Novos Países Baixos

A partir de 1614, os territorios comprendidos entre Virxinia e Nova Inglaterra levan indiferentemente o nome de Novos Países Baixos (Nova Bélxica ou Novum Belgium en latín, Nouvelle-Belgique, ou Nieuw-Nederland en neerlandés). De facto, co establecemento dunha poboación decididamente neerlandesa en competición con ambos os asentamentos de colonización inglesa nesta parte de América, os Novos Países Baixos limitábanse aos seus tres eixos: Noort Rivier (río do Norte), Zuide Rivier (río do Sur) e Versche Rivier (río Longo), respectivamente os ríos Hudson, Delaware e Connecticut. En 1624, Pierre Minuit funda Nova Ámsterdan na Illa de Manhattan mentres que os Novos Países Baixos son incorporados ás Provincias Unidas baixo a tutela da Compañía Holandesa das Indias Occidentais (en holandés: West-Indische Compagnie ou WIC).

Mapa dos Novos Países Baixos, 1685

Historia editar

Henry Hudson e as compañías privadas (1609-1624) editar

É coa creación de facto das Provincias Unidas coa Unión de Utrecht de 1573, en rebelión constante coa España de Filipe II e de Filipe III que nace esta nova potencia comercial e marítima da Europa occidental. Pouco logo de reunirse en compañías de importación e de exportación, os vendedores neerlandeses, en conivencia co Estado, fundan a Compañía Holandesa das Indias Orientais (Verenigde Oostindische Compagnie ou VOC en holandés, literalmente Compañía das Indias Orientais Unidas) en 1602. Esta última, buscando novos camiños comerciais que poderían revelarse proveitosos, contrata ao capitán e explorador Henry Hudson para explorar o Paso do Noroeste, o paso polo norte siberiano cara a Asia. Este, que xa intentara o mesmo traxecto por conta de investidores ingleses (Compañía moscovita), decide, ao mando do buque Halve Maen (Media Lúa), buscar a ruta das Indias cara ao oeste, como o indicaban as notas do capitán inglés John Smith que formara parte da primeira tentativa de colonización permanente na Virxinia inglesa, en contradición coas directivas que recibiu da Compañía. Desde Virginia, remonta a costa leste americana ata a desembocadura do Zuide Rivier (ata daquela descoñecido) e logo ata a baía de Nova York que Verrazano bautizara como Nouvelle-Angoulême en 1524. Remontando o río que ía levar o seu nome, pronto se deu conta que probablemente non levaba ao reino de Catai. É, por outra banda, cando se atopa no seu caderno de bitácora por primeira vez o termo amerindio Manna-hata, do que derivaría o nome "Manhattan" para a illa que se destaca no encontro do río e o océano. A súa viaxe por conta de intereses particulares neerlandeses ía acender un notable interese comercial para o comercio de peles no delta do Noort Rivier (río Hudson)[1].

Desde o ano seguinte e nos anos subseguintes, catro compañías neerlandesas competiron polo comercio de peles cos nativos americanos da rexión. Probablemente erixíronse dous postos desde 1611 á altura do futuro Fort Orange, na illa de Castle, e no estuario do Versche Rivier (río Connecticut). Estas catro compañías que se preocupaban por un posible impacto negativo dunha rivalidade, uníronse e recibiron en 1614 dos Estados Xerais das Provincias Unidas unha carta de compañía de monopolio que lles cedía a explotación na súa totalidade do comercio das peles sobre o territorio situado entre os paralelos 40 e 45 por tres anos[2]. A competencia non se agravou ata 1621, ano en que a Compañía Holandesa das Indias Occidentais (seguindo o modelo da VOC) foi posta en marcha. A primeira viaxe que esta nova entidade dirixida principalmente pola cámara de comercio de Ámsterdan graduouse entre 1623 e 1624.

Historia da colonia (1624-1673) editar

 
Mapa Nova Belgica et Anglia Nova dos Novos Países Baixos (1635), de Joan Blaeu. O oeste está na parte superior.

En 1624, as primeiras familias de colonos, chamadas para administrar os postos de comercio, son enviadas na súa maioría río arriba ao val do Hudson. Na illa de Manhattan, atopamos só unhas plantacións e un pouco de gandería. En 1625, baixo a ameaza crecente dun ataque proveniente doutras potencias coloniais, os dirixentes da Compañía Holandesa das Indias Occidentais decidiron protexer a desembocadura do río Hudson, e reagrupar as actividades dos postos comerciais nun recinto fortificado. En 1626, Pierre Minuit negocia a compra da illa de Manhattan aos indios lenape, por 60 floríns de mercancías. No momento da construción do forte, a guerra entre mohawk e mohicanos forza á compañía a precipitar o desprazamento dos colonos dentro de Forte Ámsterdan. En 1658 é fundada a colonia de Nieuw Haarlem.

Durante a segunda guerra Anglo-Neerlandesa, que opón Inglaterra ás Provincias Unidas, os Novos Países Baixos son conquistados polos ingleses. O director xeral Peter Stuyvesant entrega Nova Ámsterdan o 24 de setembro de 1664. A colonia é rebautizada Nova York, en honra do duque de York, irmán do rei Carlos II de Inglaterra. En 1667 os neerlandeses renuncian ás súas reivindicacións sobre esta porción do territorio americano, á firma do Tratado de Breda, e obteñen a cambio a soberanía sobre Suriname. Porén, no momento doutra guerra que opón a ingleses e neerlandeses, estes últimos recuperan brevemente a colonia en 1673 (rebautizada Nova Orange), ata que os ingleses a recuperan co tratado de Westminster, o 19 de febreiro de 1674.

A herdanza e o recoñecemento editar

Da ocupación neerlandesa, quedan hoxe un certo número de nomes de lugares neoiorquinos, tales como Coney Island (Konijnen Eiland), Brooklyn (Breukelen), Harlem (Nieuw Haarlem), Flushing (Vlissingen) e Staten Island (Staaten Eylandt).

  • A baía de Gowanus obtén o seu nome de Owanus (Ohain, pobo de Brabante valón).
  • A baía de Wallabout, no norte de Brooklyn, quere dicir "baía valoa" en neerlandés (Waal bocht).
  • O nome de Hoboken, en Nova Jersey, provén dun municipio de Antuerpen en Flandres.
  • *Communipaw, en Jersey City, é a contracción de Community of Pauw.

O 20 de maio de 1924, con ocasión do tricentenario da fundación de Nova York, un monumento conmemorativo foi erixido en honra dos colonos valóns, en Battery Park, no extremo meridional de Manhattan. Unha moeda de prata de 50 centavos, así como selos de correos de 1, 2 e 5 centavos emitíronse para conmemorar a chegada dos colonos valóns e flamengos.

Precisións en canto ao nome da colonia editar

 
Un plano levantado por Louis Hennepin a finais do século XVII aínda utiliza a toponimia « Nouveau Pais Bas » para designar a provincia inglesa de New York, como numerosos notarios neerlandeses as Provincias Unidas ata os anos 1690.

Moitos outros termos foron utilizados para designar a colonia norteamericana das Provincias Unidas. "Nova Holanda" é utilizado comunmente por mor da generalización do termo "Holanda" para designar a federación dos Países Baixos — onde dúas das dez provincias coas que conta denomínanse Holanda. Pero o termo é controvertido xa que os mesmos neerlandeses nomean varias veces a colonia co termo Nieuw Holland. Australia foi bautizada Nova Holanda polos primeiros exploradores de Oceanía e retivo este nome ata o século XIX.

O termo Nova-Bélxica, tan utilizado para evocar os Novos Países Baixos, fai referencia aos antigos Países Baixos de Borgoña, que por entón cubrían unha parte do norte de Francia e de Lorena, Bélxica, Luxemburgo e os Países Baixos actuais. Os seus habitantes chamábanse os "Belgas" en lingua romance, e Nederlandais en lingua xermánica, pero estes adxectivos non eran de uso frecuente. Eles preferían continuar chamándose Holanda, Brabante, Flandres, Frisia, Zelandia, Valonia, Tournai, Gueldria, Namur ou Luxemburgo, segundo o caso. Para o resto do mundo, eran sobre todo os «Holandeses». Sobre unha mapa de América do Norte, Louis Hennepin fai mención de « Nouveau Pais Bas ». Os ingleses chamábanos tamén «Dutch», que designaba máis ben o alemán (Deutsch), porque os Países Baixos Borgoñóns (despois Países Baixos Españois, logo Países Baixos Austríacos) formaban parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, e porque a distinción entre a lingua neerlandesa e a lingua alemá non era tan evidente para a época. Un primeiro selo que data de 1623 leva o emblema dun castor e a mención «Sigillum Novi Belgii». O selo de Nova Ámsterdan, de 1654, leva a mención «Sigillum Amstellodamensis in Novo Belgio». Co fin de diferenciar o concepto latino de Belgique (Bélxica) e o que nos é contemporáneo, o termo é raramente utilizado na actualidade.

Notas editar

  1. Shorto, Russell, The Island at the Center of the World, New York, Doubleday, 2004, p. 33
  2. Jaap Jacobs, New Netherland: A Dutch Colony in Seventeenth-Century America, Brill, Boston/Leyde, 2005, p.34

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Jacobs, Jaap. « New Netherland: A Dutch Colony in Seventeenth-Century America ». Traducido do neerlandés polo autor. Brill, Boston / Leyde, 2005. 559 pages. ISBN 90-04-12906-5
  • Shorto, Russell. The Island at the Center of the World. Nova York, Doubleday, 2004. 384 pages. ISBN 0-385-50349-0

Ligazóns externas editar