Parc de la Ciutadella

Coordenadas: 41°23′17″N 2°11′15″L / 41.388111, 2.187517

O Parc de la Ciutadella (en galego: Parque da Cidadela) foi durante moitos anos o único parque da cidade de Barcelona. Foi construído nos antigos terreos da fortaleza da cidade (de aí o seu nome Cidadela), a imaxe e semellanza do Xardín de Luxemburgo de París.

Fervenza do Parque da Ciutadella
O Castelo dos Tres Dracs, actual Museo de Zooloxía, obra de Lluís Domènech i Montaner.
Plano de Barcelona de 1806 coa Cidadela integrada dentro das murallas.

Está situado no barrio de Ciutat Vella, no triángulo comprendido entre a Estación de França, o Arco de Triunfo e a Vila Olímpica, entre o paseo Pujades, o paseo Picasso e a rúa Wellington. Dispón de dez accesos e ten unha extensión de 17,42 hectáreas, sen contar o Zoo de Barcelona.

No parque sitúase o antigo Arsenal da Ciutadella, sede actual do Parlamento de Cataluña.

Historia editar

Orixes editar

Ocupa os terreos da Cidadela construída por Filipe V para dominar a cidade tras a guerra de sucesión española, no século XVIII.

O 11 de setembro de 1714, tras un asedio de máis de 13 meses, Barcelona caía baixo a armada do rei Filipe V, que para manter a cidade baixo un firme control construíu esta cidadela ou fortaleza, a máis grande de Europa por entón, con forma de estrela, de onde toma o seu nome actual o parque e o barrio da Ciutadella circundante.

A Ciutadella foi parte integrante dun conxunto militar para dominar plenamente a cidade de Barcelona, no que, xunto á Ciutadella propiamente dita, foi construído o Castelo de Montjuïc, na montaña homónima que domina Barcelona desde a altura. A construción da Ciutadella encargouse ao enxeñeiro militar de orixe flamengo Joris Prosper Van Verboom, realizándose entre 1716 e 1718.

Para a súa construción foi necesario derrocar parte do Barrio da Ribera, que non sería trasladado á Barceloneta ata tres décadas máis tarde. Derrubáronse 1.200 casas, así como os conventos de San Agustín e Santa Clara, e desviouse o Rec Comtal. En total desaloxáronse unhas 4.500 persoas, que non recibiron indemnización algunha e foron abandonadas á súa sorte.

Derriba da Ciutadella editar

Convertida nun odiado símbolo do goberno central por parte da poboación de Barcelona, a Xunta de Vixilancia mandouno derrubar en 1841, aínda que dous anos despois, durante a Rexencia de María Cristina de Borbón, esta restaurouno dado que aínda non estaba totalmente destruído. Foi o xeneral Prim o que decretou a súa doazón á cidade.

Por fin, grazas á Revolución de 1868, procedeuse á demolición da Ciutadella, comezando coa derriba da torre de San Xoán, prisión militar situada na praza de armas da Ciutadella. Da fortaleza orixinal quedaron só a capela (actual Parroquia Castrense), o palacio do gobernador (actualmente un instituto de educación secundaria, o IES Verdaguer) e o arsenal, actual sede do Parlamento de Cataluña.

A Exposición Universal de 1888 editar

Con motivo da Exposición Universal de 1888, o alcalde Francesc Rius i Taulet encargou a urbanización do parque a Josep Fontserè, nos terreos da Ciutadella derrubada, en plena apertura de Barcelona ao mundo internacional.

Fontserè contou coa colaboración do mozo Antoni Gaudí, que interveu no proxecto da Fervenza Monumental, un dos puntos neurálxicos do parque. Gaudí realizou o proxecto hidráulico e deseñou unha cova artificial debaixo da Fervenza. O monumento destaca pola súa profusión escultórica, na que interviñeron varios dos mellores escultores do momento: destaca o grupo escultórico de ferro forxado A Cuadriga da Aurora, de Rossend Nobas, así como O nacemento de Venus, de Venanci Vallmitjana; o frontón é obra de Francesc Pagès i Serratosa. Outras esculturas son: Anfítrite, de Josep Gamot; Neptuno e Leda, de Manel Fuxà; e Dánae, de Joan Flotats. Así mesmo, Rafael Atché realizou os catro billas que expulsan auga pola boca, na parte inferior do monumento.

O parque editar

Actualmente o Parque da Ciutadella é un dos máis extensos de Barcelona. Dentro do seu recinto sitúase o Zoo de Barcelona, así como diversas edificacións que perviven da antiga fortaleza (a capela, o palacio do gobernador e o arsenal) e da Exposición de 1888 (Umbráculo, Hivernáculo, Museo de Xeoloxía e Museo de Zooloxía).

O parque destaca pola súa grande extensión axardinada, con amplas zonas de árbores e para pasear, así como o lago e a fervenza. O lago é un dos centros neurálxicos do parque, con varios illotes e gran profusión de plantas exóticas e animais acuáticos; pódese navegar nel con barcas de remos. Xunto á fervenza figura o Xardín Romántico, cunha gran variedade de especies vexetais. Na antiga praza de armas hai un estanque ovalado coa soada escultura Desconsuelo, obra de Josep Llimona.

Balizan o parque diversas esculturas máis, como o Monumento ao xeneral Prim, obra de Lluís Puiggener (1887), derrubada e fundida durante a Guerra Civil, e recreada de novo por Frederic Marès en 1940; o Monumento a Bonaventura Carles Aribau, de Manel Fuxà (1884); o Monumento a Walt Disney, de Núria Tortras (1969); o Mamut, de Miquel Dalmau etc. O recinto do zoo alberga a soada escultura Dama do paraugas, obra de Joan Roig i Solé (1884), considerada tradicionalmente como un dos símbolos da cidade.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar