Paio (en latín Pelagius) foi un ermitán galego, que segundo a tradición popular polo ano 813 moraba nun lugar coñecido polo nome de Solovio, na fraga de Libredón, exactamente onde hoxe fica a igrexa de San Fiz de Solovio na cidade de Santiago de Compostela. Este ermitán ollou durante varias noites consecutivas unhas luminarias misteriosas sobre un outeiriño da foresta, coma se fose unha choiva de estrelas.

Igrexa de San Fiz de Solovio, situada no lugar onde vivía Paio

Paio, moi impresionado pola brillantez, decidiu presentarse perante o bispo Teodomiro (que daquela era bispo da sé de Iria Flavia, actual Padrón) para lle comunicar os feitos. O bispo reuniu un pequeno séquito e se dirixiu ao lugar onde puido contemplar el mesmo o fenómeno. Alí, no mesto bosque, foi onde atoparon un sepulcro de pedra no que repousaban tres corpos que serían identificados como o Apóstolo Santiago e os seus dous discípulos, Teodoro e Atanasio. Téñase en conta que estes feitos ocorrían oito séculos após a morte de Santiago o Maior.

O bispo recoñeceu este feito coma un milagre e informou ao rei Afonso II de Galiza; o rei ordenou a construción dunha capela no lugar, que se converteu gradualmente nun importante lugar de peregrinación. Esta capela foi seguida por unha primeira igrexa o ano 829 e posteriormente por unha igrexa prerrománica en 899, construída por orde do rei Afonso III de Galiza e finalmente iniciouse en 1075 baixo o reinado de Afonso VI a construción da Catedral de Santiago de Compostela.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Aurora Ruiz Mateos, Daniel Abad Rossi (1997). El Camino de Santiago. Ediciones AKAL. ISBN 8446006332. 
  • Cordula Rabe (2010). Camino del Norte. Traducido por Mónica Sainz Meister. Bergverlag Rother GmbH. ISBN 3763347143. 
  • Garrido Torres, Carlos (2000). Las Guías visuales de España: Galicia. Depósito legal: B 18469. El País. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar