O arame é unha ópera de cámara nun acto con música de Juan Durán sobre un libreto en galego de Manuel Lourenzo, procedente do texto do propio Lourenzo Camiñar polo arame cunha lata de cervexa.[1] A súa estrea tivo lugar no Teatro Colón da cidade da Coruña o 13 de setembro de 2008 baixo a batuta do director compostelán Maximino Zumalave á fronte do Grupo Instrumental Siglo XX. Trátase da primeira ópera galega do século XXI e a segunda da historia.[2]

O arame
O escenario do Teatro Colón da Coruña viu a estrea da ópera de Juan Durán o 13 de setembro de 2008.
FormaÓpera
Actos e escenas1 acto
Idioma orixinal do libretoGalego
LibretistaManuel Lourenzo
Fontes literariasCamiñar polo arame cunha lata de cervexa de Manuel Lourenzo
Estrea13 de setembro do 2008
Teatro da estreaTeatro Colón
Lugar da estreaA Coruña
Duración1 hora e 15 minutos
Música
CompositorJuan Durán

É a segunda ópera galega da historia, tras O Mariscal (1929), de Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón.[3] Conta a historia de dous vellos cómicos que regresan ó seu lugar de orixe, o mar de Fisterra, para reflexionar sobre o sentido do seu paso polo mundo.

Historia editar

Estrea editar

A súa estrea foi o 13 de setembro do 2008 no Teatro Colón da cidade da Coruña dentro do LVI Festival de Ópera da Coruña nunha produción da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña co propio Manuel Lourenzo como director de escena.[4] A ópera foi Premio da Crítica de Galicia en 2009.[5] A música na estrea foi interpretada polo Grupo Instrumental Siglo XX (agrupación integrada por algúns instrumentistas da Orquestra Sinfónica de Galicia) baixo a batuta do galego Maximino Zumalave. Na ópera hai unicamente dous cantantes, unha soprano (na estrea a propia irmá do compositor, Carmen Durán) e un barítono (na estrea Javier Franco) e na escenificación aparecen tamén dous bailaríns.[4][1]

Representación posteriores editar

Representouse en Oxford no Reino Unido o 10 de xuño de 2017 con subtítulos en inglés. A ópera estivo interpretada pola soprano coruñesa Lorena Paz e o barítono irlandés Malachy Frame, acompañados no escenario polos bailaríns Fran Mangiacasale e Mary Sol Martín del Castillo, a directora foi Tamara Lorenzo Gabeiras, mentres que Cecilia Stinton estivo á fronte da dirección de escena.[3] A súa estrea debeuse a unha coprodución do Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford e XOGA (Xove Ópera Galega-Galician Youth Opera).[6]

No verán de 2019 a New York City Opera anunciou a tempada do seu 75º aniversario. Nesa tempada figuraba a ópera O arame de Juan Durán, que recibiría a súa estrea americana en novembro dese mesmo ano.[7] Os problemas económicos da compañía, que en 2016 saíra da bancarrota, obrigou a reducir a tempada e programou O arame xunto coa versión orixinal de 1915 da ópera de Manuel de Falla El amor brujo, na mesma función.[8]

Personaxes editar

Personaxe Tesitura Elenco na estrea,
13 de setembro de 2008
Director: Maximino Zumalave
Gloria soprano Carmen Durán
Labarta barítono Javier Franco

Sinopse editar

Labarta e Gloria son unha parella de titiriteiros que no final das súas vidas reflexionan sobre a vida e a arte nunha idílica paisaxe fronte o mar. Mentres Gloria perdeu toda esperanza, Labarta confía en poder subir de novo ao arame e ser de novo o que foi.[2]

Instrumentación editar

A partitura de Juan Durán require da utilización de:[9]

Instrumentación de O arame
Madeiras
1 frauta travesa, 1 óboe, 1 clarinete, 1 fagot.
Metais
1 trompa.
Percusión
Timbais.
Cordas
4 violín, 2 violas, 2 violonchelos, 1 contrabaixo

piano

Notas editar

  1. 1,0 1,1 García Balado, Ramón (4 de marzo de 2009). "'O Arame', ópera de Juan Durán". El Correo Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 18 de setembro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 "El Teatro Colón de A Coruña estrena la ópera gallega 'O arame'". Diario de Pontevedra (en castelán). 13 de setembro de 2008. Consultado o 26 de xuño de 2017. 
  3. 3,0 3,1 "“O Arame”, una ópera en gallego de Juan Durán, estrenará en noviembre en el New York City Opera". todalamusica.es (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2021. 
  4. 4,0 4,1 ""O arame”" (en castelán). Consultado o 18 de setembro de 2019. 
  5. "Juan Durán". Fundación Premios da Crítica Galicia. Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2020. Consultado o 18 de setembro de 2019. 
  6. "A ópera galega ‘O Arame’ estrearase en xuño no Magdalen College de Oxford". Xunta de Galicia. 8 de abril de 2017. Consultado o 13 de xullo de 2021. 
  7. Gans, Andrew (21 de xuño de 2019). "New York City Opera Announces 75th Anniversary Season". playbill.com (en inglés). Consultado o 27 de xuño de 2021. 
  8. "New York City Opera plans another reduced season". abcnews (en inglés). 20 de xuño de 2019. 
  9. Fernández 2007, p. 390.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar