Navalla (instrumento)

Unha navalla é un coitelo cuxa folla pivota sobre un eixe que a une ao mango ou cabo para que o fío ou cota quede gardado nunha fendedela feita a propósito.

Mangos de navallas romanas encontradas nas escavacións da vila romana da Olmeda (Pedrosa de la Vega, Palencia).

A navalla ten unha orixe antiga, e o seu uso era común na época do Imperio romano, pero a xeneralización do seu uso xorde en España a finais do século XVI tras a prohibición promulgada por Carlos V de portar armas de folla longa (sobre todo espadas) a xente allea á nobreza. A navalla permitía ocultar a folla, ademais de ser pequena, manexábel e moito máis barata que unha espada.

Desde España exportouse até o resto de Europa con moita rapidez, xa que foi unha arma moi popular.

Tipos de navalla segundo o seu uso editar

  • Navalla multiusos: navalla que ten incorporados varios dispositivos útiles, tales como sacarrollas, abridor, garfo etc. Unha das máis coñecidas á a navalla suíza.
  • Navalla de barbear: navalla feita de aceiro moi temperado e de fío agudísimo, empregada para barbear.
  • Canivete: pequena navalla que antigamente tiña as cachas do mango de cana de óso ou madeira.[1] Na actualidade denomínanse canivetes as navallas pequenas, normalmente sen sistema de bloqueo.
  • Faca: navalla de tamaño considerábel, co cabo de corno e a cota recta ou algo curvada cara a abaixo.

Tipos de navalla segundo o seu sistema de apertura editar

  • Navalla de apertura manual: navalla que se abre movendo manualmente a folla. Nalgunhas a folla dispón dun saínte ou dun burato que permite a apertura cunha soa man mediante un movemento do polgar.
  • Navalla automática: navalla que se abre mediante a acción dun resorte que se activa mediante un mando (pulsador, panca etc.) situado no mango.
  • Navalla de apertura asistida ou semiautomática: navalla en que a apertura se inicia manualmente (normalmente mediante unha soa man), pero un resorte a termina de abrir cando a folla xa xirou un certo ángulo (usualmente entre 20 e 45º).
  • Navalla de gravidade: navalla cuxa folla se desliza lonxitudinalmente ao longo do mango con moi pouco rozamento. Un sistema de bloqueo inmobiliza a folla tanto na posición aberta como na pechada. A apertura desta navalla realízase movendo a mesma para que a folla (que está na posición pechada) quede cara a abaixo, soltando o bloqueo da folla para que esta esvare polo mango debido á acción do seu peso e bloqueando a folla de novo, agora na posición aberta.
  • Navalla de bolboreta ou de abano: navalla na que o mango está dividido en dúas partes que poden pivotar a ambos os lados da base da folla. A súa apertura pódese realizar por inercia mediante un movemento circular e rápido da man que terma a navalla.
  • Navalla de carraca: navalla na que a parte da folla que conecta co mango leva unhas mmarcas que, ao abrila, faina soar como unha carraca, vulgarmente coñecida como navalla de sete estalos.

A navalla na cultura popular editar

  • Entre as cancións hai unha, "Die Moritat von Mackie Messer" ("A balada de Mackie o Navalla") da obra Die Dreigroschenoper (A ópera dos tres reás), con libreto de Bertolt Brecht e música de Kurt Weill, que se fixo moi popular co título inglés de Mackie the Knife, que foi interpretada, entre outros, polo polifacético Luís Tosar.
  • Unha navalla de barbear aparece na portada de British Steel, gravación de Judas Priest.
  • No excursionismo, escultismo e, en xeral, en campamentos, unha navalla é considerada como unha ferramenta case imprescindíbel.
  • Da unión entre a coitelaría e o acervo cultural da cidade española de Albacete vén o dito de que "la navaja de Albacete no se regala, se vende al amigo a un precio simbólico, para que no se corte la amistad".[2]
  • Nas películas da serie de televisión Curro Jiménez o protagonista, interpretado por Sancho Gracia, exibe en ocasións unha navalla tipo carraca de tamaño considerábel.
  • Nos videoxogos Team Fortress Classic e Team Fortress 2 hai unha clase chamada espía que posúe unha navalla coa que unha puñalada polas costas é mortal.

Notas editar

  1. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, voz canivete
  2. Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería y Turismo de Albacete. "Artesanía de Albacete" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2013. Consultado o 01 de novembro de 2013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar