A ototoxicidade é o efecto nocivo, de carácter reversible ou irreversible, producido sobre o oído por diversas substancias denominadas ototóxicos e que afectará á audición ou ó equilibrio. Desta definición exclúense as substancias que actúan a través da circulación sanguínea cerebral ou dos mecanismos centrais da audición, que se consideran substancias neurotóxicas e non ototóxicas[1].

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O oído divídese en tres partes: oído externo, oído medio e oído interno, sendo este último atacado polos compostos ototóxicos de forma moi específica.[1] O oído interno está constituído por dúas estruturas fundamentais: a cóclea, que contén os receptores sensitivos para a audición, e o aparato vestibular responsable do equilibrio[2].

Principais Ototóxicos editar

Fármacos editar

De entre todos os fármacos que poden causar ototoxicidade, destácanse:

AINEs editar

Os antiinflamatorios non esteroideos son fármacos que inhiben a síntese de prostaglandinas ao inhibir as isoformas da cicloosixenasa, impedindo así o desenvolvemento das reaccións inflamatorias.[3]

Dentro desta gran familia o principal fármaco ototóxico é o ácido acetilsalicílico. Entre as súas accións atópanse a analxésica, a antitérmica, a antiinflamatoria e a acción antiagregante plaquetaria. Existen referencias de perda auditiva unilateral de aparición repentina debida a hemorraxias no labirinto do oído interno en pacientes tratados con ácido acetilsalicílico polo seu efecto antiagregante plaquetario. Ademais, doses altas deste fármaco poden producir acúfenos (zunido de oídos) e outras alteracións auditivas[3][4].

Aminoglicósidos editar

Os aminoglicósidos son antibióticos bactericidas útiles no tratamento de infeccións graves producidas por bacterias gramnegativas aerobias. Para atinxir un efecto sistémico é necesaria a súa administración parenteral, coas conseguintes limitacións derivadas da súa toxicidade[3].

Os aminoglicósidos acadan elevadas concentracións na endolinfa e perilinfa do oído interno, destruíndo as células ciliadas do órgano de Corti e das canles semicirculares. A toxicidade coclear maniféstase por xordeira, en tanto que a toxicidade vestibular produce vertixe. O risco e a gravidade dos efectos tóxicos dependerán da dose e da duración do tratamento, sendo maior o risco a doses altas e tratamentos prolongados. Outros factores que poden afectar á toxicidade serán a función renal do paciente, as sinerxias con outros fármacos ototóxicos e a existencia de lesións óticas previas. A monitorización dos niveis plasmáticos do fármaco pode axudar a diminuír a incidencia da ototoxicidade[3].

O risco de ototoxicidade é maior coa neomicina que cos demais aminoglicósidos. A estreptomicina e a xentamicina afectan principalmente á función vestibular, mentres que a neomicina, a kanamicina e a amikacina son máis tóxicas na zona coclear.

Cisplatino editar

O Cisplatino é un fármaco utilizado en quimioterapia para o tratamento de varios tipos de cancro. É un complexo baseado no platino que reacciona in vivo, uníndose ao DNA e provocando a apoptose (morte) celular[5]. A ototoxicidade, máis común en nenos [6], prodúcese pola lise (morte) das neuronas da cóclea[1].

Este efecto tóxico observouse nunha alta porcentaxe dos pacientes tratados con cisplatino ou análogos, manifestándose con tinnitus (acúfenos) e/ou perda unilateral ou bilateral da audición[7]. A doses baixas o tinnitus que aparece é reversible.

A perda da audición é progresiva, dose dependente e está condicionada por outros factores como a idade, a función renal e a presenza dunha lesión ótica previa. Non existe ningún tratamento efectivo para previr este efecto secundario de gran transcendencia.[7]

Diuréticos da asa editar

Os diuréticos da asa son un grupo de fármacos inhibidores do cotransportador Na+/K+/2Cl- na rama ascendente da asa de Henle, nos túbulos renais[3].

A ototoxicidade é un dos efectos adversos destes fármacos. O ácido etacrínico presenta esta toxicidade moi frecuentemente, aínda que os demais fármacos da familia, como a furosemida, tamén poden provocar ototoxicidade, en maior medida se son utilizados a doses elevadas e administrados por vía parenteral. A toxicidade a nivel do oído incrementarase coa administración concomitante doutros fármacos ototóxicos[3].

Eritromicina editar

A eritromicina é un antibiótico da familia dos macrólidos. Asóciase á ototoxicidade en calquera forma farmacéutica e vía de administración; pode provocar xordeira neurosensorial de diferente grao como efecto indesexable. Xeralmente este efecto ototóxico é reversible, rematando unha vez suspendido o tratamento[8][9].

Pode aparecer tinnitus e incluso toxicidade vestibular, sempre relacionado coa dose e coas concentracións séricas. Obsérvase unha maior frecuencia de efectos tóxicos en pacientes con insuficiencia renal ou hepática, de idade avanzada e do xénero feminino, nos que aparecen a doses inferiores. Outros análogos á eritromicina son ototóxicos a doses elevadas e en tratamentos prolongados[8][9].

Quinina editar

A quinina é un alcaloide con propiedades antipiréticas, antipalúdicas e analxésicas. Non está comercializada en España pero impórtase do estranxeiro para o tratamento da malaria[10].

O seu efecto ototóxico pode ser permanente, especialmente a dose altas e en tratamentos prolongados, aínda que pode aparecer tamén a doses terapéuticas[10]. Produce unha diminución significativa pero transitoria da audición a nivel coclear, debido a unha disfunción temporal nas células ciliadas externas. A súa administración vía parenteral pode ter como principal efecto adverso o coñecido como síndrome do cinconismo (tinnitus, perda auditiva temporal, náuseas e vómitos)[11]. Tamén se demostrou xordeira materna ou fetal en intentos abortivos.[1].

A quinina aumenta a contracción muscular polo que induce respostas móbiles nas estruturas contráctiles das células ciliadas externas da cóclea, o que podería explicar que a perda de audición sexa reversible[11].

Mefloquina editar

O 4-quinolinometanol é un axente esquizonticida sanguíneo, englobado dentro dos fármacos antipalúdicos[3]. Entre os seus efectos secundarios atópanse as alteración do equilibrio derivados da toxicidade no órgano vestibular. Non se atoparon evidencias claras do efecto ototóxico aínda que se recomenda non administrar a pacientes con algunha outra patoloxía auditiva previa[12].

Vancomicina editar

A vancomicina é un antibiótico glicopeptídico con efecto bactericida moi efectivo contra bacterias grampositivas e algo menos contra as gramnegativas[13].

Posúe un destacable efecto ototóxico, xa que incluso a doses terapéuticas pode aparecer xordeira que, na maior parte dos casos, desaparece coa suspensión do tratamento. Haberá que poñer especial atención ao seu uso e nunca asociar a vancomicina con outros fármacos ototóxicos[14]. Dada a súa toxicidade limitarase o seu uso clínico[13].

Outros Ototóxicos editar

Unha gran variedade de substancias teñen capacidade de lesionar o oído ademais dos fármacos. Entre estas substancias atópanse:

  • Metais pesados coma o mercurio, que pode producir a morte das neuronas cocleares[1].
  • Compostos oxidantes coma bromatos, cloratos e cromatos, que producen xordeira irreversible pero sen afectar á función vestibular[1].
  • Disolventes orgánicos como o tolueno, que producen lesións na cóclea cando son absorbidos en altas doses, como nos casos de persoas que inhalan pegamentos[1].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Repetto Jiménez, M. Repetto Kuhn, G. (2009): Toxicología Fundamental, Ed. Díaz de Santos, Madrid.
  2. Silverthorn (2009): Fisiología Humana, un enfoque integrado, Ed. Médica Panamericana, Buenos Aires.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Lorenzo, P. Moreno, A. Lizasoain, I. Leza, J. C. Moro, M. A. Portolés, A. (2008): Velázquez, Farmacología Básica y Clínica, Ed. Médica Panamericana, Madrid.
  4. Naganawa, S. Ishihara, S. Iwano, S. Sone, M. Nakashima, T.: Detection of presumed hemorrhage in the ampullar endolymph of the semicircular canal: a case report, Magnetic Resonance in Medical Sciences, 2009;8 (4):187-191.
  5. http://www.drugbank.ca/drugs/APRD00359
  6. http://www.drugs.com/cdi/cisplatin.html
  7. 7,0 7,1 http://www.rxlist.com/cisplatin-drug.htm
  8. 8,0 8,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2011. Consultado o 09 de maio de 2011. 
  9. 9,0 9,1 Gámez M.(2003).Uso de fármacos potencialmente ototóxicos. Offarm. 22 (3):155-6.
  10. 10,0 10,1 http://www.acufenos.org/index.php?sec=9&sub=14&idi=2
  11. 11,0 11,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2011. Consultado o 09 de maio de 2011. 
  12. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2011. Consultado o 09 de maio de 2011. 
  13. 13,0 13,1 http://www.drugbank.ca/drugs/DB00512
  14. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2011. Consultado o 09 de maio de 2011. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar