Neotrobadorismo

vangarda poética que emprega recursos estilísticos e temáticas da lírica medieval galego-portuguesa

O neotrobadorismo é unha corrente poética xurdida ao redor de 1930[1] que vai agromando, en pleno contexto de eclosión das vangardas, nos anos seguintes á difusión en Galiza da lírica medieval galaico-portuguesa a través da edición comentada de José Joaquim Nunes (1928). A divulgación dun xénero arcaico, propio e de altísima calidade favoreceu que moitos autores novos se lanzasen a actualízar os temas e as formas das cantigas.

O termo foi empregado por vez primeira por Manuel Rodrigues Lapa nunha carta enviada a Fermín Bouza Brey o 20 de maio de 1933[2].

Nesta corrente que supón unha renovación formal do discurso poético galego -influída sobre todo pola cantiga de amigo- rexorde o asunto amoroso en paralelo ás técnicas (paralelismo, refrán, leixaprén...) e aos ambientes (paisaxes primaverais, fontes, mar, ríos...) dos cancioneiros.

Álvaro Cunqueiro, poeta que na súa época vangardista cultivou tamén a corrente neotrobadoresca

Hai dous autores significativos do neotrobadorismo:

O neotrobadorismo: corrente formal, historicista e non vangardista editar

A pesar de que a práctica totalidade dos manuais escolares repiten desde hai décadas que tanto o neotrobadorismo coma o hilozoísmo son vangardas galegas, o certo é que non existe apenas apoio crítico[3] para afirmalo[1] en canto que ningunha das dúas correntes responden á maioría das características encadrables no movemento das vangardas históricas[4] (tamén denominadas Ismos): reacción agresiva contra a literatura anterior, conciencia de grupo (articulada moitas veces en torno a un ou varios manifestos), vocación internacional, ruptura temática e formal etc. Daquela, en sentido estrito, só Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro (pero non por causa da produción neotrobadoresca) representarían o que X. R. Pena define como vangarda plena[1] no campo da literatura galega. Así, acontece que os primeiros textos neotrobadorescos xorden co simple afán de recreación de elementos da lírica medieval galego-portuguesa ou aínda como unha homenaxe a ese pasado excepcional[5] na historia cultural de Galiza.

Foi xa tras a conmoción das vangardas históricas cando algún autor, tal é o caso de Álvaro Cunqueiro, incorporou elementos do lirismo medieval como outra das rupturas formais que caracteriza a súa obra de preguerra, esta si, conscientemente vangardista[6]. O neotrobadorismo cunqueiriano participaría entón da mesma inquietude que levara a autores españois da Xeración do 27 a perseguíren maior expresividade poética botando man de recursos populares ou popularizantes; ao cabo, tamén se cría que as cantigas de amigo representaban o estro popular por antonomasia dentro da lírica medieval. E abrollan, daquela, os textos de Cantiga nova que se chama ribeira.

Semellante proxección non cadra nin coas intencións nin cos versos de Fermín Bouza-Brey; menos aínda cos dos epígonos da corrente durante a posguerra, moito máis apegados a unha concepción academicista da poesía e, desde logo, afastados de calquera afán de vangarda. O neotrobadorismo xa se convertera nunha "forma inmóbil"[7]. En resumo, tanto en Galicia coma en Portugal a tendencia -que tamén atopará equivalentes no espazo da arquitectura- revélase como plenamente historicista na medida en que a recreación da Historia constitúe un antídoto fronte aos novos horizontes. Velaí un trazo máis para comprendermos en que medida o neotrobadorismo é unha tendencia poética renovadora no formal, mais non vangardista.

O movemento tería continuación na posguerra representando logo esa "tradición inmóbil", é dicir, unha "estética rexional tolerable"; a arquitectura historicista da época sería o seu equivalente no dominio das belas artes, á beira do paisaxismo costumista e do neovirxilianismo. A corrente neotrobadoresca acabou nun puro manierismo que só mantivo o seu prestixio en canto que representaba o da propia lírica galega dos ss. XIII e XIV. Nese contexto de esgotamento[7] da virtude renovadora do neotrobadorismo, corrente contra a que xa nos anos 50 reaccionaban as autoras e autores máis novos[8], debemos entender a brincadeira pseudomedieval que X.M. Álvarez Blázquez argalla[5] co nome de Cancioneiro de Monfero (1953).

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. p. 222-223, 227. ISBN 978-84-9121-107-5. 
  2. VV.AA. (1992). Fermín Bouza Brey. Unha fotobiografía. Xerais. p. 116. 
  3. Vilavedra Fdez., Dolores (1999). Historia da literatura galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-258-1. OCLC 46678488. 
  4. Calderón Gómez, Jorge (2005). "Las vanguardias históricas en perspectiva". Nómadas. Critical Journal of Social and Juridical Sciences 12 (2). ISSN 1578-6730. 
  5. 5,0 5,1 Diccionario da literatura galega. Vigo: Editorial Galaxia. ©1995-<[1997]>. ISBN 978-84-8288-019-8. OCLC 34669594. 
  6. Ferrín, Xosé Luís Méndez (2011-12-22). "Cunqueiro, terríbel". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2022-09-08. 
  7. 7,0 7,1 ""Lírica trobadoresca e e poesía contemporánea (...)"" (PDF). USC - Teresa López. Consultado o 08/09/2022. 
  8. "A poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín". Biblioteca Virtual Galega. Consultado o 08/09/2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar