Museo Nacional de Baviera

O Museo Nacional de Baviera (Bayerisches Nationalmuseum), localizado en Múnic, en Baviera, é un dos máis importantes museos de arte e historia de Europa. O seu grande acervo abriga unha variedade de obxectos que van da Antigüidade tardía até o século XX.

Museo Nacional de Baviera
O Museo en 1900
CoordenadasCoordenadas: 48°08′36″N 11°35′28″L / 48.1432, 11.591
Na rede
http://www.bayerisches-nationalmuseum.de/ e http://www.bayerisches-nationalmuseum.de/index.php?id=1&L=1
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

O Museo Nacional de Baviera foi creado en 1855 polo rei Maximiliano II de Baviera, a partir dun proxecto presentado en 1853 polo director dos arquivos, o barón Karl Maria von Aretin. Os seus obxectivos primeiros foron, de acordo coa moda medievalista da época, estabelecer un museo de arte medieval.

A colección encontrou unha colocación provisional nalgunhas salas do castelo do duque Max, pero logo se pensou en acomodala no Novo Castelo Schleißheim (Neue Schloss Schleissheim), ata que por fin foi decidida a construción dunha sede propia na Maximilianstraße.

Construída entre 1859 e 1863 con proxecto de Eduard von Riedel, foi inaugurada en 1867, e hoxe abriga a colección de folclore, coa decoración de cada ambiente acompañando o tipo de obxectos expostos, incluíndo grandes murais históricos. A partir de 1868 a colección comezou a ser dividida en departamentos.

Tornándose pequeno para o acervo continuamente ampliado, foi necesaria a construción doutro edificio na Prinzregentenstraße. A construción iniciouse en 1894 cun proxecto de Gabriel von Seidl, sendo aberto ao público en 1900. En estilo ecléctico, este edificio foi un fito na arquitectura museística de seu tempo.

Danado na segunda guerra mundial, con gran perda da súa colecciòn, o edificio foi reconstruído e remozado de acordo con criterios museolóxicos máis modernos. A partir de 1978 o museo sufriu unha nova reformulación nos seus equipamentos expositivos, concluída en 2001.

Recentemente o Museo Nacional abriu unha sala no Mosteiro de Asbach, en Rotthalmünster, especialmente para recibir parte da grande Colección Kriss de arte sacra popular.

O acervo editar

A colección está dividida en dúas seccións principais: Arte e Historia, e Folclore. A colección histórica está exposta en máis de 40 salas que mostran un itinerario a través do tempo, iniciando coas obras do Románico, pasando polo Gótico, Renacemento, Barroco, Neoclasicismo e chegando até a Art Nouveau, ou Jugendstil, como foi chamada nos países xermánicos, con pezas nas máis diversas técnicas, como porcelanas, marfil, pinturas, esculturas, tapicerías, vidros, instrumentos musicais, miniaturas e ourivaría. A colección folclórica mostra conxuntos de mobiliario típico de Baviera, cerámicas e artefatos da cultura relixiosa popular, incluíndo unha gran serie de nacementos.

 
Mestre de Rímini: Cabeza de Xoán Bautista, c. 1430
 
Tilman Riemenschneider: Santa Madalena arrodeada de anxos, c. 1490
 
Johann Baptist Straub: Ceres, 1772

Arte medieval editar

As coleccións da arte medieval inclúen tesouros a maioría de carácter relixioso, con marfís, pinturas e esculturas, e algúns altares completos, alén de fragmentos de decoración arquitectónica en pedra (esculturas, frisos e relevos), datados na Antigüidade tardía, o Románico e o Gótico. Unha das pezas máis antigas e máis importantes desta sección é a Placa Reider, do ano 400, que mostra unha das máis antigas representacións da Resurrección e Ascensión de Cristo. O Románico ten un belo representante no busto de Cristo abenzoando, do século XI. Embora* a maior parte dos artistas deste período permaneza anónima, algunhas pezas, particularmente do gótico, teñen autoría estabelecida: Hans Mult, Michel Erhart (autor dun orixinal Cristo como Home das Dores), Hans Klocker, Tilman Riemenschneider e poucos máis. Riemenschneider foi o autor dunha requintada Santa María Madalena arrodeada de anxos, e é preciosa a colección de Madonnas, que ten exemplares de graza encantadora, como a realizada polo Mestre de Seeon, cara 1430, e a Nai de Deus e o Meniño na roseira, de mestre anónimo do século XIV. Peza espléndida da transición do gótico para o Renacemento é o Sippenaltar, de Wolf Traut.

Renacemento e Maneirismo editar

Diseminado ao norte dos Alpes despois de 1500, o Renacemento alemán evolucionou con características propias, pero na arte, temáticas como a mitoloxía antiga, que se tornaran comúns en Italia, tamén foran cultivadas en Alemaña, cunha descrición máis naturista dos obxectos físicos que incluíu representacións do corpo humano nu, alén de ter maior interese pola literatura clásica. Das pezas individuais máis interesantes son unha versión a pequena escala do Rapto da Sabina, de Giambologna, un gabinete que pertenceu á familia de banqueiros Fugger, posiblemente feito por Heinrich Kron e Hans Kels, sendo un dos primeiros exemplos de uso de decoración renacentista en Alemaña, e un grupo en bronce representando Marte, Venus e Cupido, de Hubert Gerhard. Da transición manierista para o barroco son moi interesantes as esculturas de Adriaen de Vries e Hans Krumper.

Barroco e Rococó editar

A representación destes períodos é extremadamente rica no Museo Nacional, e está dividida en sectores temáticos. O estilo, aínda que con características locais, evidencia a influencia da cultura francesa do tempo de Lois XIV, con pezas de decoración, arte sacra, pinturas, obras italianas en pietra dura, e mobiliario con incrustacións en ouro e pedras preciosas, entre o que destaca un magnífico gabinete florentino de 1680. A escultura ten puntos álxidos nun San Sebastian de Georg Petel, nun grupo de Adoradores da Virxe de Christian Jorhan, nun Cronos de Ignaz Günther e nunha Ceres de Johann Baptist Straub.

A cultura cortesá do refinamento na mesa atinxiu o seu auxe no século XVIII, desenvolvendo unha cantidade desmesurada de obxectos para uso e mera decoración, moitas veces de extraordinaria riqueza. O Museo Nacional de Baviera é o único museo de Alemaña cun acervo capaz de representar en detalle esta tendencia da época, con espléndidas pezas en louza, mobiliario, servizos festivos de mesa en metais preciosos, e outros obxectos, onde se destaca o servizo en prata do príncipe-bispo Frederico Guillerme de Westfalia.

O Museo tamén conserva unha bela colección de instrumentos musicais, con pezas oriundas das coleccións dos electores de Wittelsbach entre os séculos XVII e XVIII, dos acervos persoais dos antigos mestres de capela da corte, e doutras adquisicións. Destacan dúas grandes frauta doces de 1530 de Hans Rauch, trombóns do século XVII, un chalumeau de Johann Christoph Denner, frautas-baixo de marfil e instrumentos de cordas ricamente enfeitados de Joachim Tielke, hammerflügels das manufacturas Stein, Schiedmayer e Dulcken, un baryton de Johann Andreas Kämbl e frautas de Thomas Lot, coroando a colección doce trompetas douradas para acompañamento de solemnidades, do obradoiro de Johann Wilhelm Haas.

A cultura cortesá tamén é coñecida a través das magníficas pezas de armería e de pertrechos de caza, e pola rica selección de porcelanas, onde priman as da manufactura de Nymphenburg, as estatuíñas de Franz Anton Bustelli, as pezas de Ludwig von Schwanthaler, e os conxuntos oriúndos do Palatinado, das manufacturas Frankenthal e do sur de Alemaña. Unha peza é especialmente interesante: unha gran maqueta da cidade de Munic executada en porcelana no século XIX por Johann Baptist Seitz e Franz Seitz.

Clasicismo e Jugendstil editar

Este departamento ten un rico acervo que compón un amplo panorama das variadas tendencias e interpretacións das escolas que floreceran no inicio do século XIX até o inicio do século XX, con pezas de varias técnicas: porcelanas, mobiliario, vidros, ourivaría, concluíndo con obxectos Gallé, Lalique e Tiffany.

Nacementos e arte sacra popular editar

A súa colección de escenas da Natividade é a máis importante do mundo en termos de calidade artística, con conxuntos chegados de tres centros principais: Nápoles, Alpes e Sicilia. Foi formada na súa maioría polas doazóns de Max von Schmederer e Rudolf Kriss, incorporando paralelamente unha diversidade doutras pezas devocionais populares.

Mobiliario popular bávaro editar

Nesta sección destacan un conxunto de 1788 composto por mobles e un teito pintado, de Anton Perthaler; outro conxunto do século XVIII recollido en Zeisenried; dous conxuntos do final do século XVIII provenientes de antigas propiedades rurais en Tannheim, e por fin un conxunto datado de 1669. Tamén hai un gran patrimonio de vasos, pratos, bandeixas e outras pezas de mesa en pedra, madeira e cerámica, de uso decotío ou decorativo.

Xoguetes editar

Mostra unha rica colección de exemplares desde o gótico ao século XX do sur de Alemaña. Casiñas, bonecas, xogos e outros obxectos do universo infantil, algúns de enorme requinte, fan parte deste grupo.

Outras obras editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar