Na iconografía relixiosa cristiá, o termo pantocrátor aplícase para referirse a Deus pai omnipotente ou tamén a Cristo, como xuíz no Xuízo Final. O termo vén do grego pantokrátor -átoros, formado de pâs pantós, todo, e dun derivado de krátos, forza, poder, de onde o seu significado de todopoderoso. Na mitoloxía grega era un atributo de Zeus.

Catedral de Lugo.

Representouse principalmente na arte bizantina e románica, na forma de Deus bendecindo ó espectador coa man dereita levantada; na man esquerda sostén o Libro dos Sete Selos (segundo a Apocalipse, cap. 5), cuxa apertura simboliza o comezo do Xuízo. Pode aparece-la figura completa, sentada no trono, ou só o busto. Cando representa a figura de Deus pai adoita mostra-lo fillo, Xesús, no colo.

Sexa como for, a figura inscríbese case sempre nun cerco oval en forma de améndoa, denominado mandorla, coas figuras dos catro evanxelistas ó redor formando o tetramorfo: Mateu (home), Marcos (león), Lucas (boi) e Xoán (aguia).

Nas igrexas cristiás pode aparecer esculpido no tímpano da portada ou pintado na bóveda da ábsida.

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar