Muralla da Coruña

A muralla da Coruña é un conxunto de fortificacións que se construíron na Coruña entre os séculos XIV e XVIII. Foron declaradas Ben de Interese Cultural en 1949.[1]

Muralla da Coruña
Ben de Interese Cultural
Muralla do Xardín de San Carlos
Localización
PaísGaliza Galiza
ConcelloA Coruña
ParroquiaA Coruña
Datos xerais
Data09-11-1944
CategoríaMonumento
CódigoRI-53-0000011
ConstruciónSéculo XIV - Século XVIII
Mapa de localización

Historia editar

 
Muralla dos séculos XVI-XVII.

A orixe das murallas da Coruña é a repoboación ordenada por Afonso IX en 1208.[2] Nos anos 1370 e 1386 a cidade foi atacada polos portugueses e os ingleses e as murallas tiveron que ser reparadas en 1397.[3] Esta segunda muralla permaneceu inalterada ata o ataque de Drake en 1589[2] decidiuse construír o castelo de Santo Antón e arranxar as murallas. Construíuse o novo baluarte do Santo Espírito (sobre o que se levantou o Hospital Real entre 1608 e 1612) e derrubouse parte da antiga muralla.[2]

En 1625 comezou a construción da Fronte de Terra, no barrio da Pescadería segundo o proxecto de Tiburcio Spanochi, formado por cinco baluartes. Este proxecto non se completaría por falta de fondos.

O 3 de abril de 1658 estoupou a polvoreira da Fortaleza Vella, matando máis de duascentas persoas e destruíndo ademais outros edificios próximos, coma o Convento de San Francisco e o Hospital do Bo Suceso.[2] A fortaleza non se reconstruíu e sobre os restos da polvoreira creouse o Xardín de San Carlos.

 
Plano da Fronte de Terra (1810).

A principios do século XVIII iniciouse unha fase de mellora e ampliación das murallas seguindo a idea de B. Renau,[3] dándoselle a esta área o nome de Fronte da Pescadería. O director do novo Corpo de Enxeñeiros Francisco Montaigú iniciou as obras entre 1721 e 1731 dun proxecto máis simplificado.[2] O seu sucesor, La Ferriere, continuou o proxecto modificado, que foi completado en 1746 cando se temía un novo ataque inglés. Sete anos despois Francisco Llovet proxectou por primeira vez a enchedura da praia do Parrote para a construción de estruturas militares, mais non se levou a cabo ata o século XX.[2]

Os proxectos de amurallamento continuaron ata 1776-1779 coa muralla da Dársena que non se rematou.[4] En 1840 a raíña Isabel II autorizou o derribo da Fronte da Pescadería, que separaba a Cidade Vella da Pescadería. Este proceso durou dúas décadas.[2] Sobre os restos da antiga muralla levantouse a praza de María Pita.

En 1869 comezou o derrubamento da Fronte de Terra, facilitando a unión do Cantón Pequeno e Garás e o deseño do Primeiro Ensanche.[5]

Descrición editar

 
Muralla inacabada na dársena.

Consérvanse varios tramos da muralla:

  • O tramo que serve de base ao Xardín de San Carlos é o máis antigo e foi levantado no século XIV.[3] Formaba parte da chamada Fortaleza Vella[6] e nela instalouse en 1954 a porta do antigo Hospital de San Andrés.[7] Tamén é da mesma época unha parte da muralla do xardín do Palacio de Capitanía.[2]
  • Dende a Capitanía Xeneral existe un lenzo no que se abren as Portas do Parrote e do Cravo. Estas portas foron mandadas abrir polo Capitán Xeneral Pedro Pablo Jiménez de Urrea, conde de Aranda en 1676.[8] A porta do Parrote está decorada co escudo real e mais coas armas do Conde de Aranda. Nela aparecen as datas de construción e reforma (1749)[2] e unha cruz que a remata é dun calvario construído polos monxes franciscanos.[3] Famosos personaxes coma Carlos I e Filipe II atravesaron a Porta do Parrote[Cómpre referencia].
  • O último tramo rodea o Hospital Abente y Lago. Nel ábrese a porta de San Miguel (1607),[6] que foi levantada no lugar que ocupou outra porta anterior do século XIV. Está decorada cos escudos do Reino de Galicia, o escudo real e o de don Diego das Mariñas.[3]
  • Existen outros tramos na "Maestranza de Artillería", no Campo da Estrada e nos Pelamios.[2]
  • Da Fronte de Terra consérvase o baluarte do Caramanchón, coiraza que separa as praias do Orzán e de Riazor.

Outras estruturas defensivas editar

 
Batería de Oza.

No Inventario de Monumentos de Arquitectura Militar de 1968 recóllense na Coruña, ademais das murallas, o castelo de Santo Antón (cárcere militar), o castelo de Santo Amaro, o castelo de San Diego e a batería de Durmideiras. Porén, ningún dos tres últimos se conserva:[2]

  • O castelo de Santo Amaro, posiblemente construído despois do ataque de Drake, estaba en ruínas xa no século XVIII; sobre os restos construíuse o "Club del Mar de San Amaro".[9][10]
  • A batería de Durmideiras, formada por oito canóns e dependencias para a tropa foi destruída pola canteira que se explotou para construír o dique de abrigo (1948).[9]
  • O castelo de San Diego, construído na década de 1630, foi derruído en 1963 para ampliar o porto.[11] Para protexer o castelo construíuse no século XVII o Forte Valparaíso, que foi confundido co castelo de Eirís e que posiblemente estaba situado no Montiño.[12]

Na área próxima á Torre de Hércules existían tamén a batería de Pragueiras (posiblemente só unha zona explanada), a batería da Costa Oriental da Enseada do Orzán (abandonada a finais do século XIX ou principios do XX, e situada onde hoxe está o Aquarium Finisterrae) e unhas trincheiras que aparecen recollidas en mapas dos séculos XVIII e XIX e que serían simples gabias escavadas no terreo.[9]

A batería de Oza aparece citada en 1639, mais os restos conservados foron construídos cara a 1797 segundo o proxecto de Blas Gil de Bernabé. Sobre a batería construíuse posteriormente o faro.[13]

O castelo de Santa Cruz, en Liáns, Oleiros tamén formaba parte da defensa da praza forte.[14]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Relación de bens de interese cultural de Galicia
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Soraluce Blond, José Ramón (2013). Estudio de identificación, definición histórica y acotación material de las murallas de la Ciudad Vieja de A Coruña. Criterios de actuación (en castelán). Concello da Coruña. Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2016. Consultado o 24 de decembro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Álvarez-Ossorio, Francisco (1944). Murallas y Jardín de San Carlos de la ciudad de La Coruña (en castelán). Boletín de la Real Academia de la Historia. Consultado o 24 de decembro de 2015. 
  4. "Revisión e adaptación do PEPRI". Concello da Coruña. xaneiro de 2015. Consultado o 24 de decembro de 2015. 
  5. Reiriz, Jesús (16 de marzo de 2014). "La coraza del Orzán como ya no la vemos" (en castelán). Consultado o 24 de decembro de 2015. 
  6. 6,0 6,1 "Murallas da Cidade Vella". Concello da Coruña. Consultado o 24 de decembro de 2015. 
  7. Murallas da Coruña en Turgalicia
  8. Verdera Franco, Leoncio. La Capitanía General de Galicia como promotora de patrimonio (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de decembro de 2015. Consultado o 24 de decembro e 2015. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Arqueoloxía no plan xeral da Coruña
  10. Fernández, Carlos (1 de marzo de 2003). "El castillo chivato". La Voz de Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04/02/2016. Consultado o 8 de xaneiro de 2016. 
  11. "El castillo de San Diego fue demolido hace 35 años para ampliar los muelles". La Voz de Galicia (en castelán). 2000-12-23. Consultado o 2021-03-18. 
  12. Gutierrez, José Manuel (28 de maio de 2015). "Una lección de historia al aire libre". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 11 de xaneiro de 2016. 
  13. PXOM
  14. "Castillo de Santa Cruz". Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2015. Consultado o 25 de decembro de 2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar