Paso do Noroeste

ruta marítima no norte de Norteamérica

Coordenadas: 70°36′00″N 127°32′00″O / 70.6, -127.53333333333

O paso do Noroeste, ás veces tamén chamado paso do Norte,[1] é o nome co que se coñece a ruta marítima que bordea Norteamérica polo norte, atravesando o océano Ártico e conectando o estreito de Davis e o estreito de Bering ou, o que é o mesmo, o océano Atlántico e o océano Pacífico.[2][3]

Paso do Noroeste.
Mapa de G. Sanson (1687), coa localización do estreito de Anián.

A ruta discorre por un conxunto de estreitos localizados no arquipélago ártico canadense, entre as grandes illas árticas e as terras continentais.

É o que os antigos cartógrafos da alta Idade Moderna coñecían como o lendario estreito de Anián

Traxectoria editar

De oeste a leste, o paso do Noroeste parte do océano Pacífico, do estreito de Bering —que separa Rusia e Alasca— e segue polo mar de Chukchi e o mar de Beaufort. Logo a ruta debe cruzar o arquipélago ártico canadense e hai de cinco a sete rutas posíbeis —incluídas a do estreito de McClure, a do estreito de Dease e a do estreito do Príncipe de Gales—, aínda que non todas son adecuadas para grandes buques.[4][5] A ruta continúa cruzando a baía de Baffin e chega finalmente ao estreito de Davis, xa no océano Atlántico.

Posíbeis efectos do quecemento global editar

Especulouse con que co quecemento global e a redución da capa de xeo do Ártico, a ruta do paso do Noroeste pode chegar a estar o suficientemente libre de xeo como para permitir un novo transporte comercial seguro, polo menos en parte do ano. O 21 de agosto de 2007, o paso do Noroeste permaneceu aberto ao tráfico marítimo durante o verán boreal sen a necesidade de utilizar barcos quebraxeos. Segundo Nalan Koc, do Instituto Polar Noruegués, esta foi a primeira vez que quedou libre desde que comezaron a tomarse rexistros en 1972.[6][7] O 26 de agosto de 2011 o paso quedou novamente aberto. Algunhas estimacións sinalaron que o traxecto pode chegar a ser navegábel durante todo o ano aproximadamente no ano 2020 o, que de ser certo, diminuiría considerabelmente o traxecto marítimo entre Europa e Asia, converténdose nunha ruta alternativa ás do Canal de Panamá e o Canal de Suez: en 2011 o traxecto Londres-Osaka supón 23 300 km por Panamá e 21 200 km por Suez; polo paso do Noroeste quedaría reducido a soamente 15 700 km.

O goberno do Canadá considera que os estreitos polos que discorre a ruta do paso do Noroeste forman parte das súas augas interiores,[8] pero varios países manteñen que en virtude da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar eses estreitos deben seren considerados estreitos internacionais, o que permitiría o tráfico marítimo libre e sen peaxes.[9][10] É unha cuestión moi controvertida, xa que nese territorio se encontraron nas últimas décadas importantes reservas de petróleo, gas natural, diamantes e chumbo.

Notas editar

  1. IHO Codes for Oceans & Seas, and Other Code Systems Arquivado 03 de xullo de 2006 en Wayback Machine., including IHO 23-3rd: Limits of Oceans and Seas, Special Publication 23, 3rd ed. (1953), publicado por International Hydrographic Organization.
  2. "Definición no Merriam-Webster Online Dictionary". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 8 de maio de 2020. 
  3. "The Northwest Passage Thawed". Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2007. Consultado o 8 de maio de 2020. 
  4. "The Northwest Passage and Climate Change from the Library of Parliament—Canadian Arctic Sovereignty". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2008. Consultado o 8 de maio de 2020. 
  5. Andrea Charron—The Northwest Passage Shipping Channel: Is Canada’s Sovereignty Really Floating Away? PDF
  6. North-West Passage is now plain sailing.
  7. Satellites witness lowest Arctic ice coverage in history
  8. 5CTP% 5CTP14202% 5Cinterpretation.htm TP 14202 Interpretación do Ministerio de Transporte de Canadá.
  9. The Northwest Passage and Climate Change from the Library of Parliament—Canadian Arctic Sovereignty Arquivado 09 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. (Retos: o paso do Noroeste e o cambio climático, na Biblioteca do Parlamento canadiense- Soberanía Ártico )
  10. Naval Operations in an ice-free Arctic (Operacións navais nn Ártico libre do xeo).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar