Mosteiro de Santa María da Armenteira

edificio relixioso na Armenteira, concello de Meis

O mosteiro de Santa María da Armenteira é un mosteiro románico de transición, ou protogótico, que pertenceu desde a segunda metade do século XII á Orde do Císter. Deste xeito o seu estilo arquitectónico responde aos preceptos do Plano Bernardino baseado na austeridade formal e o rigor funcional. Dende finais do século XX, acolle a unha comunidade de monxas da Orde Cisterciense da Estrita Observancia.

Mosteiro de Santa María da Armenteira
Fachada da igrexa
PaísEspaña
LocalizaciónA Armenteira (Meis)
Coordenadas42°27′47″N 8°44′50″O / 42.46305556, -8.74722222Coordenadas: 42°27′47″N 8°44′50″O / 42.46305556, -8.74722222
Páxina webhttps://www.monasteriodearmenteira.es/
editar datos en Wikidata ]

Sitúase na parroquia de Santa María da Armenteira, no concello pontevedrés de Meis.

Historia editar

A lenda conta que foi fundado por Santo Ero. Risco recóllea así [1]:

San Ero de Armenteira saíu un día do mosteiro, meditando en cómo serían os goces do ceo; meteuse nunha carballeira e estivo un intre ouvindo cantar un paxariño, que era cousa que non ouvira nunca tan preciosa; estivo unha miguiña embebido naquil cando cheo de delicias e deu volta. Mais cando chegóu, no mosteiro todo era novo pra il, ninguén o coñecía nin sabía dil, a pesares de que aseguraba ter saído aquela mesma mañá, nin il coñecía a ninguén, porque, anque pensaba que non estivera mais do que un instante escoitando ó paxariño, resulta que pasaran trescentos anos.

Castelao utilizou este motivo para o ex libris que debuxou para Filgueira [2].

Fundado, segundo a documentación do Císter en 1162, mantivo unha comunidade cisterciense ata que foi exclaustrado en 1837 no marco da Desamortización de Mendizábal.[3] Logo de máis dun século de abandono, na década de 1960, Carlos del Valle-Inclán, fillo do escritor Ramón del Valle-Inclán, promoveu a asociación "Amigos de Armenteira" que comezou a reconstrución. En 1989, instaláronse nel monxas trapistas procedentes do Mosteiro de Allotz (Navarra). En 2020 contaba con nove relixiosas.[4] Ademais da contemplación, manteñen unha hospedaxe e elaboran produtos de cosmética natural.[5][6]

Descrición editar

 
Maqueta do mosteiro, exposta no Museo do Viño (Cambados).

A este estilo corresponden as bóvedas de canón apuntado, as bóvedas de crucería, as distintas alturas das naves. Con eles tamén se mestura un compoñente rexional, a rica tradición e personalidade do románico local convive co racional e austero estilo da orde. O engadido máis importante desta tradición local é un ciborio cuberto con cúpula nervada de arcos cruzados mudéxares sobre trompas, relacionada coa arquitectura hispano-musulmá.

O rosetón e a portada son de trazaría xeométrica.

Recoñécense na súa estrutura distintas campañas construtivas:

  1. Primeira etapa, na que se realizan a cabeceira e os muros.
  2. Etapa de transición: construción das naves.
  3. Realización da cúpula e a fachada.

Galería de imaxes editar

Crenzas e supersticións editar

No primeiro terzo do século XIV, o abade do mosteiro foi Domingos III. Ó morrer foi enterrado nun sartego no mesmo mosteiro e colleu sona de Corpo Santo.

A tradición conta que aquel que estivera enfermo debía deitarse sobre a lápida e así curaba das súas doenzas. Un frade que escribiu a crónica do mosteiro no século XVII explicou que todo comezou cando un escribán de Raxó (Poio), Gonzalo Pérez, que tiña fortes dores de barriga, deitouse sobre o sartego e quedou dormido. Cando acordou, notou que a dor desaparecera por completo e sentiu un recendo que saía da sepultura.

Cóntase tamén que o sartego tiña un burato á altura da cabeza e que a través del podía sacarse terra. Colocada esta terra sobre a cara ou nunha bolsiña pendurada do pescozo, curaba certas enfermidades [7].

Notas editar

  1. Risco 1962:356.
  2. Museo de Pontevedra
  3. "Leyenda, Historia y Arte". Monasterio de Armenteira (en castelán). 2013-06-19. Consultado o 2021-11-08. 
  4. "31-12-2020 Statistica nuns" (PDF). ocso.org. 
  5. "Las monjas convertirán el antiguo noviciado de Armenteira en una fábrica de jabones". La Voz de Galicia (en castelán). 2013-04-10. Consultado o 2021-11-08. 
  6. "As monxas de Armenteira abren a súa tenda ao mundo". Pontevedra Viva. Consultado o 2021-11-08. 
  7. Crenzas semellantes existen noutros lugares, como Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), San Xiao de Arnois (A Estrada), Santa Uxía de Asma (Chantada) ou na ermida de Santa María de Mixós (Monterrei).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dionisio Duarte (1624). La relación escrita del convento de Armenteira.
  • Risco,Vicente: “Cultura espritual”, en Historia de Galiza I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, s. v. Domingos III.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar