A nasalización é un proceso fonético polo cal un son que normalmente é oral se pronuncia co veo do padal baixado, de xeito que, en maior ou menor medida, o ar tamén escapa a través do nariz.

Nasalización no galego editar

No galego común actual só hai restos de nasalidade vocálica. A lingua antiga nasalizaba a vogal anterior a -N- intervocálico, e esta desaparecía. Mais logo o galego aproximouse ao castelán, apartándose do portugués, que é hoxe o romance que posúe maior cantidade de fonemas nasais. O galego moderno, ou eliminou a nasalidade pura e simplemente (GENUCULU > xeonllo), ou transformou a devandita nasalidade en n (xeonllo). Así temos outro xogo de alternancias: gado/gando, coello/coenllo, mollo/monllo. O sufixo -ANU deu nalgúns sitios -ã, e modernamente perdeuse a nasalidade, de xeito que tamén se dá a alternancia irmá/irmán, ma/man.

Ás veces foi a perda dunha consoante distinta de -N- a que produciu a nasalización ou a aparición dun n. No caso de póla/ponla, esquecer/esquencer, ou sella/senlla.

En todos estes casos, como se deixa ver, a nasalidade pertence á fonética histórica.

No galego actual non hai vogais nasais como fonemas, hai vogais nasalizadas por consoantes nasais contiguas. Falouse, coma dun caso especial, o caso de influencia do n velar intervocálico. É un n final de sílaba ao que se engade un son vocal. O n forma sílaba coa vogal anterior. O son vocal posterior pode ser o a signo de feminino, ou o e paragóxico. Na ortografía actual márcase cun h a separación de sílabas u oclusión glotal. A vogal anterior fica máis ou menos nasalizada. É o caso de unha e os seus compostos algunha, ningunha, por unha parte; e o de formacións ocasionais coma corazonhe (corazón), por outra. Dialectalmente, rexístranse outros casos.

As formas verbais ás que se engaden os pronomes enclíticos o, a, os, as cando aquelas rematan en n, como fan, din, ten, pon, fun, etc., asimilan o seu n co l- histórico -hoxe perdido- dos pronomes; de xeito que fan-los cambiouse en fan-nos, sendo velar o primeiro n e alveolar o segundo. Finalmente, o n velar conservouse só coma unha nasalización da vogal anterior. Hoxe escribimos ás veces fano, tena, dinos, ponas, mais as vogais anteriores ao n son dende logo nasais ou, cando menos, están nasalizadas. Por iso algúns escritores marcaron e marcan a nasalidade con outro n: fannos, tenna, etc.

Ás veces o n velar que resulta intervocálico é o final dun prefixo IN-. Os derivados que fórmanse así, toman na ortografía, despois do n, un g en lugar dun h: IN-ORDINE > engorde; o que rexistra unha variante da pronuncia.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Carballo Calero, Ricardo: Gramática elemental del gallego común. Editorial Galaxia.