Pablo Presbere

líder indíxena bribri

Pablo Presbere (adaptación do seu nome orixinal en bribri: Pabru Presberi) nado circa 1670 e finado en 1710, foi un líder indíxena bribri da comunidade de Suinse, na rexión que hoxe se coñece co nome de Talamanca, ao sueste de Costa Rica.[1] É recoñecido como xefe indíxena que liderou a insurrección de Tierra Adentro contra as autoridades españolas o 29 de setembro de 1709, no transcurso da cal foron asasinados varios frades e soldados e a muller dun destes, e foron queimados catorce templos erixidos polos misioneiros. Na rebelión apoiárono todos os indíxenas de Costa Rica dende o Cerro Chirripó até a Illa Tojar, na baía do Almirante, Panamá, agás os viceitas, e permitiu ós indíxenas recuperar o control do territorio de Talamanca, que se converteu nunha zona de refuxio durante a época colonial de Costa Rica.[2]

Infotaula de personaPablo Presbere
Biografía
Nacemento1670 Editar o valor em Wikidata
Morte1710 Editar o valor em Wikidata (39/40 anos)
Cartago (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCosta Rica Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor em Wikidata

Era coñecido como «o guerreiro máis temido de Talamanca».

Etimoloxía editar

Algunhas versións modernas din que o seu verdadeiro nome era Pabru Presberi, palabras provenientes da lingua bribri. A palabra Pa-bru quere dicir «xefe das lapas», isto porque o papagaio era unha ave moi importante nos funerais dos personaxes importantes entre os bribri, xa que a súa plumaxe e o consumo ritual da súa carne tería un significado máxico relixioso. Presberi viría de Pres, «lugar de augas salobres», mentres que bere, bri ou beri refírese aos lugares por onde corren as augas no inverno. A palabra bere ou bri é un sufixo moi utilizado na linguaxe bribri para facer referencia a zonas escarpadas: Bribritka (a nación dos bribris), Amubre (Amubri), Kachabri, Pumbre, etc. Deste xeito, a palabra Presbere tería que ver co lugar de nacemento ou onde proviña Pabru Presbere, especificamente dunha crebada ou hondonada próxima ao río Tswi’tsi (Suinse), que significa «lombo de armadillo». Pabru Presberi significaría, entón, «o xefe das lapas que vén do lugar onde corren as augas salobres».

Traxectoria editar

Segundo hipótese do antropólogo e historiador Claudio Barrantes, Presbere foi un xefe bribri do río Coén, especificamente do lugar chamado Suinse, rexión vinculada máis a actividades de carácter máxico que á guerra. O temor que infundía Pablo Presbere explicaríase máis pola súa relación co kapá (máxima autoridade, señor), termo moi formal para referirse a grandes autoridades do mundo mitolóxico pero con características humanas, e tamén é o nome que se lle dá aos sumos sacerdotes. Presbere sería un usékar, máximo líder relixioso a quen se atribúen poderes sobrenaturais, non así un guerreiro, circunstancia que o converteu en líder dunha gran rebelión planificada que unificou aos indíxenas talamanqueños, xa que cabécares, bribris e terbis polo xeral mantiñan diferenzas entre si. Nunha carta dos frades franciscanos Pablo de Rebullida e Antonio de Zamora consígnase que, nunha entrada destes relixiosos acompañados de soldados a Talamanca no ano de 1706, o cacique de Suinse rexeitara a bautizarse e mostrara grande oposición aos misioneiros, ata que, probablemente por temor aos soldados ou para gañar tempo mentres maduraba a súa rebelión, aceptara o bautismo co nome de Pablo, nome escollido a partir do orixinal deste líder: Pabru.[2]

A Rebelión de Pablo Presbere
Álbum de Figueroa, 1890
Pablo Presbere asalta a vila de San Bartolomé de Urinama, onde morren o frade Pablo de Rebullida e dous soldados españois.
Execución de Pablo Presbere en Cartago o 4 de xullo de 1710.

En Cartago, Presbere e os outros líderes indíxenas foron sometidos a xuízo polo gobernador Lorenzo Antonio de Granda y Balbín. No xuízo, Presbere no admitiu ningunha responsabilidade na sublevación e afirmou que se atopaba outra vila cando ocorreron os feitos. Negouse a delatar a ningún dos seus compañeiros de loita. Pola contra, os demais indíxenas procesados canda el sinaláronno como caudillo da insurrección. Os documentos consignan o seu comportamento altivo. Deu o seu testemuño0 na súa lingua nativa, o bribri, pois non falaba castelán. Como xustificación da rebelión, dixo que fora informado que os frades escribían cartas pedindo soldados para sacar ós indíxenas das súas vilas.

O 1 de xullo de 1710 Presbere foi sentenciado a morrer arcabuceado, xa que Costa Rica non contaba cun verdugo para aplicar a cruel morte típica da época colonial chamada «garrote vil», a cal consistía en que o preso era sentado nunha cadeira para aplicarlle un torniquete no pescozo ao cal se lle daba volta lentamente. Atribuíuselle o cargo de rebeldía ao rei.[2]

A sentenza di así:

"Fallo que de condenar ao dito Pablo Presbere, polo que contra el está probado, porén, da negativa que ten feita na súa confesión, que sexa sacado do cuarto onde o teño preso e posto sobre unha besta de enxalma e levado polas rúas públicas desta cidade con voz de pregoeiro que diga e declare o seu delito, e estramuros dela, arrimado a un pau, vendados os ollos, ad módum deli sexa arcabuzceado, atento a non ter nela verdugo que saiba dar garrote; e logo que sexa morto lle sexa cortada a testa e posta en alto que todos a vexan no dito pau"

A execución de Pablo Presbere efectuouse o 4 de xullo de 1710. Tiña arredor de 40 anos de idade.

Legado editar

Trala insurrección de Pablo Presbere, os indíxenas de Talamanca reforzaron a súa identidade e dominio nese territorio, incrementando a súa función como zona de refuxio para os indíxenas que lograban escapar ao dominio español. En certa forma, isto permitiu a subsistencia das tradicións, identidade e idioma destas culturas até os nosos días. A rebelión de Presbere séguese considerando como a máxima acción de protesta do indíxena talamanqueño ante o sometemento español. Aínda coa captura dos 700 indíxenas, dende o punto de vista destes a rebelión foi un éxito, xa que os españois tiveron que abandonar a rexión do Caribe sur como consecuencia da mesma, o que permitiu a Talamanca recuperar a súa independencia e soberanía. O nome de Presbere quedou gravado na memoria colectiva dos indíxenas talamanqueños como símbolo da resistencia perante os invasores foráneos.[2]

O mércores 19 de marzo de 1997, a Asemblea Lexislativa de Costa Rica declarou a Pablo Presbere defensor da liberdade dos pobos indíxenas. Pablo Presbere foi declarado benemérito da patria na área de defensores da liberdade por lei 7669 do 9 de abril de 1997, publicado no xornal oficial La Gaceta N°3 do 9 de maio de 1997.[3]

En Costa Rica dedicáronselle varios monumentos: un de 3,12 m de alto, feito en cobre, que se atopa fronte á Municipalidade de Limón, inaugurada en 1993, e outro que é un busto en bronce que se atopa no patio da Asemblea Lexislativa de Costa Rica.

Notas editar

  1. Sánchez, Julio. "¿Conoce a Pablo Presbere?". Museo Nacional. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2018. Consultado o 23 de decembro de 2018. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Asamblea Legislativa (1997). "Conmemoración del levantamiento de Pablo Presbere" (PDF). Actos y Debates Legislativos 14. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de decembro de 2018. Consultado o 06 de xullo de 2020. 
  3. "Página oficial de la Asamblea Legislativa de Costa Rica.". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 25 de setembro de 2011. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Ferrero, Luis (2001). Pensándolo bien (en castelán). Editorial de la UNED. p. 66-67. ISBN 9968-31-195-2. Consultado o 28 de febreiro de 2013. 
  • Bozzoli, María E. El Nacimiento y la Muerte entre los Bribris. Editorial Universidad de Costa Rica. San José, 1979.
  • Comisión Nacional de Nomenclatura. Relación de Actividades. Ministerio de Cultura, Juventud y Deportes. San José, 1983.
  • Fernández G., Ricardo. Reseña Histórica de Talamanca. En: El Descubrimiento y la Conquista. Biblioteca Patria N° 1. Editorial Costa Rica. San José, 1975.
  • Solórzano Fonseca, Juan Carlos (2011). "La rebelión de los indígenas bajo Pablo Presbere (Talamanca 1709-1710)". Cuadernos de Antropología (Editorial da Universidade de Costa Rica) (21): 30. ISSN 1409-3138.