Coordenadas: 56°00′01″N 3°50′30″O / 56.000277777778, -3.8416666666667

A nora de Falkirk (en inglés Falkirk Wheel) é unha obra de enxeñería que permite conectar a canle do Forth e do Clyde coa canle da Unión, nas proximidades da cidade de Falkirk, en Escocia.

A nora de Falkirk

Datos xerais editar

A nora, de espectacular aspecto, forma parte dun recente proxecto para recuperar as dúas principais canles da Escocia central agora que o seu uso industrial pasou completamente á historia. O obxectivo era facer comunicábel por vía fluvial o país de leste ao oeste, pero para iso era necesario salvar os 24 metros (115 pés) de altura que existen entre os cursos das dúas canles, a do Forth e o Clyde e a da Unión.

O seu funcionamento baséase nun sinxelo sistema de enchido e baleirado de dous canxiróns, situados verticalmente un enriba do outro, e con capacidade para 600 toneladas de auga. A nora, de 35 metros de diámetro, permite desprazar verticalmente 4 barcos de 20 metros de eslora nun tempo que anda sobre os 4 minutos. Está construída en aceiro e formigón, e consome en facer unha viraxe completa 22.500 watts, o equivalente "ao que gastan oito torradoras".

Historia editar

Dende a construción das dúas canles, importantes vías para o tráfico de mercadoría e o desenvolvemento industrial de Escocia, os navegantes que querían cruzar dun ao outro tiñan que seguir un complexo sistema de once comportas horizontais que levaba un día enteiro percorrer. Cando no século XX a importancia económica das canles deveceu, as instalacións quedaron en desuso, e en 1933 todo o sistema de comportas quedou cuberto de auga, inutilizándoo.

A nora actual contruíuna entre 2001 e 2002 a empresa Butterley Engineering, de Ripley (Inglaterra), cun custo total de 84,5 millóns de libras, dos que un terzo foi achegado pola lotaría británica. A nora de Falkirk inaugurouna a raíña Isabel II o 24 de maio de 2002, co gallo dos seus cincuenta anos no trono.

Características editar

A nora, que ten un diámetro total de 35 metros, consiste en dous brazos opostos que se estenden uns 15 metros a ambos lados dun eixo central. A súa forma é de inspiración céltica. En cada un deses brazos vai enganchado un tanque ou canxirón de gran capacidade, que ao tempo de virar no sentido da nora tamén vira sobre o eixo do brazo, de xeito que mantén sempre a horizontalidade. Os canxirós desprazan sempre 600 toneladas de masa, for con auga ou con auga e mais o barco que se queira transportar (vid. principio de Arquimedes).

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar