini. Albrighi & Segati. 1907 (en italiano)
  8. "Pataccone". En Vocabulario Etimologico di Pianigini. Albrighi & Segati. 1907 (en italiano)
  9. "Pataca". En García de Diego, V. Diccionario Etimológico Español e Hispánico. Madrid, Ed. SAETA., 1956 (en castelán)
  10. Pierer's Universal-Lexikon. Altemburg. 1857-1865. Páxina 837 (en alemán)
  11. Pierer's Universal-Lexikon. Altemburg. 1857-1865. Páxina 18 (en alemán)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar