O cantar de Roldán

(Redirección desde «O Cantar de Roldán»)

O Cantar de Roldán é un poema épico medieval en francés antigo, sendo o cantar de xesta escrito en lingua romance máis antigo, co título orixinal de La Chanson de Roland. Foi traducido ao galego por Camilo Flores, publicado pola Xunta de Galicia en 1989.[1].

Oito escenas de La Chanson de Roland.

O primeiro manuscrito escrito coñecido da obra é o Manuscrito de Oxford escrito en anglonormando cara a 1170. Consta de 4.002 versos decasílabos, distribuídos en 291 estrofas de desigual lonxitude chamadas tiradas (laisses). Este manuscrito atribúese a un monxe normando, Turoldo, cuxo nome aparece no último verso (Ci falt la geste que Turoldus declinet).

Cantares de xesta editar

Os cantares de xesta eran poemas destinados a ser recitados en público por trobadores. Este recitado facíase sobre unha ou varias frases melódicas simples, narrándose feitos históricos, heroicos ou de fazañas. La Chanson de Roland foi o primeiro cantar de xesta de Europa, seguíndolle moitos outros, sempre tendo como base a batalla de Roncesvalles e reflectindo as virtudes esixidas aos cabaleiros cristiáns medievais.

Datación do texto editar

Se ben o manuscrito de Oxford está escrito cara a finais do século XII, seguramente o texto apareceu entre 1060 e 1065, pois segundo Guillerme de Malmesbury os normandos xa cantaban a Canción de Roldán durante a batalla de Hastings. Ademais, segundo Dámaso Alonso, unha anotación en alfabeto visigodo atopada no manuscrito 39 do mosteiro de San Millán de la Cogolla non é posterior ao terceiro cuarto do século XI.

Feitos históricos editar

Tan negro é como pez fundido
e prefire a traizón e o crime
a todo o ouro de Galicia
(Versos 1.471-1.476)


E Naimes compuxo o oitavo corpo
con flamengos e guerreiros de Frisia.
Eran mais de corenta mil combatentes a cabalo
que nunca abandonarían a batalla.
Así dixo o rei:"Estes serviránme con fidelidade.
Entre Rembalt e Hamón de Galicia(Raimundo de Borgoña)[2][3]
han guialos conforme á arte da cabalaría".
(Versos 3.067 3.073)
Referencias a Galicia no Cantar de Roldán

O Cantar narra os feitos da batalla de Roncesvalles pero modificándoos lendariamente. Na realidade a batalla, que tivo lugar o 15 de agosto de 778, foi seguramente un enfrontamento entre tribos de vascóns e a retagarda das forzas de Carlomagno baixo o mando do conde Roldán, prefecto da Marca da Bretaña. Segundo os anais e as crónicas do século IX, debeu ser unha emboscada no desfiladeiro de Valcarlos, na vertente norpirenaica. Así, a crónica en latín de Eginhard, Vita Caroli, di que o rei Carlos (pois aínda non era emperador), aliouse a certos caudillos musulmáns nas súas loitas internas no reino de Al-Andalus. Logo de tomar Pamplona e cercar Zaragoza por mor dun ataque dos saxóns e un amotinamento en Aquitania, regresa a Francia tras levantar o asedio e saquear Pamplona. En vinganza polo saqueo, a retagarda é atacada por montañeses vasco-navarros.

Transformación lendaria dos feitos editar

La Chanson de Roland foi composta uns tres séculos despois dos feitos, polo que estes foron adornados e transformados cunha dimensión épica e heroica cun transfundo relixioso. O personaxe de Roland, que só era o conde da marca da Bretaña, convértese no sobriño do vello emperador, e aparece acompañado de Oliveros, outro barón franco. A emboscada dos vascóns pasa a ser un ataque de 400.000 sarracenos, que derrotan a Roldán e aos Doce Pares de Francia logo da traizón de Ganelón.

Notas editar

  1. Homenaxe ó profesor Camilo Flores
  2. Harguindey Banet, Henrique (2009). La Galice, dez séculos de olladas francesas. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-9887-125-8. 
  3. Gicquel, Bernard (2003). "Généalogie de la Chanson de Roland, suivi des Sources et Modèles". Cahiers de civilisation médiévale, 49e année (en francés) (194). 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar