O barón rampante

O barón rampante é unha novela fantástica escrita en lingua italiana por Italo Calvino e publicada en 1957 co título orixinal de Il barone rampante. Foi traducida ao galego por Silvia Gaspar, e publicada por Edicións Xerais en 1988.

O barón rampante
Título orixinalIl barone rampante
Autor/aItalo Calvino
OrixeItalia
Linguaitaliano
Xénero(s)Novela, realismo máxico
EditorialItalia Giulio Einaudi Editore
Galicia Edicións Xerais
Data de pub.Italia 1957
Galicia 1988
ISBNISBN 978-84-8302-461-4
Precedido porO vizconde demediado
Seguido porO cabaleiro inexistente
TraduciónSilvia Gaspar
editar datos en Wikidata ]

É a segunda parte da triloxía I nostri antenatti, iniciada por O vizconde demediado e continuada pol' O cabaleiro inexistente.

Trama editar

Cósimo é un rapaz de 12 anos, dunha familia nobre da rexión de Ombrosa. Unha tarde de xuño de 1767 Cósimo decide subir ás árbores e non volver baixar, logo dunha discusión co seu pai por mor da comida. Cósimo crea a súa propia casa sobre as árbores, caza animais para comer, e cose a súa roupa coas peles dos mesmos.

Cósimo coñece a Viola, unha nena dunha familia rival á súa, que ten un bambán pendurado dunha árbore. Entre os dous créase unha animada relación. Ela cóntalle que fora líder dunha banda de ladróns, e pouco despois Cósimo coñece aos pícaros que se adican a roubar froita. Porén, ao pouco tempo os pais de Viola marchan do lugar. Cósimo adopta ao can que fora dela e que esqueceran na mudanza.

Cósimo percorre as fragas con grande habilidade, e coñece a diversos habitantes do bosque, como o ladrón Gian dei Brughi, ao que afecciona á lectura. Co contacto con xentes doutros lugares, como nómades, exiliados ou feirantes, comeza a coñecer novos idiomas. Combate piratas otománs e convive con exiliados españois expulsados por Carlos III.

Malia que tivo romances con mulleres da vila, Cósimo estraña a Viola. Un día o seu can bota a correr, atraído polo cheiro dela, e atópanse de novo. Ela é viúva dun señor moi maior, propietaria de terras e edificios. Comezan unha relación de amor marcada polos celos. El quérea con loucura pero dun modo racional, pero ela busca un amor máis apaixonado. Logo de moitas pelexas, ela acaba por marchar, quedando el cunha fonda tristeza.

Continúa a súa formación autodidacta, lendo moitos libros, como as obras de Rousseau, Voltaire ou a Encyclopédie de Diderot, intercambiando cartas con eles. Faise membro dunha loxa masónica, cuns rituais pouco ortodoxos, e é espiado por xesuítas. Amais, é membro de diversas irmandades gremiais, dado que ao facerse el mesmo todos os produtos que necesitaba, coñecía diversas artes.

Trala Revolución Francesa comeza a difundir os ideais liberais, e forma parte da xunta provisional que derroca o goberno oligárquico da república de Xénova e forma a República Ligur. Porén, trala chegada ao poder de Napoleón (ao que coñecerá persoalmente), deixa de considerarse un afrancesado.

A súa saúde vai empeorando, e comeza a recibir os coidados de toda a veciñanza. Un día en que un globo aerostático pasa pola rexión, logra engancharse á áncora, sendo levado polo aire durante un anaco, pero desaparece sobrevoando o golfo.

Narración editar

A obra está contada en primeira persoa polo irmán máis novo do barón. Nalgunhas partes é un narrador testemuña, pois presenciou algúns dos actos narrados, pero boa parte da historia foille contada polo seu irmán, ben con narración oral, ben a través de cartas.

Tempo e espazo editar

A acción desenvólvese a mediados do século XVIII e comezos do XIX. Comeza o 15 de xuño de 1767, cando o barón ten 12 anos. A trama discorre en Liguria, na costa noroccidental da Península Itálica.

Personaxes editar

  • Cósimo Piovasco: o protagonista.
  • Biaggio Piovasco: irmán de Cósimo e narrador da obra.
  • Óptimo Máximo: un can pachón, primeiro propiedade de Viola e despois compañeiro do barón.
  • Violante d'Ondariva: veciña e parella de Cósimo.
  • Armonio Piovasco: pai de Cósimo e de Biaggio; nobre con pretensións.
  • Corradina: nai de Cósimo e Biaggio, filla de militares austrohúngaros.
  • Battista Piovasco: irmá de Cósimo e Biaggio.
  • Enea Silvio Carrega: irmán de Armonio, avogado.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar