Os neosítidos (Neosittidae) constitúen unha familia de pequenas aves paseriformes que se encontran só en Australasia. Son moi semellantes aos sítidos e foron incluídos en dita familia durante moitos anos, pero agora están clasificados na súa propia familia. Antes eran clasificados en dous xéneros, chamados Daphoenositta e Neositta. Agora os dous xéneros son xeralmente fusionados no xénero único Daphoenositta, que tiña prioridade.

Neosítidos

Daphoenositta chrysoptera
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Suborde: Passeri
Familia: Neosittidae
Ridgway, 1904
Xénero: Daphoenositta
De Vis, 1897
Distribución global (en vermello)
Distribución global (en vermello)

Distribución global (en vermello)
Especies
  • D. miranda
  • D. chrysoptera

Os neosíidos son pequenos paxaros de bosque de peteiros bicudos e curvados, que utilizan para extræer insectos da codia das árbores. Os seus niños teñen forma de copa e sitúanos en pólas bifurcadas das árbores. Non son aves migradoras e só fan desprazamentos locais.

Evolución e taxonomía editar

As verdadeiras afinidades evolutivas dos neosítidos estiveron durante moito tempo ocultadas polo feito de seren moi semellantes aos sítidos do hemisferio Norte.[1] Aínda en 1967 algunhas autoridades mantiñan os agora neosítidos dentro da familia dos sítidos, aínda que se expresaran dúbidas sobre esa situación nas décadas anteriores. Tanto a súa técnica de gabear coma a súa morfoloxía global son extremadamente similares; porén, difiren na súa socialidade e o seu comportamento de nidación, xa que os neosítidos constrúen niños en ramas mentres que os sítidcos fano en cavidades das árbores. Ademais, as especificidades da morfoloxía das patas difiren, xa que os neosítidos teñen os músculos das patas máis similares aos dos melifáxidos. A súa situación foi cambiada pasándoos a varias familias, como a dos timálidos (un taxón caixón de xastre), a dos cértidos (que se distribúen desde o Holártico a África) e a dos climactéridos australianos. S. A. Parker suxeriu a súa relación coa radiación australiana dos paseriformes baseándose na cor dos ovos, estrutura do niño e plumaxe das crías, e a súa posición nesta radiación foi vindicada polos estudos de hibridación ADN-ADN de Sibley e Ahlquist.[2] Estes investigadores situaron os neosítidos nunha tribo monotípica dentro da superfamilia Corvidae. Hoxe están na súa propia familia nun clado preto dos Melanocharitidae e os Pachycephalidae.[1]

Os neosítidos comprenden un só xénero, Daphoenositta, que contén dúas especies. As dúas especies eran antes separadas en dous xéneros, pero cando ambas foron mergulladas no mesmo xénero adoptouse o nome xenético da menos coñecida delas, Daphoenositta miranda, debido ás regras de prioridade, mentres que a familia mantivo o seu nome baseándose nun sinónimo júnior (Neositta). A especie máis común, Daphoenositta chrysoptera, pensábase antes que representaba varias especies separadas, incluíndo cinco especies de Australia, pero malia a considerable variación na plumaxe hai amplas zonas de hibridación onde as formas se solapan (como unha área en Queensland onde existen as cinco subespecies australianas),[3] e agora crese que se trata dunha soa especie con once subespecies. Pola súa parte, a Daphoenositta miranda ten tres subespecies recoñecidas.

Morfoloxía editar

 
O peteiro da Daphoenositta chrysoptera está curvado cara a arriba.

As dúas especies de neosítidos son paseriformes pequenos que lembran en aparencia aos sítidos.[1] As ás son longas e anchas, e cando as estenden teñen extremos con dedos claramente apreciables. A familia ten un voo xeralmente feble, que pode explicar a súa incapacidade de colonizar hábitats axeitados en illas como Tasmania. As patas son curtas pero teñen dedas longas, pero a pesar do seu estilo de vida mostran poucas adaptacións a gabear. Teñen colas curtas e entre 10 e 14 cm de lonxitude corporal e de 8 a 20 g de peso; a Daphoenositta miranda tende a ser lixeiramente máis grande e pesada. O peteiro ten forma de daga no caso de D. miranda e lixeiramente curvada cara a arriba en D. chrysoptera. A plumaxe de D. miranda é principalmente negra coa cara vermella; o de D, chrysoptera é máis complexa, e as súas numerosas subespecies presentan moitas variacións sobre un tema xeral. Os sexos dalgunhas subespecies teñen cabezas enteiramente negras, outras brancas, e outras coroas escuras e gorxas pálidas. O dorso da maioría das subespecies é gris con ás escuras, e as partes inferiores teñen xeralmente raias ou son brancas. Todos os neosítidos mostran algún dimorfismo sexual na plumaxe.

Vocalizacións editar

As chamadas dos neosítidos son xeralmente simples e pouco complicadas. Aparentemente, a familia non ten necesidade de facer chamadas territoriais de longa distancia, e a maioría das chamadas son simples chamadas de contacto utilizadas para manter a cohesión da bandada.[1] A chamada que máis comunmente se pode oír é a chamada de contacto chip, aínda que tamén teñen unha chamada de congregación (para que se xunte o grupo), e as chamadas de rogo realizadas polas femias que incuban.

Hábitat e comportamento editar

Os neosítidos son aves sociais e xeralmente nerviosas de zonas de matogueira e bosques. En Australia xeralmente só evitan as selvas densas, mentres que en Nova Guinea este é o único hábitat no que viven, evitando os bosques de terras baixas. Xeralmente viven en baixas densidades, entre 0,1 e 0,6 aves por hectárea, e son sedentarias. Os neosítidos son xeralmente moi sociais, xeralmente encóntranse en grupos de cinco ou máis individuos e só máis raramente en parellas. Os estudos feitos en diversos neosítidos de Nova Gales do Sur indican que viven en clans de 8 a 12 individuos e defenden os territorios mutuos contra outros grupos. Dentro dos grupos, o acicalamento mutuo é común, e polo serán os grupos pousan comunalmente tamén. As aves que viaxan aos pousadeiros do serán fano en momentos lixeiramente diferentes, en intervalos de chegada de 30 a 60 segundos, presumiblemente para non atraeren a atención de potenciais predadores. Os pousadeiros están xeralmente en árbores altas en ramas mortas lixeiramente inclinadas. Todas as aves do grupo póusanse unhas ao lado das outras, tocándose e mirando na mesma dirección.[4] Entre os paxaros australianos os neosítidos adoitan ser os primeiros en chegar aos pousadeiros ao serán e os últimos en abandonalos pola mañá, aínda que non son necesariamente os primeiros en durmir ou os últimos en espertar. Nos pousadeiros a posición ocupada ao longo da rama non é xeralmente aleatoria, senón que os machos xeralmente adoptan as posicións dos beiras do grupo mentres que os paxaros novos tenden a encontrarse no centro.

Dieta e procura de alimento editar

O principal compoñente da dieta dos neosítidos son insectos e outros artrópodos.[1] Nun estrudo en Nova Gales do Sur os escaravellos adultos eran os compoñentes máis habituais da variada dieta dos neosítidos, arredor do 36%; especialmente preferidos son os Curculionoidea, xoaniñas (Coccinellidae), escaravellos crisomélidos e escaravellos Elateridae. Unha cuarta parte da súa dieta estaba composta de arañas e hemípteros. Tamén comen outras larvas de escaravellos e avelaíñas, saltóns, térmites, avespas e abellas. Raramente comen formigas en comparación con outras aves australianas de nichos similares. A proporción de calquera elemento da dieta varía aparentemente en xeografía e estacionalidade, por exemplo outro estudo encontrou que as larvas de escaravellos compoñían o 87% da súa dieta. A dieta de D. miranda foi, igual que outros aspectos da súa bioloxía, menos estudada, aínda que os contidos estomacais dun individuo que foi examinado contiñan eirugas e arañas.

Os neosítidos aliméntanse en ramas horizontais e en troncos de árbores. As súas técnicas de alimentación foron descritas como avanzar choutando rapidamente ao longo dunha rama horizontal, parando brevemente para espreitar as presas, colgándose ocasionalmente por debaixo da rama, pero xeralmente permanecendo sobre a mesma. A maioría do tempo pásano sobre as ramas en vez de sobre os troncos. Cando están sobre os troncos poden ascender ou descender. Entre os neosítidos de bosque o normal é alimentarse no dosel. Hai diferenzas sexuais na alimentación, xa que os machos e femias elixen buscar alimento en microhábitats lixeiramente diferentes da árbore.[1] As presas son xeralmente buscadas directamente na codia das árbores, aínda que hai uns poucos exemplos de neosítidos que fan saídas desde a rama para apañar unha presa aérea. Unha vez que capturan a presa, estas aves usan os pés para termar dela mentres a comen, de maneira similar ao que fan os papagaios, e tamén usan os pés para aguantar cachos de codia para remexer debaixo delas. Mesmo hai informes illados de uso de feramentas nalgunhas poboacións.[5] Utilizan paus para sacar larvas de escaravellos das súas cavidades, de maneira similar ao que fan os Camarhynchus pallidus das illas Galápagos.

Reprodución editar

Sábese moi pouco sobre a reprodución destas dúas especies en Nova Guinea, aínda que se observaron D. miranda en condicións de reproducirse en agosto e maio,[6] o que suxire que poden ser ou ben reprodutores bieniais ou que se reproducen ao longo de todo o ano. As poboacións australianas de neosítidos son reprodutores cooperativos (e a composición do grupo das D. miranda suxire que tamén o son),[7] e posiblemente teñen que selo para ter éxito. Hai algunhas probas de que non só os grupos cooperan na crianza das crías, o que non é unha estratexia rara nas aves, pero teñen un sistema de reprodución plural, no que aniña máis dunha parella dentro do grupo, e o grupo axuda a criar ambas as roladas de pitos. Coñécense exemplos de dúas familias que compartían o mesmo niño.

O 95% dos niños que se atoparon nun estudo en Nova Gales do Sur estaban en árbores de codia fibrosa, especialmente a especie Eucalyptus macrorhycha. Os niños estaban case sempre localizados bastante altos nas árbores. A construción dos niños tardaba uns 7 días, pero o forrado e decoración do niño engadía algúns días máis. Os labores de construción dos niños compártense dentro do grupo, e a velocidade da construción dependen do nivel de implicación de moitas das aves. Os niños xeralmente están situados na punta de dúas ramas, e son como unha copa profunda decorada na codia da árbore, o que axuda á camuflaxe. Poñen 2 ou 3 ovos que incuba a femia reprodutora (ou femias se é que hai dúas compartindo o niño) durante 19 ou 20 días.[7] Mentres a femia reprodutora está chocando os ovos, é alimentada polo macho reprodutor e outros axudantes. Despois de eclosionaren os polos, a femia prolonga a incubación dando calor ás crías durante uns poucos días, e ata durante dúas semanas pola noite. Os pitos son alimentados durante 19 ou 20 días no niño. Despois de emplumaren, os polos teñen un período alongado de coidados parentais que dura ata 80 días, aínda que o máis normal son 60 días.

Especies editar

  • Daphoenositta miranda
  • Daphoenositta chrysoptera
    • Daphoenositta (chrysoptera) papuensis

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Noske, R. (2007) "Family Neosittidae (Sittellas)", pp. 628-639 in Del Hoyo, J.; Elliot, A. & Christie D. (editors). (2007). Handbook of the Birds of the World. Volume 12: Picathartes to Tits and Chickadees. Lynx Edicions. ISBN 978-84-96553-42-2
  2. Sibley C and Ahlquist J (1982). "The Relationships of the Australo-Papuan Sittellas Daphoenositta as indicated by DNA-DNA hybridization". Emu 82 (3): 173. doi:10.1071/MU9820173. 
  3. Ford, J (1980). "Hybridization between contiguous subspecies of the varied sittella in Queensland". Emu 80: 1. doi:10.1071/MU9800001. 
  4. Noske, R. (1985). "Huddle-roosting behaviour of the Varied Sittella Daphoenositta chrysoptera in relation to social status". Emu 85 (3): 188. doi:10.1071/MU9850188. 
  5. Green, C. (1972). "Use of tools by Orange-winged Sittella" (PDF). Emu 72 (4): 185–186. doi:10.1071/MU972178f. 
  6. Rand, A.L. (1936). "The Rediscovery of the Nuthatch Daphoenositta with Notes on Its Affinities" (PDF). Auk 53 (3): 306–310. doi:10.2307/4077967. 
  7. 7,0 7,1 Noske, R (1998). "Social Organisation and Nesting Biology of the Cooperatively-breeding Varied Sittella Daphoenositta chrysoptera in North-eastern New South Wales". Emu 98 (2): 85. doi:10.1071/MU98009. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar