Mourente, Pontevedra

parroquia civil do concello de Pontevedra

Santa María de Mourente é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o INE no 2018 tiña 2016 habitantes (1066 mulleres e 950 homes), 89 menos ca en 2008. Ten 27 entidades de poboación.

Mourente
Mouro de Mourente, na igrexa parroquial.
ConcelloPontevedra[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°26′18″N 8°36′48″O / 42.43833333, -8.61333333Coordenadas: 42°26′18″N 8°36′48″O / 42.43833333, -8.61333333
Área6,99 km²
Poboación1.962 hab. (2017)
Densidade280,69 hab./km²
Entidades de poboación20[1]
editar datos en Wikidata ]

Topónimo editar

Mourente provén do xenitivo do antropónimo tardorromano MAURENTIUS[2], usado na expresión VILLA(M) MAURENTII ('a casa ou a granxa de Maurentius'). O topónimo xa foi estudando no século XVIII por frei Martín Sarmiento[3], quen viviu parte da súa infancia nesta parroquia[4]. A primeira atestación escrita do topónimo, na súa forma "Sancta Maria de Maurenti", aparece nun documento de 30 de marzo de 1019, onde o rei Afonso V confirma as posesións do bispado de Iria na contorna do Castelo da Cedofeita (Lérez)[5][6][7].

Lindes editar

Os lindes históricos da parroquia de Mourente foron mudando ao longo do tempo. No inicio da Idade Moderna, a parroquia de San Mamede de Moldes foi anexada á de Santa María de Mourente e con ela lugares como A Parda, A Eiriña ou O Gorgullón, que hoxe forman parte do núcleo urbano de Pontevedra[8]. En 1500 Moldes aínda aparecía como freguesía á parte[9], mais o Padre Sarmiento indica a mediados do século XVIII que a igrexa de Moldes había tempo que estaba abandonada e en ruínas[10].

 
Lindes das freguesías de Mourente e da Virxe do Camiño segundo o Mapa das Parroquias de Galicia (2001).

Ao norte, o río Lérez separa Mourente das parroquias de San Salvador de Lérez, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve. Ao leste, Mourente linda con Santa Mariña de Bora e ao sur con San Miguel de Marcón e San Pedro de Tomeza. Ao oeste, encóntrase a parroquia de San Martiño de Salcedo e a vila de Pontevedra. O linde tradicional coa vila de Pontevedra partía do Marco do Gorgullón e pasaría hoxe polas rúas José Casal, Blanco Porto, Javier Puig e atravesaba o barrio de Santo Antoniño até a Seca de Santa Clara, onde se encontra o actual Centro de Tecnificación Deportiva[8]. Isto significa que as actuais parroquias relixiosas da Virxe do Camiño e de Monte Porreiro, así como barrios como os da Seca ou A Parda, conforman o Mourente histórico[11].

As estremas oficiais da parroquia de Mourente fican estabelecidas en 2001.[12] Non coinciden cos lindes históricos nin cos relixiosos. Recoñécese, separada de Mourente, a parroquia da Virxe do Camiño, que ocupa boa parte da antiga freguesía de San Mamede de Moldes. Fican dentro de Mourente os barrios urbanos do Castañal e parte da Seca. Tamén o lugar de Moldes, aínda que o lugar de Pardesó, que depende da igrexa de Mourente, fica asignado á freguesía civil de Marcón.

Historia editar

Os escasos achados arqueolóxicos feitos en Mourente parecen confirmar que, ao igual que moitos outros lugares de Galiza, a presenza humana no seu territorio histórico é moi antiga e continuada até a actualidade. As primeiras evidencias de ocupación humana no territorio do Mourente histórico datan do neolítico. Desta época foi encontrada no lugar do Outeiro unha machada de pedra pulida, hoxe exposta no Museo de Pontevedra[13]. Máis recentemente identificáronse no Monte do Castro os restos dunha mámoa e dun petróglifo[14]. Da Idade do cobre tamén se achou outro machado plano de cobre encontrado preto da igrexa parroquial, nunha leira do lugar da Bouza[13][15], onde a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra descubriu unha necrópole de cistas[16][17].

 
Vista do castro de Mourente.

No punto máis alto de Mourente, no Picoto, existiu un castro, que lle dá nome ao monte circundante. Asentábase sobre un afloramento granítico natural que posteriormente, e até inicios do século XX, foi usado como canteira. Por esta razón, o castro na actualidade encóntrase moi mal conservado[15][18]. Ao non ter sido escavado aínda, non se dispón dunha datación exacta. Porén, sábese que foi romanizado polos restos de tellas encontrados nel e sobre todo pola necrópole romana que escavou ao pé deste castro a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra[15][18] e o achado dunha moeda grande de bronce do tempo do emperador Antonino Pío (século II d.c)[15][19]. Non se sabe até que época estivo habitado o castro, mais o topónimo de Mourente, así como os microtopónimos de Sadurnil e Sanín, todos de orixe antoponímica, parecen indicar a presenza de explotacións agrícolas nas terras altas de Mourente desde o final do imperio romano ou da época sueva.

A primeira mención escrita á parroquia de Mourente data de 1019, nunha orde do rei Afonso V onde confirma que esta freguesía se encontra dentro da xurisdición do castelo da Cedofeita, en Lérez, sendo polo tanto unha posesión do bispado de Iria[6][7]. Neste documento alúdese á existencia dunha igrexa, moi probabelmente á antiga igrexa medieval situada no propio lugar de Mourente[11]. En 1169 o rei Fernando II concédelle o foro á veciña vila de Pontevedra e once anos despois cédella ao arcebispado de Santiago de Compostela, incluíndo na súa ampla xurisdición a parroquia de Mourente[20]. Desde entón, Mourente, como outras parroquias veciñas, converteuse en fornecedoras de bens e servizos de Pontevedra[8].

Mourente constituíu concello de seu entre 1841 e 1867, abranguendo as freguesías de Bora, Marcón e Tomeza. O núcleo urbano de Monte Porreiro viviu un espectacular crecemento demográfico desde mediados do século XX.

Na segunda metade do século XX Mourente tornouse unha parroquia periurbana. Ao estremar polo oeste coa cidade de Pontevedra, a parroquia viuse profundamente afectada polo forte desenvolvemento urbano desta última. É a parroquia do concello de Pontevedra que máis poboación perdeu polo éxodo urbano, cunha diminución de máis dun 30% entre 1981 e 2012[21]. Así e todo, a veciñanza con Pontevedra tamén implicou a creación en Mourente de infraestruturas clave. De feito, na parroquia encóntrase un centro adscrito á Universidade Nacional de Educación a Distancia, así como a Cidade Infantil Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra e o hospital de Montecelo, que forma parte do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Patrimonio editar

 
Carballo de santa Margarida.
 
O Mouro de Mourente na igrexa parroquial.

A igrexa parroquial está dedicada a Santa María, padroeira da parroquia na súa advocación da asunción. O remate da construción do templo e do seu adro data de 1769. Ten unha planta de cruz latina dunha soa nave e é de estilo barroco con influencia do neoclásico, sobre todo na súa fachada. Para a súa construción empregáronse materiais da antiga igrexa medieval.[11] No interior da igrexa encóntrase o famoso Mouro de Mourente, un atalante de gran tamaño esculpido en granito e que sostén o púlpito. O Mouro de Mourente é obxecto dunha lenda difundida por Antonio Blanco Freijeiro no álbum Pontevedra, boa vila (1947) do debuxante Agustín Portela Paz.[11][22]

Ademais da igrexa parroquial hai tres capelas na parroquia:

  • A capela de san Mamede (de estilo románico, dos séculos X e XI) situada en Moldes, foi trasladada no século XX para o interior do cemiterio municipal de San Amaro tras ser adquirida polo concello. É de estilo románico, con planta dunha soa nave e ábsida rectangular dividida en dous corpos, reforzados por contrafortes e bóveda de canón apuntada.
  • A capela de Santa Margarida, de estilo románico, acolle no seu adro un carballo centenario de sona que está incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia.
  • A capela de San Amaro está a carón do camposanto municipal do mesmo nome.

Festas editar

O 15 de agosto celébrase a festa patronal. Tamén se conmemora o día da Virxe do Carme (domingo anterior ao 16 de xullo) e santa Margarida (primeiro domingo de agosto). En marzo celébrase a festa gastronómica do caldo galego.

Galería de imaxes editar

Lugares e parroquias editar

Lugares de Mourente editar

Lugares da parroquia de Mourente no concello de Pontevedra

Areás | A Bouza | Os Campos | Carabelos | Casas Novas | Condesa | Cons | Eirós | Freixeiro | A Laxe | Moldes | Monte Porreiro | O Monte | Mourente | O Outeiro | O Pazo | A Raxeira | San Amaro | Santa Margarida | Vilaverde

Parroquias de Pontevedra editar

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Pontevedra

Alba (Santa María) | Bora (Santa Mariña) | Campañó (San Pedro) | A Canicouva (Santo Estevo) | Cerponzóns (San Vicente) | Lérez (San Salvador) | Lourizán (Santo André) | Marcón (San Miguel) | Mourente (Santa María) | Ponte Sampaio (Santa María) | Pontevedra | Salcedo (San Martiño) | San Xosé (San Xosé) | Santa María de Xeve (Santa María) | Tomeza (San Pedro) | Verducido (San Martiño) | A Virxe do Camiño de Pontevedra | Xeve (Santo André)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. Francovich Onesti, Nicoletta (2012). "Discontinuità e integrazione nel sistema onomastico dell'Italia tardoantica: l'incontro coi nomi germanici". En La trasformazione del mondo romano e le grandi migrazioni. Nuovi popoli dall'Europa settentrionale e centro-orientale alle coste del Mediterraneo. Atti del convegno internazionale di studi. Cimitile-Santa Maria Capua Vetere, 16-17 giugno 2011. Giornate sulla tarda antichità e il Medioevo (4). Tavolario, Cimitile, pp. 33-50. ISBN 978-88-904323-5-4
  3. Sarmiento, Martin. (1997). Colección de voces y frases gallegas ([Réimpr.] ed.). Salamanca: Universidad de Salamanca. ISBN 9788474819366. OCLC 716094840. 
  4. "Desde Mourente para Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 2009-09-26. Consultado o 2019-07-02. 
  5. González-Paz, Carlos Andrés (2007-06-27). "Catro exemplos de fortificacións altomedievais galegas do seculo X: Castellum de Aranga, Castellum Minei, Castellum Berreti e castellum de Citofacta". 
  6. 6,0 6,1 Sánchez Ameijeiras, Rocío. "Entre acordose desacordos: o Lérez,unha fronteira medieval." (PDF). Asociación Cedofeita. Consultado o 02/07/2019. 
  7. 7,0 7,1 Abilleira Sanmartín, Xosé. "O castellum de Citofacta en Lérez. Uns comentarios sobre a súa documentación.". Asociación Cedofeita. Consultado o 02/07/2019. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Morgade Martínez, Xosé Carlos (2003). As devesas reais da parroquia de Mourente. Aproximación á política forestal do Reino de España en Galicia (séculos XV a XIX). Concello de Pontevedra. ISBN 84-95350-87-4. 
  9. Vázquez Bertomeu, Mercedes (2003). A Igrexa de Santiago contra 1500 (O libro do subsidio). Lóstrego Edicións. ISBN 849332440X. 
  10. Pensado, José Luís (1970). Colección de voces y frases gallegas de Fr. Martín Sarmiento. Edicionas Universidad de Salamanca. ISBN 978-8474819366. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 García Cendón, Manuel (1984). Mourente, un anaco de historia. 25 anos de historia. 1959-1984. (Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente). 
  12. Sistema de Información Territorial de Galicia. (2001). "Mapa de parroquias, Galicia". Consultado o 2020-07-01. 
  13. 13,0 13,1 Patiño Gómez, Ramón (1988). A prehistoria de Pontevedra. Traballos de arqueoloxía II. Grupo de arqueoloxía "Alfredo García Alén". ISBN 84-404-2061-7. 
  14. "Mourente se suma a Lérez en el rechazo del rural al abastecimiento diseñado por Acuanorte". Faro de Vigo. 16/12/12. Consultado o 13/09/2022. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Ayán Vila, Jorge Miguel; Amado Reino, Xesús (2001-06-30). "La evaluación de impacto arqueológico de la red de gasificación de Galicia: consideraciones metodológicas y síntesis de resultados". Trabajos de Prehistoria 58 (1): 127–141. ISSN 1988-3218. doi:10.3989/tp.2001.v58.i1.237. 
  16. García de la Riega, Celso (1904). Galicia antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia. Tipografía de A. del Río y Micó. 
  17. Cuevillas, Florentino L. (1925). "Os oujetos argaricos do museu d'Ourense". Boletín da Real Academia Galega (173): 97–107. ISSN 1576-8767. 
  18. 18,0 18,1 Filgueira Valverde, José; García Alén, Alfredo (1954-56). "Materiales para la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra: paleolítico, neolítico, cultura dolménica, Edad del Bronce, petroglifos, castros, protoibérico e ibérico, Roma, restos de baja romanidad, paleocristianos y suevos". El Museo de Pontevedra VIII: 31–40. ISSN 0210-7791. 
  19. García Alén, Alfredo (1952). "La moneda hispánica en el Museo de Pontevedra". El Museo de Pontevedra (7): 99–140. ISSN 0210-7791. 
  20. 1934-, Fortes, Xosé (D.L. 2011). Pontevedra : burgo, villa, capital. Guiverny. ISBN 978-84-939449-1-9. OCLC 796282206. 
  21. "Plano específico de infraestruturas da parroquia de Mourente". Consultado o 11 de maio de 2020. 
  22. Pontevedra, boa Vila. La Coruña: Consellería da Presidencia. 1985. ISBN 84-505-1598-X. OCLC 433749073. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar