Partido Popular Galego

partido político galego
Para a organización galega do Partido Popular, ver Partido Popular de Galicia.

O Partido Popular Galego (PPG) foi un partido galeguista de centro dos anos da transición.

Partido Popular Galego (PPG)
Partido político de Galiza
Dirixentes e organización
LíderXaime Illa Couto
Historia
Fundación1976
Disolución1978
Posicións políticas
IdeoloxíaNacionalismo galego
centro
Democracia cristiá
Federalismo

Fundouse en xullo de 1976 ao se unir a Unión Democrática de Galicia, liderada por Xaime Illa Couto, e Esquerda Democrática Galega, liderada por Fernando García Agudín e ligada á Izquierda Democrática de Joaquín Ruiz-Giménez. No seo do partido establecéronse dúas posicións, os partidarios do mantemento do partido cuns claros sinais galeguistas e os partidarios da integración na UCD, este último grupo acabará marchando do PPG antes das eleccións de 1977.

Ideoloxía editar

Definíase como galeguista, federalista e de inspiración humanista e comunitaria. Buscaba conectar coas clases medias e sectores ilustrados do país co fin de que non se identificase nacionalismo con independentismo revolucionario. Pretendía ser a versión galega dos partidos europeos que integraban a Internacional democratacristiá; particularmente tiña como referencia a CDU alemá. Pretendía asumir a herdanza nacionalista do Partido Galeguista da II República.

Traxectoria editar

Participou nas actividades do Equipo Democráta Cristiano del Estado Español, aínda que non se integrou nel. Acudiu como observador á constitución do Consello de Forzas Políticas Galegas pero as diferenzas ideolóxicas coa UPG impediron a súa integración nel. Mantivo, porén conversas co Partido Socialista Galego, outro integrante do Consello, para concorrer xuntos ás eleccións, opción que non chegou a materializarse. Contou co apoio de notables e galeguistas históricos que dende moi cedo se viron tentados por ofertas das forzas políticas estatais de centro-dereita que pretendían galeguizar as súas mensaxes.

Finalmente, nas eleccións xerais de 1977 foi en coalición co Partido Galego Social Demócrata para o Congreso e coa Candidatura Democrática Galega para o Senado. Os malos resultados da coalición nas eleccións, 23.014 votos, fixo que unha parte dos militantes volvera ás teses da unión coa UCD, mentres que o grupo maioritario buscaba o espazo do galeguismo de centro procurando o apoio de galeguistas históricos como Manuel Beiras ou Ramón Martínez López. A sintonía entre persoeiros como Avelino Pousa Antelo e Xaime Illa, fixo frutificar a idea. Isto supuxo a desaparición do PPG ao refundar co PGSD o Partido Galeguista, integrándose o sector contrario na UCD.

O Partido Popular Galego foi un partido de cadros que tan só tiña 117 afiliados en 1977. Gonzalo Rey Lama foi o seu secretario executivo entre 1977 e 1978.

Entre os seus membros figuraron Carlos Baliñas Fernández e Xerardo Fernández Albor, captado por Manuel Fraga Iribarne para asumir á candidatura á Xunta de Galicia por Alianza Popular.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Manuel Anxo Fernández Baz, A formación do nacionalismo contemporáneo (1963-1984), Laiovento, 2003.
  • Beramendi, J e Núñez Seixas, O Nacionalismo Galego, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 1995.
  • Rodríguez-Polo, Xosé Ramón: Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo. Xerais, Vigo, 2009.
  • Rodríguez-Polo, Xosé Ramón: O triunfo do galeguismo. Opinión pública, partidos políticos e comportamento electoral na transición autonómica, Dykinson, Madrid, 2009.