O muesli (do suízo alemán Birchermüesli, literalmente "papas de cereais de Bircher") é un alimento de orixe suíza que se atopa no grupo dos cereais, tipicamente do almorzo, aínda que tamén se consuma nas merendas e ceas (especialmente en Suíza). Algunhas marcas comercialízano co nome alemán: müsli[1].

Prato de Muesli.

Como produto envasado dispoñíbel no comercio, os seus ingredientes son cereais, froitos secos e froitas desecadas ou deshidratadas, mesturadas sen que haxa unha receita ríxida, dependendo do fabricante. Se se fai unha preparación caseira, adóitanse empregar os produtos "de temporada" que se atopan frescos no mercado.

Entre os cereais que o compoñen poden estar a avea, trigo, centeo, orxo, millo ou arroz, ben en flocos o inflados, integrais ou refinados. Na escolma de froitas pódense atopar mazás, peras, bananas, pasas, dátiles, ameixas, mangas, figos, pexegos, amorodos, ananás, coco, froitas do bosque (arandos, framboesas, bagas de goxi, grosellas)... e, entre os froitos secos e sementes, noces, abelás, améndoas, cacahuetes, sementes de xirasol, liño ou sésamo.

Pódese consumir previamente rehidratado con auga, leite (non aconsellábel fresco se hai bastante proporción de froitas acedas que poidan callalo), leite fermentado, bebida de soia, quefir, iogur, chocolate, zumes... e, segundo o gusto do consumidor, adozado con canela, anís, mel ou azucre.

Dende a súa invención polo médico suízo Maximilian Bircher-Benner a comezos do século XX, inspirado na cea dun pastor nunha das súas excursións coa súa dona pola zona dos Alpes, tense popularizando como alimento san, nutritivo, enerxético e que sacia a fame, e por ser un cóctel bastante completo de vitaminas e minerais, proteínas e glícidos, e para normalizar as modernas dietas desequilibradas, ou para persoas con problemas de estrinximento.

Notas editar

  1. "Historia do muesli na Web do Hotel Suiça Reimann (en portugués)". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2013. Consultado o 20 de febreiro de 2014. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar