Os Tres Tenores

serie de concertos dos tenores Luciano Pavarotti, Josep Carreras e Plácido Domingo

Os Tres Tenores é o nome dunha serie de concertos en colaboración dos tenores Luciano Pavarotti, Josep Carreras e Plácido Domingo. O trío tivo a súa primeira actuación o 7 de xullo de 1990 cun concerto nas antigas Termas de Caracalla, en Roma, co gallo do peche do Mundial de fútbol de Italia, coa participación de Zubin Mehta dirixindo a Orquestra do Maggio Musicale Fiorentino e a Orquestra do Teatro dell'Opera di Roma.

A idea do concerto foi concibida polo produtor e representante italiano Mario Dradi. O primeiro concerto foi realizado para recadar fondos destinados á fundación Carreras. Tamén foi, para os seus amigos Domingo e Pavarotti, unha forma de dar a benvida ó seu amigo ó mundo da ópera despois do seu exitoso tratamento da leucemia.

Os tres continuaron cantando xuntos en concertos producidos polo húngaro Tibor Rudas e outros produtores, no Dodger Stadium dos Ánxeles para o partido final do Mundial de fútbol dos Estados Unidos; en Champs de Mars, baixo a Torre Eiffel de París durante o Mundial de fútbol de Francia; e en Iocoama para o Mundial de fútbol de Corea e o Xapón. Tamén cantaron noutras cidades arredor do mundo, xeralmente presentándose en estadios ou outros grandes espazos.

Os concertos foron un grande éxito comercial, e foron acompañados por unha serie de gravacións altamente vendidas, incluíndo Carreras-Domingo-Pavarotti: Los Tres Tenores en Concierto (récord Guiness do disco de música clásica máis vendido), Los Tres Tenores en Concierto 1994, Los Tres Tenores: París 1998, Los Tres Tenores en Navidad e Lo Mejor de Los Tres Tenores. Zubin Mehta conduciu as actuacións de 1990 e 1994. O Concerto de París foi dirixido por James Levine.

O repertorio dos Tres Tenores comprende desde óperas e obras de Broadway ata éxitos pop. Temas característicos son "Nessun dorma", da ópera Turandot de Puccini, e a balada italiana "'O Sole mio".

O fenómeno dos Tres Tenores foi aplaudido por moitos por introducir a ópera a un público máis amplo, pero algúns puristas da ópera reprendéronos, alegando que non era "música para millóns (de persoas)" senón "música para os millóns (diñeiro)" en vista dos grandes pagos (nalgúns casos máis dun millón de dólares por cabeza) que os tres cantantes e o director Zubin Mehta recibiron. Algúns críticos cren que a presentación de ópera en estadios como Wembley, con amplificadores pesados, contribúe moi pouco ó entendemento e apreciación da ópera como un Gesamtkunstwerk (Traballo de arte completo) como Wagner o concibe. "Entendo as queixas dos puristas," dixo Domingo a un entrevistador en 1998. "Pero eu non quero que os puristas vaian ós Tres Tenores".

Luciano Pavarotti faleceu o 6 de setembro de 2007, debido a un cancro de páncreas detectado en 2006.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar