O discreto engado da burguesía

filme de 1972 dirixido por Luis Buñuel

O discreto engado da burguesía (en francés Le Charme discret de la bourgeoisie) é un filme francés de 1972 dirixido polo realizador español Luis Buñuel. Como en moitas das súas longametraxes pódense observar escenas propias do surrealismo. Na 45ª edición dos Oscar gañou o Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa e foi candidato ao premio ao mellor guión orixinal.[1]

O discreto engado da burguesía
Ficha técnica
Título orixinalLe Charme discret de la bourgeoisie
DirectorLuis Buñuel
ProdutorSerge Silberman
GuiónLuis Buñuel
Jean-Claude Carrière
Estrea15 de setembro de 1972
Duración102 minutos
Orixe Francia
Italia Italia
España España
Linguafrancés
Na rede
IMDB: tt0068361 Filmaffinity: 816341 Allocine: 2191 Rottentomatoes: m/the_discreet_charm_of_the_bourgeoisie Allmovie: v13950 Metacritic: movie/the-discreet-charm-of-the-bourgeoisie-re-release TV.com: movies/the-discreet-charm-of-the-bourgeoisie Editar o valor em Wikidata

Foi estreado en galego pola TVG o 4 de maio de 1991.[2]

Argumento editar

Don Rafael Acosta, embaixador de Miranda, o matrimonio Thévenot e Florence, irmá de Madame Thévenot, están invitados a cear na casa do matrimonio Sénechal. Non obstante, hai unha confusión e Monsieur Sénechal saíu a outra cita. Como alternativa, propóñense ir a un restaurante próximo, mais ao chegaren descobren de que o dono do establecemento morreu. A partir dese momento as reunións do selecto grupo de burgueses vense interrompidas por unha serie de sucesos extraordinarios, algúns reais e outros produto da súa imaxinación.

Elenco editar

  • Fernando Rey como Don Rafael
  • Paul Frankeur como M. Thevenot
  • Delphine Seyrig como Madame Thevenot
  • Bulle Ogier como Florence
  • Stéphane Audran como Alice Senechal
  • Jean-Pierre Cassel como M. Senechal
  • Julien Bertheau como Dufour
  • Milena Vukotic como Ines
  • Maria Gabriella Maione como Guerilla
  • Claude Piéplu como Coronel
  • Muni como Peasant
  • Pierre Maguelon como sarxento de policía
  • François Maistre como Delecluze
  • Michel Piccoli como ministro

Produción editar

Tras anunciar que Tristana (1970) sería o seu último filme,[3] porque sentía que se repetía, Buñuel reuniuse co seu guionista Jean-Claude Carrière e discutiu sobre o tema da repetición. Pouco despois o produtor Serge Silberman faloulle dunha anécdota, na que esquecera unha cea e fora sorprendido por seis amigos esfameados que se atopaban na súa porta. Buñuel sentiuse de súpeto inspirado e Silberman acordou darlle 2000 dólares para escribir o guión con Carrière, combinando a anécdota coa idea da repetición. Escribiron a primeira versión en tres semanas e acabaran a quinta no verán de 1971. Silberman conseguiu os cartos para o filme en abril de 1972 e comezou a preprodución.[4][5]

Buñuel contratou varios actores cos que xa traballara como Fernando Rey e Michel Piccoli. A rodaxe comezou o 15 de maio de 1972 e durou dous meses. O director rodou poucas tomas e mesmo montaba o filme na cámara e durante a produción. Buñuel e Silberman tiveron unha discusión longa e humorística sobre se Buñuel tardaba un día ou día e medio en montar os seus filmes.[6]

Premios editar

Notando que tiña un filme especial, Silberman decidiu non agardar ata maio para estrear o filme no Festival de Cannes, senón que o fixo no outono de 1972 para facelo elixible para o Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa. Buñuel era célebre pola súa indiferenza polos premios e bromeou cun xornalista que xa pagara 25 000 dólares para gañar o Oscar. Finalmente si o gañou e Silberman aceptou o premio en nome de Buñuel. A petición da Academia, o director posou para unha fotografía sostendo o Óscar, mais levaba posta unha perruca e uns lentes xigantes.[7]

Notas editar

  1. "The 45th Academy Awards (1973) Nominees and Winners". oscars.org. Consultado o 30-11-2011. 
  2. La Voz de Galicia, 4 de maio de 1991. Páx. 62
  3. Wakeman, John. World Film Directors, Volume 1. The H. W. Wilson Company. 1987, p. 88.
  4. Baxter, John. Buñuel. New York: Carroll & Graf Publishers, Inc.. 1994. ISBN 0-7867-0506-X. p. 299.
  5. Wakeman, pp. 88-89.
  6. Baxter, p. 301.
  7. Baxter, p. 302.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar