A Operación Torch ("Operación facho") foi unha operación levada a cabo o 8 de novembro de 1942 durante a segunda guerra mundial, e que supuxo a invasión angloestadounidense da África do Norte francesa.

Historia editar

A Unión Soviética viña presionando ós Estados Unidos e a Gran Bretaña para comezar as operacións en Europa e abrir unha segunda fronte para reducir a presión do exército alemán sobre as tropas soviéticas. Mentres os xenerais norteamericanos favorecían a Operación Sledgehammer, un desembarco na Europa ocupada o máis axiña posible, os británicos crían que iso podería conducir ó desastre. Entrementres propúxose un ataque á África do norte francesa, o que lle daría o control naval do Mediterráneo ós aliados e prepararía a invasión do sur de Europa que se efectuou en 1943.

 
Mapa da Operación Torch.

A decisión do desembarco tomouse finalmente o 24 de xullo de 1942, escolleuse o nome clave Torch (Facho) e Dwight Eisenhower foi nomeado o 14 de agosto comandante en xefe da operación. Para a posibilidade que España entrase en guerra do lado de Alemaña ou as tropas alemás entrasen en España estaba previsto o Plan Backbone que suporía a ocupación do protectorado español de Marrocos. Os aliados lanzaron unha campaña de desinformación para que o Eixe pensara que a invasión ía ser sobre Dakar.

O mando da frota encargada do desembarco foi encargado a Andrew Cunningham, ó mando das forzas aéreas estaban William Welsh e James Doolite. Finalmente o 8 de novembro produciuse o desembarco en Safi, Casablanca, Port Lyautey, Fedala, Orán, Alxer e Buxía. Supuxo a maior operación anfibia da historia, máis de 500 buques, incluídos 130 de guerra, desembarcaron no Marrocos francés 35.000 homes apoiados por 252 tanques ó mando de George Patton, en Alxeria, 38.500 homes con 300 tanques mando de Kenneth Anderson. Henri Giraud traído desde Francia en submarino púxose á fronte dos soldados da Francia Libre.

As tropas coloniais francesas estaban formadas por 200.000 soldados, con 200 avións e tiñan a orde de resistir. A superioridade aeronaval aliada fixo que os franceses pediran o alto o fogo primeiro en Alxer e logo no resto, algunhas gornicións mantiveron a loita ata o día 11. Morreron 49 militares aliados e 1346 franceses.

A derrota francesa levou á invasión alemá da Francia de Vichy e a que os franceses destruíran a súa frota en Tolón para evitar que caera en mans alemás.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar


 
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.