Píllara real
Charadrius hiaticula

Adulto


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
Superorde: Neoaves
Orde: Charadriiformes
Familia: Charadriidae
Xénero: Charadrius
Especie: C. hiaticula
Nome binomial
Charadrius hiaticula
Linnaeus, 1758

A píllara real[2][3][4][5][6] (Charadrius hiaticula) é unha ave limícola de pequeno tamaño da familia Charadriidae.

Descrición editar

Son aves de entre 18 e 20 cm de lonxitude e entre 40 e 80 gramos de peso. As ás abertas miden de 40 a 55 cm de punta a punta. Teñen a plumaxe da parte superior do corpo castaña agrisada e a da parte inferior branca. Teñen unha pucha marrón na cabeza, a testa branca e unha máscara negra ó redor dos ollos. O papo é branco, cunha faixa negra ancha. O peteiro e curto, escuro na parte dianteira e amarelo cara a atrás. As patas son amareladas e os ollos negros. Diferéncianse da moi semellante pero algo máis pequena píllara semipalmada (Charadrius semipalmatus), por teren só os dúas dedas exteriores dos pés lixeiramente palmadas, mentres que este as ten as tres.

A coloración de machos e femias e semellante, pero os exemplares novos son de cores máis escuras, coa banda peitoral a miúdo incompleta, o bico uniformemente escuro e patas grises amareladas.

Hábitat e distribución editar

Crían preferentemente en zonas costeiras abertas e sen vexetación. Algúns exemplares crían no interior, en zonas de augas interiores.

A súa área de reprodución abrangue o norte de Eurasia, chegando en Europa ata o norte de Francia, e a zona ártica do Canadá. Son aves migratorias e pasan o inverno nas costas mediterráneas, africanas e do suroeste de Asia, por ben que moitos exemplares de Francia e África.

 
Aproximación do macho

Subespecies editar

A especie divídese en tres subespecies, diferenciadas por pequenos cambios de tamaño e cor:

  • Charadrius hiaticula hiaticula, que cría nas zonas temperadas do oeste de Europa ata Escandinavia central. Son residentes ou fan migracións de radio curto ata o suroeste de Europa. É a subespecie meirande e máis pálida.
  • Charadrius hiaticula psammodroma, subespecie que cría en Islandia, Groenlandia e nordeste do Canadá e pasa o inverno no oeste de África.
  • Charadrius hiaticula tundrae. Os individuos desta especie crían no norte ártico de Escandinavia e Asia e pasan o inverno en África e suroeste de Asia. É a subespecie máis escura e máis pequena.

C. h. hiaticula e C. h. tundrae están incluídas entre as aves protexidas polo acordo do AEWA.

Alimentación editar

Aliméntanse de vermes, caracois, crustáceos, insectos e arácnidos. A caza faise coma no caso doutras píllaras con carreiras seguidas de paradas bruscas para cacha-las presas co bico.

 
Niño con ovos

Reprodución editar

Son aves moi territoriais durante a época de cría. En marzo comezan a ocupar un territorio de cría. Crían entre maio e agosto. O niño é unha pequena depresión no chan, acondicionada con pedriñas e materiais deixados pola marea, por ben que, ás veces, é un simple burato sen máis. Poñen uns catro ovos da cor da area con manchas escuras, que chocan ámbolos dous membros da parella entre 23 e 25 días. Os polos poden voar cando teñen tres ou catro semanas e son capaces de reproducirse antes de cumprir o primeiro ano de vida. Se un depredador potencial se achega ós polos os adultos afástanse deles mirando de atraer ó intruso e finxindo que teñen unha ala rota. Cando conseguen afastar ó inimigo dos polos botan a voar.

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Charadrius hiaticula". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para panchán.
  3. Lahuerta Mouriño, Fernando; Vázquez Álvarez, Francisco X.; Rodríguez Villanueva, Xosé L. (2000). Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. ISBN 84-453-3316-X. 
  4. Penas Patiño, Xosé Manuel (2004). Guía das aves de Galicia. Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-69-9. 
  5. Definición de píllara no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  6. VV. AA. (2009). Gran Dicionario Xerais da Lingua. Xerais. ISBN 978-84-9914-070-4. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar