O home unidimensional

One-Dimensional Man: Studies in the Ideology of Advanced Industrial Society (en galego, O home unidimensional. Estudos sobre a ideoloxía da sociedade industrial avanzada) é a obra máis popular escrita polo filósofo e sociólogo alemán Herbert Marcuse. Foi publicada en 1964 en inglés e traducida tres anos despois por Alfred Schmidt ao alemán. En cinco anos a obra chegou ás cen mil copias vendidas só nos Estados Unidos e a traducións a dezaseis linguas.[1] Na obra Marcuse modela os obxectos que el entendeu como perversos modelos unidimensionais de pensamento, a aceptación conformista e acrítica das estruturas de control existentes, normas e comportamentos. O autor defende que os cidadáns das sociedades occidentais, ambas capitalistas e comunistas, deben reafirmar a súa individualidade e liberdade persoal contra a opresión dun tecnoloxizado status quo.[2]

O home unidimensional
Autor/aHerbert Marcuse
OrixeEstados Unidos de América
Lingualingua inglesa
Xénero(s)ensaio
EditorialBeacon Press
Data de pub.1964
editar datos en Wikidata ]

Chegada á obra editar

Durante os anos 1920 e comezos dos 1930 Marcuse estuda con Martin Heidegger en Freiburg, Alemaña e alí acumula bases teóricas para o seu primeiro traballo de Hegel, Marx, a fenomenoloxía, o existencialismo, o idealismo alemán e os clásicos da filosofía occidental. Rompe con Heidegger trala crecida do Nacionalsocialismo en Alemaña e a afiliación de Heidegger ao partido. Porén, Marcuse vese fortemente influenciado pola crítica de Heidegger á filosofía occidental e os seus intentos de crear unha nova filosofía. Persegue a Heidegger e ao existencialismo na procura dunha solución aos problemas concretos da existencia individual, no proceso queda marcado co método fenomenolóxico de Husserl no seu intento de ruptura coa teorización abstracta da filosofía. Marcuse reflexiona conceptualizando os obxectos en si mesmos así como aparecen na consciencia.

Na primeira década do exilio de Marcuse en América foi consultado por Max Horkheimer xunto a Theodor Adorno, Karl Korsch e outros sobre a necesidade dun trato sistemático en dialéctica, que categorizase modelos de pensamento e teoría crítica. Marcuse participou intensamente no proxecto durante o seu breve período en California pero ao pouco tempo foille ofrecido un posto na Oficina de Servizos Estratéxicos de Washington, co que deixou sós a Adorno e Horkheimer finalizando a Dialéctica da Ilustración.

En retrospectiva o alumno de Marcuse, Douglas Kellner, atopa as bases da obra O home unidimensional na súa filosofía inicial pivotando sobre o Marxismo Hegeliano na década de 1930 e no pensamento publicado até 1964. Nun artigo titulado " Some Social Implications of Modern Tecnology" de 1941 Marcuse debuxa o deseño xeral sobre a súa idea principal sobre a decadencia histórica da racionalidade individual, desde o tempo das revolucións burguesas ao alzamento da sociedade tecnolóxica moderna. Co avance do capitalismo e da tecnoloxía a sociedade industrializada non cesou de incrementar as súas demandas de inmersión no aparato social, administrativo e de submisión. Polo tanto un "mecanismo de conformidade" esténdese a través da sociedade.[3]

O comezo da redacción da obra ocorre en 1960[4] e trala súa publicación o impacto do descoñecido profesor escala a nivel global. En 1969 a obra de Marcuse é reprendida polo Papa Paulo VI xunto con Freud pola degradación subhumana do seu pensamento. O autor chega a reunirse con Nguyen Than Le en París no marco das conversacións de paz sobre a guerra de Vietnam, e na Universidade de Roma alumnos subscriben fidelidade a Marx, Mao e Marcuse.[5]

Estrutura da obra editar

  • Agradecementos

Introdución á presente edición

  • Sociedade unidimensional
    • As novas formas de control
    • O peche do universo político
    • A conquista da triste consciencia : a agonía do Eros
    • O peche do universo discursivo
  • Pensamento unidimensional
    • Pensamento negativo: a derrotada lóxica da protesta
    • Do pensamento negativo ao pensamento positivo : racionalidade tecnolóxica e a lóxica da dominación
    • O triunfo do pensamento positivo : filosofía unidimensional
  • As oportunidades das alternativas
    • O compromiso histórico da filosofía
    • A catástrofe da liberación
    • Conclusións

Alienación e liberdade nas sociedades tecnificadas editar

O home unidimensional que plantexa Marcuse é o home que se axusta ao sistema, pero principalmente as súas necesidades, é dicir, ás necesidades do sistema. A preocupación do home actual está posta no que lle falta ao outro (sistema) e non na necesidade que lle falta a si mesmo o que indica unha constante e progresiva sensación de inutilidade. Estamos de maneira indefectíbel sometidos a suplir as necesidades do sistema mais non as propias, e ao fin desta serie non se observa en tanto o percibido é o que o sistema require e non o que cada quen precisa; non hai forma de concibir de maneira distinta un mundo no que o fin obrigue a deixar de pensar sobre o propio do suxeito e sobre o autóctono dunha comunidade.

A necesidade do home confúndese nesta secuencia porque pasa de ser un aspecto particular do suxeito a ser doutra propiedade. Nese punto Marcuse reflexiona acerca do relevante que é a necesidade humana para definir ao home. O filósofo define ao home unidimensional polo discorrer das súas necesidades, elas definen a existencia, así a todo, recalca, tales necesidades son falsas, son impostas e carecen do sentido de propiedade para o home. Pero hai no fondo desta determinación, dese sometemento a esa "Outra", certa responsabilidade no recoñecemento do que se desexa, isto é que, existindo a posibilidade de que o suxeito, a sociedade e o mundo poidan decidir sobre as súas propias necesidades o home e a sociedade optan por someterse aos designios que lle son impostos. [6]

Notas editar

  1. "One-Dimensional Man"(en inglés)
  2. "O home unidimensional"(en inglés)
  3. Marcuse, Herbert (1991). One-Dimensional Man, Second Edition. Beacon Press Boston. p. xxxi. 
  4. "O home unidimensional"(en inglés)
  5. "O home unidimensional"(en inglés)
  6. "O home unidimensional"(en inglés)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar