O amante (L'amant no orixinal francés) é unha das últimas novelas que publicou a autora de lingua francesa Marguerite Duras. A novela sae do prelo en 1984, cando a escritora conta con setenta anos e un importante labor literario xa desenvolvido.

O amante
Autor/aMarguerite Duras
OrixeFrancia
Lingualingua francesa
Xénero(s)novela autobiográfica
EditorialLes Éditions de Minuit
Data de pub.1984
editar datos en Wikidata ]

Foi traducida ao galego por Oriana Méndez e publicada en 2020 por Kalandraka[1].

A obra editar

Dadas as coincidencias entre algúns feitos acontecidos no texto e outros propios da vida da autora, esta novela foi xeralmente asumida como autobiográfica, malia tratarse dun texto de ficción. Polo tanto, á hora de enfrontar un texto literario, cómpre sempre ter presente a diferenza entre autor empírico e autor implícito. Isto é; por unha banda está a persoa que escribiu a obra (autor empírico) e, por outra, a voz que, desde o interior do discurso da obra, participa da creación da mesma adiantándose aos acontecementos e facendo referencias á sinceridade ou á autenticidade (autor implícito). O autor implícito é o autor para o lector, por iso adoita confundirse co autor empírico. Porén, un autor empírico (é dicir, un escritor) crea diferentes autores implícitos en función das distintas obras.

De tal maneira, non debe identificarse a biografía da autora Marguerite Duras cos sucesión de acontecementos que se narran na novela, aínda que se poidan relacionar entre si. O amante relata a vida dunha familia francesa en Indochina, nos anos 30, cando a narradora protagonista contaba quince anos e medio. Cóntasenos a relación da narradora co seu amante, un chinés adiñeirado, e as dificultades que teñen para levar adiante esa relación, mais tamén a parte máis escura ou agochada dos vínculos familiares: a nai, o irmán máis vello e o irmán máis novo. Ao mesmo tempo, póñense de manifesto as contradicións entre os cidadáns colonizados e os chegados da metrópole.

Contexto editar

Até 1984, a produción de Marguerite Duras destinábase ás elites cultivadas da Francia progresista e existencialista dos anos 60 e 70. Duras gaña, con esta novela, o premio Goncourt que, se ben non contén remuneración económica, asegura o éxito nas vendas da obra. Coa chegada desta novela, por tanto, o recoñecemento da crítica e o éxito no mercado estenden a figura de Marguerite Duras a outros públicos e a outros países, chegando a converterse, o amante, nun supervendas. Segundo afirma, na súa web, Éditions de Minuit, a editora que publicou esta e outras obras de Marguerite Duras:

O éxito é fulminante e as vendas xa sobrepasaran os 250.000 exemplares cando a Academia Goncourt lle outorga o premio ao libro. Traducido a máis de corenta linguas, O amante é un dos máis grandes éxitos da edición despois da guerra. Dezanove anos despois da súa aparición, a tirada do libro superou os 360.000 exemplares, aos cales se engaden máis de 1,000.000 de exemplares publicados polo club France Loisirs.[2]

.

Polo tanto, entre os que podemos considerar propósitos de concepción desta novela e a súa recepción encontramos un paradoxo: convértese en supervendas unha obra de carácter experimental e innovador que non se conforma ás estruturas e recursos da narración máis convencional. É dicir, esténdese a todos os públicos e a numerosos países unha novela concibida para unha elite lectora afeita a textos vinculados á vangarda literaria e filosófica de orixe, fundamentalmente, francesa.

Claves editar

Este desaxuste entre a concepción inicial e o éxito de público posterior pode provocar algún problema na comprensión da novela se consideramos que, debido á súa sona internacional, pode tratarse dunha lectura sinxela ou previsible. Lonxe diso, L'amant require certas competencias culturais para a súa total comprensión. Estas competencias teñen que ver cos seguintes ámbitos: filosofía existencialista, para entender a angustia e o illamento da protagonista; Nouveau Roman ou novas propostas de narración para comprender a ruptura da liñalidade; e datos da historia de Francia, especialmente das súas colonias en Asia (Indochina), para entender o tipo de vida, o clima e as relacións humanas que se describen na obra.

Notas editar

  1. Ficha Arquivado 02 de xuño de 2020 en Wayback Machine. da obra na páxina web da editorial.
  2. Historique. VIII-Marguerite Duras, Éditions de Minuit. En liña: http://www.leseditionsdeminuit.fr/unepage-historique-historique-1-1-0-1.html A tradución é nosa.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar